DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 19 de maio do 2017

Carla López analizou na súa tese a “estratexia 2.0” dos campionatos de Europa de deportes colectivos

Os eventos deportivos universitarios priman a información fronte a participación nas redes sociais

A maioría dos torneos analizados deu prioridade á busca de visibilidade fronte á relación cos seus públicos


ImageNa actualidade, a promoción de eventos deportivos como os Campionatos de Europa Universitarios non se concibe sen o uso das redes sociais, sostén a investigadora Carla López, quen analizou na súa tese a comunicación realizada nestas plataformas polos organizadores dos torneos. No seu estudo, López Rodríguez constatou que, pese as posibilidades de interacción que outorgan as redes sociais, os usuarios e usuarias remataron sendo máis espectadores que participantes e os eventos deportivos universitarios tenden a empregar as redes sociais “como unha extensión do medio offline, no que o usuario ve pero non participa”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Na actualidade, a promoción de eventos deportivos como os Campionatos de Europa Universitarios non se concibe sen o uso das redes sociais, sostén a investigadora Carla López, quen analizou na súa tese de doutoramento a comunicación realizada nestas plataformas polos organizadores dos torneos. No seu estudo, López Rodríguez constatou que, pese as posibilidades de interacción que outorgan as redes sociais, os usuarios e usuarias remataron sendo máis espectadores que participantes. Os eventos deportivos universitarios tenden a empregar as redes sociais “como unha extensión do medio offline, prevalecendo o envío unidireccional de información e o seu uso como escaparate do evento, no que o usuario ve pero non participa”, sostén a investigadora, tras constatar que os seguidores e seguidoras destes eventos “amosan signos de distanciamento e pouca participación”.

Para a súa tese La gestión de la comunicación online en los eventos deportivos: la estrategia 2.0 de los CEU 2013, que dirixiu o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos, esta titulada en Comunicación Audiovisual e Publicidade e RRPP analizou “que mensaxes transmitían as organizacións nas diferentes plataformas sociais e como respondía o usuario ante estas” en seis dos 17 Campionatos de Europa Universitarios, impulsados pola Asociación Europea de Deporte Universitario (EUSA), que tiveron lugar no ano 2013. Concretamente, o estudo centrouse nos torneos de de fútbol, celebrado en Almería; fútbol sala, desenvolvido en Antequera; baloncesto (Split, Croacia); balonmán (Katowice, Polonia), bádminton (Estocolmo, Suecia) e o de volei praia celebrado en Porto. Todos estes campionatos empregaron Facebook para a súa comunicación, así como Twitter en boa parte dos casos, redes ás que sumaron, de xeito máis puntual, plataformas como Youtube e Vimeo, relata a investigadora, que incide na importancia das redes sociais á hora de aumentar os seguidores e outorgar visibilidade a un determinado evento, así como incrementar a reputación da organización que o promove.

Imaxe fronte a reputación

Coa excepción dos europeos de baloncesto e volei praia, os campionatos analizados “primaron o impacto antes que a relación no medio”, sinala esta investigadora, que apunta que no resto dos casos optouse por “estratexias de carácter convencional de marca e imaxe”, centradas na “visibilidade e notoriedade do campionato” e máis propias, ao seu xuízo, dos medios tradicionais, “onde o receptor ten un rol pasivo”. Do mesmo xeito, a pesares de que as organizacións destes seis torneos amosáronse moi activas nas redes sociais, principalmente en Facebook, os seus usuarios e usuarias definíronse fundamentalmente como espectadores, “que non se involucran co contido que ofrecen”.

Mais esta interacción é unha das características fundamentais destas plataformas e nela centráronse as “estratexias de reputación” dos campionatos desenvolvidos en Croacia e Portugal. “Primaron a relación cos seus públicos”, sinala López da comunicación de dous torneos que sumaron á súa promoción e á información do desenvolvemento da competición, “un traballo moi orientado a satisfacer as necesidades” dos seguidores e seguidoras, “proporcionándolle a información que requirían en cada momento”.

Prima a información promocional e deportiva

A análise das mensaxes publicadas por estes seis torneos permitiu a López agrupar en “seis grandes bloques” temáticos estes contidos; relacións públicas, técnico-deportivo, administrativo, loxístico, protocolo e turístico, sendo os dous primeiros os que adquiriron unha maior presenza, o primeiro nas xornadas previas, para promocionar o evento, e o segundo, nos propios días da competición. Estas dúas categorías foron tamén, sinala, as que lograron “unha maior resposta” por parte dos seguidores e seguidoras duns perfís que, polo xeral, “reflicten pouca actividade unha vez finalizado” o torneo.

Eventos desvinculados da universidade

Outra das conclusións que López extrae do seu estudo é que “percíbese unha certa ruptura entre a universidade e o evento deportivo universitario a favor do intervencionismo de asociacións e federacións deportivas que son, nalgúns casos, as que organizan” o que, engade, “debilita a creación e mantemento de relacións da universidade cos seus públicos”. A excepción atoparíase nos dous torneos celebrados en España e o desenvolvido en Croacia, que si foron xestionados polos servizos de deportes das institucións académicas e nos que “queda claro en todo momento que son as principais organizadoras”. Pola contra, nos torneos de Portugal e Suecia, as universidades amosan “un vínculo secundario” cun evento que coordinaban asociacións deportivas, mentres que no caso de Polonia, engade, “non se aprecia ningún tipo de relación entre o evento e a universidade de lugar”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós