DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 19 de maio do 2017

O centro acolle unha nova edición dos seus recunchos temáticos

Ourense escribe... para os lectores da biblioteca universitaria

Nesta ocasión dedica especial atención á obra de escritores e escritoras vinculados á provincia


ImageOurense escribe. Este é o lema escollido polo persoal técnico da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense para o novo recuncho literario co que conta o centro na súa entrada. A selección de obras de autores vinculados a Ourense que se pode ver e coller emprestada neste espazo pretende dinamizar os fondos da biblioteca e chamar a atención dos potenciais lectores. A diversidade de títulos é moi ampla, abranguendo desde obras como O expreso da literatura e outros ensaios, de Carlos Casares, ata Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras.

Duvi | Ourense
Ourense escribe. Este é o lema escollido polo persoal técnico da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense para o novo recuncho literario co que conta o centro na súa entrada. A selección de obras de autores vinculados a Ourense que se pode ver e coller emprestada neste espazo pretende dinamizar os fondos da biblioteca e chamar a atención dos potenciais lectores. A diversidade de títulos é moi ampla, abranguendo desde obras como O expreso da literatura e outros ensaios, de Carlos Casares, ata Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras.

“Xa levabamos tempo pensando en facer nunha mostra de escritores da casa, escritores nacidos en Ourense ou que xa levan tantos anos vivindo aquí que son como da casa, e como este ano as Letras Galegas se dedicaron a Carlos Casares aproveitamos a ocasión”, explican as promotoras da iniciativa. A selección de obras expostas, engaden, recolle “sobre todo autores contemporáneos aínda que sen esquecernos das raíces e tendo por suposto moi presente a Carlos Casares”. Deste panel de creadores o recuncho amosa tanto obras narrativas como poéticas, tanto literatura para adultos como infantil e tanto obras en castelán como en galego. “No fondo trátase de celebrar a literatura que se xera nesta terra. Pode que non estean todos os que son pero si que son todos os que están”, recalcan.

Entre os autores incluídos na selección de fondos están Bieito Iglesias, Antón Riveiro, Xosé Carlos Caneiro, Francisco Xosé Fernández Naval, Alfredo Conde, Silverio Cerradelo, Chus Pato, Camilo Franco, Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Diego Ameixeiras, Xosé Cid, Ramón Caride, Alberto Canal e outros moitos. Tampouco falta autores como o creador de banda deseñada David Rubín ou obras de membros da comunidade universitaria ourensá, como Vals latino, escrito pola docente María Lameiras. Por último, salientan as técnicas da biblioteca universitaria, dos “clásicos fixemos unha pequena escolma que vai dende Otero Pedrayo e Curros Enríquez ata Blanco Amor”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós