DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 19 de maio do 2017

A docencia será do 1 de xuño ao 20 de xullo en horario de tarde os xoves e venres sen exames

Enxeñeiras e enxeñeiros coñecerán as claves da seguridade dixital para facer fronte a ciberataques

Nun curso de 44 horas que será impartido por profesionais de empresas galegas e estatais


ImageDatos persoais, bancarios, fiscais, compras por internet, unha morea de claves… nun mundo como o actual no que as e os cidadáns están altamente conectados na rede, a seguridade dos equipos e sistemas informáticos e das actividades en liña é esencial. Sendo conscientes tamén do incremento da demanda de profesionais relacionados con este eido, a Escola de Enxeñería de Telecomunicación puxo en marcha o curso pasado un Curso de Introdución á Ciberseguidade e, dada a boa aceptación do mesmo, este verán repetirase. O obxectivo é dotar ao alumnado dunha visión de conxunto dos diferentes aspectos que conforman a ciberseguridade a das saídas profesionales que permite.

Duvi | Vigo
Datos persoais, bancarios, fiscais, compras por internet, unha morea de claves… nun mundo como o actual no que as e os cidadáns están altamente conectados na rede, a seguridade dos equipos e sistemas informáticos e das actividades en liña é esencial. Sendo conscientes tamén do incremento da demanda de profesionais relacionados con este eido, a Escola de Enxeñería de Telecomunicación puxo en marcha o curso pasado un Curso de Introdución á Ciberseguidade e, dada a boa aceptación do mesmo, este verán repetirase. O obxectivo é dotar ao alumnado dunha visión de conxunto dos diferentes aspectos que conforman a ciberseguridade a das saídas profesionales que permite. O prazo de inscrición xa está aberto e os interesados poderán matricularse ata o 1 de xuño, data na que se iniciará a docencia, que se alongará ata o 20 de xullo.

O director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas explica que o curso está destinado a persoas tituladas do eido da Telecomunicación, a Informática ou profesionais interesados en dirixir as súas carreiras profesionais cara a ciberseguridade, "un campo está crecendo e agardamos que o siga facendo nos vindeiros anos". Ao longo de 44 horas de docencia teórica e práctica os asistentes achegaranse dende unha perspectiva introdutoria á ciberseguridade e coñecerán o goberno e a arquitectura da seguridade en internet, as tecnoloxías dispoñibles neste eido, a seguridade en redes, sistemas, software, aprenderán a xestionar incidentes, a auditar a seguridade dos equipos, coñecerán a lexislación deste campo e realizarán, para rematar, un caso práctico centrado na xestión da seguridade na Agencia Tributaria. O curso será impartido por profesionais que se dedican á ciberseguridade en empresas galegas o do resto de España, entre elas R Cable e Telecomunicaciones Galicia; Inprosec; DimensionData; Ultreia; Tarlogic Security SL; Incibe (Instituto Nacional de Ciberseguridad - Ministerio de Industria); Risk Advisory IT & Ciber Risk Services; Deloitte; a Agencia Estatal de Administración Tributaria e Security Consulting & Business Development en Accenture.

Respecto á primeira edición, que se celebrou hai xustamente un ano, o director da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, explica que a valoración foi moi positiva. “Foron 30 alumnas e alumnos na primeira edición e a opinión xeneralizada foi moi favorable, polos contidos adaptados á realidade da ciberseguridade nas empresas do sector e polo contacto con profesionais que están exercendo neste ámbito”.

Pouca sensibilización sobre os riscos de seguridade

O director da EE de Telecomunicación considera que, se ben existen moitas posibilidades de coñecer os riscos da contorna dixital, hai pouca sensibilización sobre o tema. “Sabemos que existen múltiples riscos pero preferimos non preocuparnos, nunha especie de táctica da avestruz, que enterra a cabeza para non ver o que pasa ao seu redor e así sentir seguridade”. Destaca que os usuarios, por un lado, “confiamos en que o provedor de conexión nos proporcione seguridade fronte a posibles ataques pero, por outro lado, non dubidamos en conectarnos a calquera wifi gratuíta que teñamos ao alcance do móbil ou tableta e compartir información importante a través da mesma, como as claves do correo electrónico que consultamos, compras por internet, datos de acceso ás redes sociais, etc. Remarca neste sentido que “moitas veces non nos damos conta de que somos nós mesmos os que deixamos a porta da casa aberta con acceso libre a quen queira entrar...” Neste contexto, para preservar a seguridade de usuarios e, sobre todo, de empresas, é preciso que os novos profesionais coñezan as ferramentas e medidas que permitan mitigar os riscos e atallar os ataques, unha formación que a EE de Telecomunicación trata de achegar con este curso, no que as e os interesados poden matricularse a través da plataforma Bubela. A docencia terá lugar en horario de tarde os xoves e venres nos que non haxa exames.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós