DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 19 de maio do 2017

Os organizadores destacan os bos resultados desta edición

Once andainas, 200 quilómetros e 900 participacións despois, as rutas culturais despídense ata o vindeiro curso

A programación desenvolveuse do 22 de outubro ao 13 de maio


ImageRealizando o último tramo do Camiño de Santiago a Fisterra, a programación de rutas culturais que este curso organizou a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo chegou ao seu fin a pasada fin de semana. Foron en total once rutas pola xeografía galega realizadas ao longo de 2016/2017, cunha media de 80 participantes en cada unha delas e un cómputo total de arredor de 900 participacións e de 200 quilómetros percorridos. “As andainas non defraudaron e nós quedamos moi satisfeitos pola resposta da xente e por conseguir rematar a programación sen ningunha incidencia”, resume José García-Calvo, Willy, coordinador destas rutas.

Rosa Tedín | Ourense
Realizando o último tramo do Camiño de Santiago a Fisterra, a programación de rutas culturais que este curso organizou a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo chegou ao seu fin a pasada fin de semana. Foron en total once rutas pola xeografía galega realizadas ao longo de 2016/2017, cunha media de 80 participantes en cada unha delas e un cómputo total de arredor de 900 participacións e de 200 quilómetros percorridos. “As andainas non defraudaron e nós quedamos moi satisfeitos pola resposta da xente e por conseguir rematar a programación sen ningunha incidencia”, resume José García-Calvo, Willy, coordinador destas rutas culturais desde o campus de Ourense.

Despois de 17 anos celebrando cada curso estas andainas universitarias, os seus promotores salientan que xa existe un público consolidado e cunha bagaxe sólida na realización de roteiros. “En todo caso, o que si notamos este curso con respecto aos anteriores é que volve a entrar xente nova nas andainas, sobre unhas 300 nos once roteiros celebrados”, apunta o seu coordinador. O campus de Ourense, sinala, é o que máis participantes achega aos roteiros, seguido polo de Vigo e Pontevedra, se ben nos dous últimos é maior a porcentaxe de membros da comunidade universitaria fronte a participantes alleos a ela. As mulleres, engade García-Calvo, seguen sendo maioría, nunha porcentaxe do 60%.

Do Ourense termal a Fisterra

A programación dos roteiros culturais 2016/2017 desenvolveuse do 22 de outubro de 2016 ao o 13 de maio de 2017, ofrecendo aos participantes a oportunidade de coñecer o patrimonio cultural e natural da contorna compartindo unha actividade de ocio e deporte. A primeira das andainas foi a Ruta Ourense Termal, que levou aos inscritos a coñecer a contorna da cidade das Burgas e as súas termas. Tras ela e ao longo de 2016 levouse a cabo a Ruta Muíños da Barosa-Fervenza de Segade, pola zona de Caldas de Reis; unha andaina polo Val do Narcea e outra pola Ribeira Sacra, que rematou co tradicional magosto ourensán na Área Recreativa de Loñoá.

Xa en 2017 a actividade arrancou coa realización da Ruta Salcedo no Tempo e continuou con percorridos polo val glaciar de Forcadas, en Chandrexa de Queixa, pola Ruta do Contrabando, pola Devesa da Rogueira no Courel e polo Teixadal de Casaio. As dúas últimas andainas do curso foron especiais por diferentes motivos. A ruta número dez consistiu nunha fin de semana no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, os días 22 e 23 de abril, onde os participantes tiveron a oportunidade de realizar varios percorridos interpretativos e de diferente dificultade por este enclave. A última andaina consistiu na realización da terceira etapa do Camiño de Santiago a Fisterra.

Sobre esta programación, o seu responsable destaca o protagonismo que nesta ocasión tivo a montaña, o que permitiu en diversas ocasións realizar andainas acompañados pola neve. “Nesta edición primouse máis a calidade que a cantidade de quilómetros dos percorridos, chegando a facer rutas con desniveis fortes, como no Teixadal do Casaio, O Courel ou Pena Trevinca”, apunta o coordinador dos roteiros. Entre elas García-Calvo destaca especialmente a de Pena Trevinca, “polo contraste tan grande que sentimos entre o esplendor da neve que pisabamos e a negrura das minas e do desastre ecolóxico da zona”. A andaina máis numerosa, lembra, foi a última, con 92 inscritos. Neste repaso polos percorridos realizados, o seu responsable tamén salienta a boa resposta que tivo a proposta de fin de semana no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Pola boa acollida dispensada polo Concello de Muíños e pola excelente resposta dos participantes, a organización destaca como esta actividade se repetirá o vindeiro curso académico e será o colofón á programación de rutas culturais do curso 2017/2018.

Preparando o curso 2017/2018

No que respecta ao éxito do desenvolvemento dos roteiros, o seu coordinador salienta a información continua que deles se ofrece no blog e nos perfís en redes sociais das rutas culturais da Universidade de Vigo, espazos onde se explica con antelación o percorrido, se fan recomendacións, se publican as fotografías e constitúe ao fin unha canle de comunicación permanente. Tamén se realizaron dous concursos fotográficos no que se premiou as mellores imaxes dos participantes nos roteiros. Do mesmo xeito, desde a organización agradecen a todas as entidades e persoas que ao longo desta programación contribuíron a que o seu desenvolvemento fose un éxito. Remata a actividade deste curso, os seus responsables xa están traballando no deseño da programación do curso 2017/2018, na que prometen traer moitas novidades.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós