DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 22 de maio do 2017

Jessica Fernández analizou na súa tese o tratamento informativo dos atentados de ETA contra a Garda Civil

A reacción social mudou o enfoque informativo sobre o terrorismo

Do estudo de 1300 novas conclúe tamén que non se diferenciaron os discursos nacionalista e terrorista


ImageOs chamados ‘anos de plomo’, aqueles nos que ETA perpetrou os seus atentados “máis cruentos e destrutivos” estiveron tamén marcados pola “baixa transcendencia mediática do fenómeno” terrorista, segundo conclúe a investigadora Jessica Fernández tras analizar preto de 1300 novas sobre a banda terrorista. Na década de 1980, este tratamento sustentábanse nun esquema “atentado-noticia, que non afondaba nin no contexto nin no suceso en si coa amplitude que o tema podía requirir”, explica Fernández, que apunta ao asasinato de Miguel Ángel Blanco, en 1997, e a reacción social que provocou como punto de inflexión para un cambio de enfoque. “Pódese afirmar que foi a actitude activa da sociedade na loita contra o terrorismo a que logra cambiar as rutinas na prensa”, salienta esta investigadora, que analizou as informacións publicadas entre 1978 e 2009 por El País e ABC.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Os chamados ‘anos de plomo’, aqueles nos que ETA perpetrou os seus atentados “máis cruentos e destrutivos” estiveron tamén marcados pola “baixa transcendencia mediática do fenómeno” terrorista, segundo conclúe a investigadora Jessica Fernández tras analizar preto de 1300 novas sobre a banda terrorista. Na década de 1980, este tratamento informativo sustentábanse nun esquema “atentado-noticia, que non afondaba nin no contexto nin no suceso en si coa amplitude que o tema podía requirir”, explica Fernández, que apunta ao asasinato de Miguel Ángel Blanco, en 1997, e a reacción social que provocou como punto de inflexión para un cambio de enfoque. “Pódese afirmar que foi a actitude activa da sociedade na loita contra o terrorismo a que logra cambiar as rutinas na prensa”, salienta esta investigadora, que na súa tese de doutoramento en Comunicación analizou as informacións publicadas entre 1978 e 2009 polos xornais El País e ABC sobre a banda armada e os seus atentados contra a Garda Civil. Un estudo que lle permitiu constatar tamén que non se realizou unha diferenciación “entre o discurso nacionalista e as demandas da banda”, dando lugar a “unha posible desinformación ou manipulación informativa que pode levar a identificar como sinónimos ambos conceptos”.

Seguindo unha metodoloxía baseada na teoría do framing, que ten en conta o contexto histórico de cada noticia para “identificar as razóns porque se publican certas informacións e se silencian outras”, Fernández Vázquez estudou para a súa tese La crisis del periodismo en la España Democrática: tratamiento mediático del terrorismo de ETA contra la Guardia Civil en ABC y El País en el perriodo 1978-2009, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Daniel Martí, un total de 1294 pezas informativas e 783 imaxes publicadas por estes dous xornais entre o ano de aprobación da Constitución e aquel no que se produce o último atentado contra o Instituto Armado, ao que pertencían 207 das 829 persoas asasinadas pola banda.

A prensa non condicinou á opinión pública

“Os medios de comunicación non construíron a opinión pública nin condicionaron a resposta social ante o terrorismo”, sostén Fernández tras constatar a evolución do tratamento informativo do terrorismo nestes dous diarios, que amosaron, explica, unha liña coincidente que “tende a homoxeneizar o tratamento informativo do fenómeno”, mesmo no momento no que se produce ese cambio de enfoque. Cambio que permite falar de “dous períodos diferenciados”, o que abrangue de 1878 a 1998, caracterizado por unha “actitude pasiva” e o que comprende desde este ano en diante, que responde xa a ese encadre de “loita activa”, na que pasan a facerse eco tamén das mobilizacións cidadás contra o terrorismo. Do mesmo xeito, os etarras comezan a ser tamén nesta etapa protagonistas das imaxes, “especialmente daquelas que se publican para facilitar a súa captura" e neste segundo período tanto as mobilizacións, como as homenaxes as vítimas, no caso de ABC, comezan a “cobrar especial protagonismo”, desde o punto de vista gráfico. No caso de El País, engade a investigadora, “non se recolle unha imaxe relativa a homenaxes ata 2007”.

“Durante os primeiros anos obxecto de estudo, podería poñerse en dúbida o papel do xornalismo, dada a baixa transcendencia mediática do fenómeno”, recoñece Fernández, que fala dun modelo informativo limitado ao suceso en si, “sen que exista xornalismo de anticipación ou de crise”. Aínda que este esquema de “acción etarra-reacción mediática” reprodúcese o longo de todo o período analizado, a investigdora sinala que a partires de 1990, “a calidade informativa foi en aumento” e as novas comezan a reflectir en maior medida “o clima de crispación social ante o terrorismo e unha postura informativa máis crítica”.

Ausencia de fontes e discursos alternativos

O terrorismo foi abordado desde un punto de vista “netamente informativo” nos dous medios analizados, nos que ”reprodúcese constantemente o discurso gubernamental e non se dá conta doutros discursos sociais”, sinala a investigadora, que alude tamén a unha falta de diferenciación entre os discursos dos nacionalistas vascos e dos terroristas. “Se realmente os medios puideran dirixir a opinión cidadá, a mensaxe que se transmitía pode considerarse erónea, xa que máis que crear unha actitude contraria ao terrorismo fomentábase unha especie de xenofobia cara Euskadi en xeral”, sinala. Na súa tese, Fernández cifra en preto do 1,5% as noticias de El País e en menos do 1% as de ABC que teñen como temática principal o discurso “que desde unha vía pacífica explique que é o nacionalismo vasco máis aló do terrorismo”, mentres que, de forma secundaria, está presente no 3,3% e no 8,5% das novas, respectivamente.

Ademais dos “discursos alternativos”, tampouco a propia Garda Civil “como colectivo afectado ten voz nos medios analizados”, sinala Fernández, que apunta tamén na súa tese á falta de fontes especializadas nunha informacións, que “sitúan aos cidadáns ou testigos, moitas veces afectados emocionalmente, como punto orixinal das noticias”.

Pola contra, a análise realizada constatou tamén o “enfoque respectuoso” coas vítimas e a ausencia dun tratamento sensacionalista a pesares de que estas son, na meirande parte dos casos, as protagonistas das novas analizadas. Do mesmo xeito, a reivindicación dos atentados por parte de ETA tampouco tivo cabida nos medios analizados, “que evitan caer na difusión da propaganda política da banda”.

Ideas para un adecuado tratamento

A investigación complétase coa proposta dunha serie de medidas para un adecuado tratamento mediático do terrorismo. Fernández sinala que as vítimas “deben ser o punto de partida da información” e ter voz nos medios, pero tamén que cómpre reducir “á minima expresións a reprodución de escenas dramáticas, morbosas ou esterotipadas”, ao tempo que “a noticia non pode estar dirixida pola espectacularidade do suceso”. Do mesmo xeito, a investigadora subliña que a nova debe enfocarse desde a loita contra o terrorismo “e non desde o medo, para frear o impacto psicolóxico” dun fenómeno para o que é “indispensable captar a atención dos medios”, pero do que é preciso informar, lembra, dada a súa relevancia social, conclúe.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós