DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 23 de maio do 2017

A Área de Formación e Innovación Educativa organiza un curso práctico

Persoal docente e investigador poderá mellorar as súas habilidades comunicativas en inglés nos foros internacionais

Esta actividade formativa levarase a cabo durante a primeira quincena de xuño


ImageA participación de docentes e persoas investigadoras en foros internacionais, como congresos, cursos e seminarios, implica a realización de presentacións e exposicións orais, normalmente, en inglés, polo que, ademais das técnicas necesarias para desenvolvelas, precísanse habilidades comunicativas nesta lingua. Para dar resposta a estas necesidades formativas, a Área de Formación e Innovación Educativa da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado organiza o curso Práctica do discurso oral en inglés en foros internacionais destinado a persoal docente e investigador.

Inés Tornero | Vigo
A participación de docentes e persoas investigadoras en foros internacionais, como congresos, cursos e seminarios, implica a realización de presentacións e exposicións orais, normalmente, en inglés, polo que, ademais das técnicas necesarias para desenvolvelas, precísanse habilidades comunicativas nesta lingua. Para dar resposta a estas necesidades formativas, a Área de Formación e Innovación Educativa da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado organiza o curso Práctica do discurso oral en inglés en foros internacionais destinado a persoal docente e investigador.

Estruturada en dez sesións de unha hora e media cada unha, esta actividade formativa ten como obxectivos ensinar ás a aos participantes a xestionar as ferramentas necesarias que lles servirán para mellorar a súa competencia comunicativa en foros científicos internacionais, desenvolver habilidades de transmisión de información necesarias para participar en debates e poñer en práctica técnicas para unha boa presentación en inglés en congresos, conferencias, etc. O profesorado encargado deste curso será o propio do Centro de Linguas da Universidade.

As 20 prazas ofertadas xa están cubertas, con preferencia para as persoas que xustificaron que van a asistir a un foro internacional no presente ano académico, mediante a presentación da copia da matrícula deste ou da aceptación do abstract por parte do comité organizador do evento. Un dos principais requisitos para acceder ao curso, aparte de ser persoal docente e investigador, é ter a acreditación do nivel B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou presentarse a unha proba de nivel que ten lugar este venres, 26 de maio ás 13.00 horas na aula Newton 13 da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Catro bloques que compoñen un programa

O programa deste curso divídese en catro bloques temáticos dedicados á preparación propia das presentacións orais e aos problemas lingüísticos que implica o discurso nunha lingua que non é a propia. A primeira parte do programa xira arredor da preparación previa á exposición, na que hai que ter en conta o público, o tempo, a selección da información relevante e o deseño das diapositivas, vídeos, etc. A segunda parte do temario centrarase no desenvolvemento da propia presentación, prestando atención á comunicación verbal e non verbal, a como falar dunha táboa ou gráfico, aos recursos en liña que permiten mellorar as presentacións e á introdución, ao desenvolvemento dos razoamentos e os seus marcadores discursivos e ás conclusións. O terceiro bloque aborda o momento posterior á presentación oral, é dicir, as quendas de preguntas, as análises críticas e as oportunidades de mellora. O programa péchase con sesións sobre a linguaxe específica necesaria para presentar unha investigación, como son os números, as estatísticas, as abreviaturas e os acrónimos, os false friends, os phrasal verbs, a formación de preguntas, o contraste entre o inglés americano e o inglés británico, os estilos de comunicación científica e académica en inglés, as expresións redundantes e os erros ortográficos, de pronuncia e de vocabulario.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós