DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 23 de maio do 2017

O filólogo e escritor Isaac Xubín protagonizará o coloquio deste xoves

Gastronomía e literatura centran o próximo encontro nas Campás

Na última sesión do curso, o 1 de xuño, Amancio Castro falará de fotografía científica


Image“Unha vez escoitei que a gastronomía era o último elemento que perdía unha comunidade migrante ou absorbida por outra, que antes perdía a lingua ou a relixión”, salienta o filólogo e escritor Isaac Xubín do que é un dos eixos do coloquio que este xoves protagonizará na sede da Vicerreitoría no marco dos Encontros nas Campás que promoven o Programa para Maiores e a Área de Extensión Cultural. O recentemente recoñecido co Premio da Crítica de narrativa galega falará das relacións entre gastronomía e literatura na penúltima sesión dunha serie de coloquios que se pechará o 1 de xuño co relatorio que Amancio Castro centrará na fotografía científica.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Unha vez escoitei que a gastronomía era o último elemento que perdía unha comunidade migrante ou absorbida por outra, que antes se perdía a lingua ou a relixión que a gastronomía”, salienta o filólogo e escritor Isaac Xubín do que é un dos eixos do coloquio que este xoves protagonizará na sede da Vicerreitoría no marco dos Encontros nas Campás que promoven o Programa para Maiores e a Área de Extensión Cultural. Acompañado polo tamén filólogo Adrián Estévez, este egresado da Facultade de Filoloxía e Tradución, recentemente recoñecido co Premio da Crítica de narrativa galega, falará das relacións entre gastronomía e literatura, na penúltima sesión este curso dunha serie de coloquios que se pechará o 1 de xuño co relatorio que o mestre xubilado e alumno do programa para maiores de 55 anos da Universidade Amancio Castro centrará na fotografía científica.

“Trátase de actividades pensadas para o alumnado do Programa para Maiores pero abertas a todo o público interesado”, salienta a súa coordinadora no campus, Ana Acuña, do ciclo de iniciativas que este xoves ás 20.00 horas levará a Xubín a promover unha reflexión sobre as relacións entre literatura e gastronomía “en termos de identidade a nivel persoal e colectiva”. Para iso, o tamén gañador da última edición do Premio Lueiro Rey de Poesía abordará a obra de autores como Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Josep Pla ou Manuel Vázquez Montalbán, mais tamén a súa propia experiencia no eido da narrativa. En Non hai outro camiño, a novela gañadora do premio que outorga a Asociación Española de Críticos Literarios, “aparecen bastantes trazos gastronómicos e cando falo destes elementos estou intentando caracterizar dalgunha forma as personaxes”, recoñece este escritor, que lembra que moitos autores e autoras que reflectiron nas súas obras motivos vinculados co xantar, “que son utilizados sempre cunha vontade, porque queren expresar algo que vai unido a eses pratos dunha forma indirecta e que o lector xa está interpretando cando os le”.

Da literatura á fotografía

Coincidindo co remate do curso no Programa para Maiores, esta serie de encontros despídense o 1 de xuño, desta volta na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, cun coloquio co mestre Amancio Castro, co-autor xunto co investigador do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán Francisco Javier Silva Pando do libro Flora do río dos Gafos. Castro, que foi tamén alumno deste programa, falará nesta sesión dos traballos fotográficos que desde hai máis de 30 anos desenvolve e que o levaron a especializarse na fotografía científica de plantas e fungos de menos de dous milímetros.

Así mesmo, o Programa para Maiores completará estas actividades cunha serie de visitas vinculadas a diferentes materias do seu ciclo intensivo e que levarán aos seus alumnos e alumnas a visitar Monforte de Lemos, a Armenteira e o Ribeiro nas próximas semanas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós