DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 25 de maio do 2017

Trátase dun requisito previo para poder acceder á titulación

As probas de acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte reúnen 150 estudantes

O 85% dos candidatos e candidatas obtiveron a cualificación de apto


ImageAínda faltan dúas semanas para que o alumnado que o vindeiro curso iniciará os seus estudos universitarios teña que enfrontarse as probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), mais para aquelas e aqueles que teñen entre as súas opcións o grao de Ciencias de Actividade Física e do Deporte, o primeiro paso para converterse en estudantes do campus pontevedrés o vindeiro curso comezaba este xoves. Facíao coa celebración das probas físicas de acceso a esta titulación, que reuniron 150 estudantes en Ciencias da Educación e do Deporte, na primeira das dúas convocatorias ás que poderán concorrer os 190 inscritos.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Aínda faltan dúas semanas para que o alumnado que o vindeiro curso iniciará os seus estudos universitarios teña que enfrontarse as probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), mais para aquelas e aqueles que teñen entre as súas opcións o grao de Ciencias de Actividade Física e do Deporte, o primeiro paso para converterse en estudantes do campus pontevedrés o vindeiro curso comezaba este xoves. Facíao coa celebración das probas físicas de acceso a esta titulación, que reuniron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte un total de 150 estudantes, na primeira das dúas convocatorias ás que poderán concorrer os 190 inscritos e inscritas. Trátase dunhas probas dirixidas a demostrar unhas capacidades básicas en materia de forza, resistencia, velocidade, axilidade ou flexibilidade, que garantan que os futuros alumnos e alumnas “teñen unha condición física adecuada para realizar as prácticas destes estudos”, como apunta o decano, Vicente Romo.

Probas que superaron máis do 85% dos e das aspirantes, un total de 128, mentres que os 22 restantes terán unha segunda oportunidade para superar estes exercicios nunha segunda sesión, que terá lugar o 22 de xuño é a que poden concorrer tamén as 40 persoas que non as realizaron nesta xornada. Así pois, será o expediente académico que finalmente determine quen obtén o vindeiro curso unha praza nesta titulación entre aqueles e aquelas que nesta xornada obtiveron a cualificación de aptos. Para iso, tiveron que superar os rexistros mínimos fixados para os exercicios de forza explosiva dos membros superiores e inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica, debendo obter a cualificación de apto en cinco destas seis probas, así como superar obrigatoriamente a de adaptación ao medio acuático, que se desenvolveu na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

“Estamos moi satisfeitos pola alta participación, tivemos unha gran demanda”, recoñece Romo dunhas probas que, ao igual que na anterior edición, teñen unha vixencia de dous anos, polo que aqueles e aquelas que as realizaron o pasado curso non tiñan que retornar nesta xornada ao campus. Así mesmo, desde o pasado curso tamén é posible presentar as realizadas noutra facultade española, pese ao que foron 190 as persoas inscritas nestas probas.

Implicación de profesorado e alumnado

Preto de 30 profesores e profesoras da facultade encargáronse de avaliar aos e ás aspirantes nunha xornada que arrincou ás oito da mañá “cos alumnos concentrados no Pavillón Universitario, onde lles explicamos o funcionamento das probas”, que ían realizando divididos en diferentes grupos, cada un deles guiado por un integrante da Delegación de Alumnado, “aos que temos que agradecer a implicación que teñen nestas probas, que é máxima”, salienta Romo.

Dirixidas a garantir esa condición mínima, as probas contaron un ano máis cunha elevada taxa de aptos e aptas, como é o caso de Laura Fernández, chegada a Pontevedra desde Asturias co propósito de converterse o vindeiro curso en estudante do campus. “Preparáraas na casa e resultáronme fáciles, aínda que pensei que ía aprobar a de habilidade ximnástica e non o fixen, mentres que si pasei a do balón medicinal, que nunca me saíra ben na casa”, relata esta alumna, para quen este tipo de requisitos son necesarios “para realizar unha carreira como esta”. Aspecto no que coincide a coruñesa Laura Fernández, que tamén ten nesta titulación a súa principal preferencia. “Levo doce anos facendo deporte e non vexo outra opción”, sinala tras realizar estas probas tanto en Pontevedra como na Universidade da Coruña.

Multitudinaria xornada de adestramento

Un ano máis, a celebración destas probas viuse precedida pola xornada de preparación que a Delegación de Alumnado organizou este mércores é que como salienta a súa representante Lara Piñeiro contou desta volta cunha elevada participación. “Estivemos toda a mañá e toda a tarde e deberon de vir practicamente todos”, explica a representante da delegación dunha actividade que “máis que un adestramento serve para explicarlle como é cada unha das probas, cales son os fallos máis típicos e darlles unha serie de consellos”. E aínda que “hai un pouco de todo”, recoñece que, polo xeral, a proba de habilidades ximnásticas foi á que máis dificultades presentaba para a maioría dos e das aspirantes, que tamén nesta xornada contaron co apoio dun grupo de dez integrantes e ex-estudantes e membros da delegación, encargados de guiar aos diferentes grupos ao longo do seu percorrido pola facultade. Apoio que, como lembra Piñeiro, volverán prestar na sesión programada para xuño.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós