DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 17 de xullo do 2017

O docente Burghard Baltrusch é o investigador principal do proxecto internacional POEPOLIT

Unha análise do carácter político de certas expresións poéticas na actualidade occidental

Céntrase no período que vai de mediados do século XX á actualidade en catro espazos xeográficos


Image Que na poesía actual se pode observar, de forma aínda máis clara ca nas vangardas, a presenza do político como unha experiencia humana colectiva, mais tamén como un interface entre o público e o privado, entre a subxectivización e o suxeito, entre o global e o local , entre a asimilación e a subversión, entre a participación e a resistencia, etc. é a hipótese de partida do proxecto de investigación Poesía actual e política: análises das relacións contemporáneas entre produción cultural e contexto sociopolítico. POEPOLIT está financiado con algo máis de 36.000 euros do Programa Estatal de Fomento de la I+D+i de Excelencia 2016 e nel traballará un equipo internacional integrado por 18 persoas de 11 universidades e sete países, liderado polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Burghard Baltrusch.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Que na poesía actual se pode observar, de forma aínda máis clara ca nas vangardas, a presenza do político como unha experiencia humana colectiva, mais tamén como un interface entre o público e o privado, entre a subxectivización e o suxeito, entre o global e o local , entre a asimilación e a subversión, entre a participación e a resistencia, etc. é a hipótese de partida do proxecto de investigación Poesía actual e política: análises das relacións contemporáneas entre produción cultural e contexto sociopolítico. POEPOLIT, que rematará no ano 2019, está financiado con algo máis de 36.000 euros do Programa Estatal de Fomento de la I+D+i de Excelencia 2016 e nel traballará un equipo internacional integrado por 18 persoas de 11 universidades e sete países, liderado polo docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Burghard Baltrusch.

“O proxecto POEPOLIT pretende analizar o carácter político de certas expresións políticas na actualidade occidental. Non estamos pensando soamente en textos, mais tamén en todo tipo de fenómenos intermediais, como podían ser os recitais, a performance, a street art, a poesía multimedia en xeral”, explica Baltrusch, que detalla que neste proxecto pretenden tratar cuestións como a de até que punto unha poesía esteticamente complexa tería menos posibilidades de exercer unha influencia política ca unha poesía máis popular; ou se a poesía proporciona unha epistemoloxía ou un acceso privilexiado á reflexión da realidade actual. “Mais tamén preguntamos cal é a súa influencia sobre a sociedade e, en caso de habela, se a sociedade recoñece e valora esa influencia. Ou tamén, cales serían as consecuencias ou os riscos implícitos para unha poesía que se asume como apolítica ou ‘separada’ da sociedade e como podemos expandir os horizontes do ‘político’ a través de novas linguaxes e perspectivas analíticas. Entre moitos outros aspectos máis”, concreta o investigador principal do proxecto.

O traballo centrarase na poesía actual, no período que vai, aproximadamente, de mediados do século XX até á actualidade, abarcando catro espazos xeográficos: o anglófono (Reino Unido e EUA), o hispanófono (España e Hispanoamérica), francófono (Bélxica) e lusófono (Portugal e Brasil). Precisamente, un dos impulsores do proxecto é a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, porque a obra do premio Nobel portugués serve como exemplo paradigmático da relación íntima entre literatura e política.

Como a presenza do político nas expresións poéticas se foi democratizando

Observar como a presenza do político nas expresións poéticas actuais se foi democratizando nas últimas décadas é, segundo Burghard Baltrusch, é un dos grandes retos deste proxecto, que desenvolverá un equipo que leva colaborando desde hai case unha década, organizando simposios e congresos, con moitas publicacións individuais e cinco libros publicados, e que mantén a rede internacional Poetics of Resistance. “Os grafiti nas grandes urbes son un exemplo paradigmático de como unha expresión poética con impacto social está ao alcance de cadaquén. Mais tamén as performances, os recitais, os blogs, etc. Na Galiza, por exemplo, vivimos un auténtico boom nestes ámbitos nos últimos 30 anos”, explica Baltrusch, que sinala que o tema tamén é relevante porque a relación da poesía actual coa política é un ámbito aínda non estudado e documentado de forma sistemática.

A existencia de espazos para evolucións subversivas e transgresivas, nas que o político se mostra na súa vertente máis incondicional, provoca que as forzas de control económico e social actuais non sexan quen de dominar completamente a produción cultural. “Aquí a expresión poética é unha especie de proceso de intervención política no espazo público. Como se fose a busca dunha alternativa sistémica”, sinala o docente e investigador da Universidade de Vigo, que explica que unha arte política sempre tende a crear compatibilidades entre cousas que á primeira vista non casan, “como no caso das cores e formas dunha pintura cubista: ontoloxicamente forzadas, pero fenomenoloxicamente compatibles, como a relación entre unha verdade e a situación na que esta verdade pode funcionar como tal”.

Un proxecto continuación doutros dous

Este traballo no que se pretende observar na arte política especialmente aquelas prácticas poéticas que contestan ás estéticas institucionalizadas, como aquelas nas que conflúen significado político e impacto sensitivo, público, económico, artístico, etc. é a continuación de dous proxectos anteriores: O discurso non lírico na poesía contemporánea: espazos, suxeitos, hibridación enunciativa, medialidade e A poesía actual no espazo público: intervención, transferencia e performatividade. “O primeiro estableceu o concepto de poesía non-lírica como unha ferramenta para a descrición e análise dos discursos formais, estéticos, mediais, teóricos, ideolóxicos, na produción actual e co segundo comprobamos a efectividade e aplicabilidade da noción de ‘espazo público’, procedente da filosofía política e da historia cultural en Europa, para o campo dos Estudos literarios, das Humanidades dixitais e para a análise dos fenómenos poéticos actuais”, detalla Baltrusch en relación cos estudos desenvolvidos ao longo dos últimos seis anos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós