DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 05 de xuño do 2017

É a primeira universidade galega en por en marcha un instrumento deste tipo

O Observatorio de Igualdade bota a andar para visibilizar as desigualdades existentes na comunidade universitaria e as súas causas

Servirá tamén para avaliar os efectos producidos polas políticas de igualdade implementadas


ImageO II Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo, aprobado en 2016, incluía entre os seus obxectivos a creación dun “observatorio de igualdade como fonte de información das políticas de igualdade da Universidade de Vigo”. Esta ferramenta está xa en marcha co obxectivo fundamental elaborar informes e estatísticas que ofrezan información sobre as desigualdades existentes e as causas que as provocan para axudar a comprender a necesidade das políticas de igualdade adoptadas na organización e o fundamento delas. Deste xeito, a Universidade de Vigo convértese na primeira de Galicia en crear un organismo deste tipo.

M. Del Río | Vigo
O II Plan de Igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo, aprobado en 2016, incluía entre os seus obxectivos a creación dun “observatorio de igualdade como fonte de información das políticas de igualdade da Universidade de Vigo”. Esta ferramenta está xa en marcha co obxectivo fundamental elaborar informes e estatísticas que ofrezan información sobre as desigualdades existentes e as causas que as provocan para axudar a comprender a necesidade das políticas de igualdade adoptadas na institución académica e o fundamento delas. Deste xeito, a Universidade de Vigo convértese na primeira de Galicia en crear un organismo deste tipo, que xa inclúe varios documentos, como o informe de participación feminina nas xuntas de centro das facultades e escolas da Universidade de Vigo; o informe de participación feminina nos órganos de goberno dos centros da Universidade de Vigo e o informe de participación feminina de órganos colexiados e unipersoais da Universidade de Vigo. Estes tres documentos son novos e elaboráronse especificamente para a posta en marcha do Observatorio de Igualdade e a eles súmanse neste repositorio outros informes previos, como por exemplo, a análise de composición da Universidade por xéneros.

Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, explica que o observatorio ten catro obxectivos principais. Por unha banda, explica, “tratarase de avaliar os efectos producidos polas políticas de igualdade implementadas na Universidade de Vigo; por outro lado servirá para cuantificar as desigualdades da institución; unha terceira finalidade é visibilizar as experiencias das mulleres da Universidade e, finalmente, permitirá realizar, na medida do posible, informes cualitativos que axuden a coñecer as causas das desigualdades”.

Igualdade forman e igualdade real

A finalidade do observatorio é amosar datos de cal é a situación da igualdade real na Universidade de Vigo, ademais de ofrecer unha diagnose da realidade, achegando xustificacións para tomar as políticas necesarias para corrixir as desigualdades. Anabel González Penín destaca que a igualdade formal non implica unha igualdade real e pon o foco naquelas situacións de aparente igualdade baixo as que se esconden desigualdades e discriminacións indirectas “que é preciso amosar para poder atallalas”. Neste contexto é no que se fai necesaria unha diagnose exhaustiva da situación para “coñecer que está pasando, onde se manifestan esas desigualdades e por que seguen sucedendo a pesar do recoñecemento da non discriminación por razóns de xénero”. Por iso defende a creación do observatorio como “un paso máis do compromiso institucional da Universidade de Vigo para acadar unha igualdade real de oportunidades entre as mulleres e os homes da súa comunidade universitaria”, conclúe.

Traballando nun informe sobre o acoso sexual

Para a elaboración dos estudos e análises que se consideren precisos ao abeiro deste observatorio, a Unidade de Igualdade contará co apoio técnico da Unidade de Estudos e Programas e do persoal docente e investigador da institución. Un exemplo desta sinerxía é a elaboración do informe sobre acoso sexual e por razón de sexo e orientación sexual que está sendo levado a cabo baixo a dirección técnica do grupo de investigación Sexualidade, xénero e saúde PT1 do campus de Ourense. Segundo González Penín, este informe é “prioritario” e estase a desenvolver dende setembro do ano pasado en colaboración con Consello Social e o Tribunal de Garantías. Destaca que aínda que todas as universidades mostran preocupación por este tema, “somos a única universidade española que tivo o arroxo de elaborar un informe deste tipo; do seu resultado sairá unha guía de boas prácticas para contribuír á prevención de acosos baseados no xénero, identidade ou orientación sexual e lograr a erradicación destas condutas na comunidade universitaria”, sinala a responsable da Unidade de Igualdade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós