DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de xuño do 2017

A investigadora Ainara Duque deseñou na súa tese esta ferramenta de avaliación psicolóxica

Un cuestionario busca predicir as consecuencias da retirada deportiva

O estudo que realizou con futbolistas constata que dous terzos non planifican este momento


ImageTratar de predicir como vai afectar a un ou unha deportista o momento da súa retirada, para así poder planificar unha intervención preventiva que contribúa a minimizar ou eliminar os efectos dunha transición que nalgúns profesionais chega a producir estrés, depresión ou perda de identidade. Esa é a finalidade principal da ferramenta de avaliación que Ainara Duque Ingunza desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento, que ten como principal novidade a “visión prospectiva” que achega respecto das perspectivas que teñen os deportistas en activo sobre a súa futura retirada. Unha visión “apenas desenvolvida” no eido da psicoloxía do deporte e que levou a esta investigadora a deseñar un cuestionario de adaptación á retirada deportiva, que validou cunha mostra de 346 deportistas de 51 modalidades.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Tratar de predicir como vai afectar a un ou unha deportista o momento da súa retirada, para así poder planificar unha intervención preventiva que contribúa a minimizar ou eliminar os efectos dunha transición que nalgúns profesionais chega a producir estrés, depresión ou mesmo perda de identidade. Esa é a finalidade principal da ferramenta de avaliación que a investigadora Ainara Duque Ingunza desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento, que ten como principal novidade a “visión prospectiva” que achega respecto das perspectivas que teñen os deportistas en activo sobre a súa futura retirada. Unha visión, recoñece, “apenas desenvolvida” no eido da psicoloxía do deporte e que levou a esta investigadora a deseñar un cuestionario de adaptación á retirada deportiva, que validou cunha mostra de 346 deportistas de 51 modalidades.

Profesora da Facultad de Educación y Deporte da Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Univertsitatea (UPV/EHU), Duque Ingunza realizou tamén para a súa tese Análisis descriptivo y comparativo de deportistas de alto rendimiento retirados y en activo un estudo comparativo da percepción que tiñan deste momento futbolistas retirados e en activo da Real Sociedad de San Sebastián e do Atlético Osasuna. Neste primeiro estudo da tese que a investigadora desenvolveu na Universidade de Vigo baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Joaquín Dosil, puido constatar como os xogadores en activo non pensan na retirada, “pero cren que será positiva e necesitará pouco axuste”, mentres que os ex-futbolistas recoñecen que atoparon na transición máis dificultades das que crían.

Diferente percepción antes e despois

Se ben algúns deportistas viven esta transición “de forma satisfactoria”, diferentes variables inflúen na súa adaptación a este momento de cambio, como a súa planificación previa, "a identificación exclusivamente deportiva” da persoa afectada ou as relacións co club, a posibilidade de seguir ligado a este... explica Duque. Outro factor que “ten unha influencia directa na percepción dunha boa adaptación” atópase na consecución dos obxectivos deportivos, “mentres que a retirada por descenso do rendemento valórase como negativa”, explica a investigadora deste primeiro estudo realizado con 66 futbolistas e ex-futbolistas profesionais de Atlético Osasuna e Real Sociedad que, polo xeral, amosaron unha visión positiva desta transición.

Pese a iso, a análise tamén permitiu comprobar que o 66% dos enquisados non pensou neste momento de abandono do deporte profesional, “o que impide a planificación da retirada”, o que a súa vez leva a que as dificultades ás que aludiron máis do 90% dos ex-futbolistas, como “a perda de estatus social e a dificultade de relación con familia e amigos”, apenas sexan mencionadas polos xogadores en activo.

Unha ferramenta que achega unha nova visión

A pesares dos efectos deste momento, a maioría dos cuestionarios deseñados desde o eido da psicoloxía do deporte están dirixidos a ex-profesionais, co propósito de coñecer a súa experiencia ou as causas da retirada. “O elemento común é que a maioría están dirixidos a deportistas xa retirados, é dicir, teñen unha visión retrospectiva. Esta visión ten limitacións porque o deportista soe racionalizar o momento da súa retirada”, salienta Duque das ferramentas de avaliación existentes, que deixan patente ao seu xuízo “a necesidade dunha maior sistematización das entrevistas e da observación e da creación de novos instrumentos de medida” que incorporen, como sinala, esa visión prospectiva.

Esta visión, que permite “predicir se os deportistas terán unha retirada positiva e fácil, ou, polo contrario, dificultosa” é precisamente a principal novidade do Cuestionario de Adaptación á Retirada Deportiva (CARD), que Duque Ingunza desenvolveu no marco desta investigación. Trátase dun instrumento integrado por 32 ítems que permite “ir construíndo un perfil de deportista que a priori terá máis dificultades no momento da retirada”, ao tempo que predicir esas posibles dificultades “e así poder intervir en caso necesario“.

Diferente percepción entre profesionais e amateurs

Unha vez validado o cuestionario, Duque empregouno para comparar as diferenzas na percepción que respecto desta transición poderían atoparse entre deportistas profesionais e amateurs, “en función da categoría, idade e xénero”. Para iso, presentou este cuestionario a unha mostra de 349 futbolistas de Segunda, Segunda División B e Terceira e da Primeira e Segunda División Femininas.

Neste estudo constatouse de novo que as e os “deportistas non teñen a percepción de que vaian a ter unha retirada difícil”, como xa acontecera co realizado con futbolistas profesionais. Aínda que tamén permitiu comprobar como a idade, categoría e ocupación principal inflúen na percepción da mesma. No estudo, o 100% dos futbolistas profesionais, neste caso da Segunda División, teñen como ocupación principal o deporte, cifra que descende ao 50% no caso da Segunda División B e "máis considerablemente" tanto en categorías inferiores, como no caso do fútbol feminino, no que só o 14% das xogadoras enquisadas de Primeira División teñen no fútbol a súa ocupación central. Outro dato salientable, engade Duque Ingunza, é que preto do 75% dos enquisados e enquisadas compaxinan o deporte con estudos, na maioría dos casos universitarios, "aínda que isto non teña relación coa percepción" que poidan ter respecto da súa futura retirada dos terreos de xogo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós