DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 09 de xuño do 2017

O alumnado de último curso da ESEI celebrou este xoves o seu acto de graduación

Unha nova promoción de Enxeñaría Informática despídese do campus

Trátase de 42 novos egresados e egresadas


ImageOs actos de graduación sucédense estas semanas no campus de Ourense e este xoves chegou o gran momento para o alumnado de último curso do Grao en Enxeñaría Informática da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Trátase de cinco egresadas e 37 egresados que rematan con éxito o seu paso pola universidade e que afrontan a súa saída laboral coa confianza que dá non só ter formación superior senón tamén contar o seu colectivo profesional cunha das taxas de empregabilidade máis altas do mercado.

Duvi | Ourense
Os actos de graduación sucédense estas semanas no campus de Ourense e este xoves chegou o gran momento para o alumnado de último curso do Grao en Enxeñaría Informática da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Trátase de cinco egresadas e 37 egresados que rematan con éxito o seu paso pola universidade e que afrontan a súa saída laboral coa confianza que dá non só ter formación superior senón tamén contar o seu colectivo profesional cunha das taxas de empregabilidade máis altas do mercado.

Unha “escola vangardista”

Lembrando como a Escola Superior de Enxeñaría Informática se creou hai 25 anos, o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, quixo aproveitar o acto de graduación que presidiu para recoñecer non só o esforzo realizado polo alumnado homenaxeado e as súas familias senón tamén polo centro que vén de conmemorar o seu cuarto de século. “Aquela ilusión por construír e por facer na primeira Escola de Enxeñaría Informática segue a latexar nestas paredes”, díxolle o vicerreitor aos asistentes. Grazas ao traballo levado a cabo ao longo deste cuarto de século, recalcou Virxilio Rodríguez, o centro é hoxe “unha escola vangardista” que inculca “ese espírito innovador” nas aulas e nos seu graduados e graduadas.

Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, comezou o seu discurso reivindicando a educación pública en tempos de crise, subliñando a importancia de que “a educación sexa unha das liñas vermellas desta sociedade”. Neste contexto, díxolle aos novos titulados e tituladas que “o voso papel é ser enxeñeiros e enxeñeiras en informática e traballar para poder crear os mellores e máis grandes sistemas informáticos”. Sinalando as elevadas taxas de empregabilidade neste sector, Rodríguez Martínez puxo o aceno na importancia tamén de loitar contra o intrusismo profesional, sendo conscientes de que “a sociedade necesita máis profesionais da informática dos que seremos capaces de formar en anos”. Finalmente, aos novos titulados e tituladas, o director da ESEI díxolles que “saíde aí fóra e demostrade o que valedes e non vos esquezades que nesta, a vosa casa, sempre seredes benvidos para compartir a vosa aprendizaxe coas seguintes xeracións, para continuar formándovos ou simplemente para tomar un café e recordar vellas e novas anécdotas”.

Novos doutores e doutoras

Os egresados e egresadas, que tiveron como madriña de promoción á profesora doutora Pilar Carrión, recolleron os seus diplomas e bandas entre o aplauso do público asistente. Como xa vén sendo tradición, durante o acto de graduación tamén se deu a benvida aos novos doutores e doutoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática. María Encarnación González, Hugo López e Adrián Seara recibiron, de mans do vicerreitor do campus e en recoñecemento do grao que adquiriron, o barrete laureado e as luvas brancas. O acto contou por último co acompañamento musical do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós