DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 12 de xuño do 2017

Bota a andar o Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable, Iberos

Máis de 150 especialistas en bioenxeñaría da Eurorrexión unen esforzos para mellorar a saúde durante o avellentamento

Forman parte do proxecto 13 grupos de investigación de oito institucións, liderados pola Universidade de Vigo


ImageO campus de Vigo acolleu este luns a constitución oficial do Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) coa primeira xuntanza de traballo das e dos representantes de 13 grupos de investigación de oito institucións de Galicia e Portugal que forman parte deste proxecto transnacional e multidisciplinar. Seleccionado dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (Poctep), Iberos está liderado pola Universidade de Vigo e conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que as 152 investigadoras e investigadores implicados traballen en rede co obxectivo de desenvolver e implementar solucións baseadas na bioenxeñaría para a diagnose e o tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento.

Duvi | Vigo
O campus de Vigo acolleu este luns a constitución oficial do Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) coa primeira xuntanza de traballo das e dos representantes de 13 grupos de investigación de oito institucións de Galicia e Portugal que forman parte deste proxecto transnacional e multidisciplinar. Seleccionado dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (Poctep), Iberos está liderado pola Universidade de Vigo e conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que as 152 investigadoras e investigadores implicados traballen en rede co obxectivo de desenvolver e implementar solucións baseadas na bioenxeñaría para a diagnose e o tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento.

Como explica o catedrático Pío González, do Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo e coordinador de Iberos, a finalidade é crear un punto de unión entre os grupos galegos e portugueses que están a investigar en diferentes eidos relacionados co envellecemento dende a perspectiva dos biomateriais, a nanotecnoloxía e os biosensores. Segundo explicou na xornada inaugural, o consorcio centrarase en “potenciar a investigación en rede, crear masa crítica e traballar nunha contorna multidisciplinar” orientada a ofrecer solucións para a diagnose e tratamento de doenzas relacionadas coa idade. Neste sentido, Pío González lembra que dentro da estratexia RIS3 da Eurorrexión, o problema do envellecemento é unha prioridade, sendo Galicia a comunidade máis avellentada de España, e as provincias de Lugo e Ourense entre as dez con maior idade media da súa poboación de toda Europa. “En Iberos vamos buscar solucións para este reto dende a bioenxeñaría” e para iso continuaranse e potenciaranse liñas xa existentes e poranse en marcha outras novas unindo as capacidades dos diferentes grupos.

En total, neste proxecto intégranse especialistas de oito institucións, dende as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, do Minho e Católica Portuguesa, ata o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, o Instituto Superior de Engenharia do Porto, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e o Instituto de Engenharia Biomédica.

Solucións tecnolóxicas para o envellecemento

A bioenxeñaría é unha das ramas máis recentes da ciencia. Consiste na aplicación de conceptos e métodos da enxeñaría para solucionar problemas nos campos do medicamento e da bioloxía. As súas aplicacións no ámbito da saúde abranguen un amplo abano de posibilidades, entre as que destacan o deseño de próteses e implantes, os biomateriais, a electrónica aplicada á monitorización de pacientes en tempo real, a telemedicina ou o tratamento de imaxes médicas para o diagnóstico. A estratexia de Iberos busca o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas a partir das capacidades dos seus grupos de investigación, concentradas en tres áreas científicas. Desde a área de biomateriais deseñaranse produtos sanitarios mellorados respecto dos xa existentes como próteses, implantes ou recheos óseos para solucionar problemas relacionados co aparello locomotor. Os expertos en nanotecnoloxía abordarán o desenvolvemento de novas terapias e métodos de diagnóstico precoz para enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer ou o párkinson. Por último, desde a área de biosensores traballarase no deseño e desenvolvemento de novos dispositivos e instrumentación biomédica innovadora.

O obxectivo, arrancar 20 novos proxectos conxuntos

Coa meta de impulsar a investigación aplicada da Eurorrexión nestes ámbitos ao máis alto nivel internacional, os responsables de Iberos márcanse como obxectivos a organización e execución de preto dunha vintena de novos proxectos de investigación conxuntos e a captación de fondos a través do programa Horizon 2020 da UE para levalos a cabo. Ademais, unirán esforzos para fomentar a retención e especialización de talento multidisciplinar e a súa mobilidade no ámbito da Eurorrexión, coa contratación de 9 investigadores cunha traxectoria de alto nivel e 45 investigadores noveis, ao que se unirán 40 estancias de investigación nos grupos integrantes de Iberos.

Os seus principais obxectivos complétanse cunha intensa colaboración coas institucións sanitarias e a industria para implementar novas solucións de diagnóstico e tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento a través da transferencia dos resultados de investigación. A solicitude de polo menos 5 patentes e o establecemento de contratos de I+D con empresas e institucións centran os resultados esperados.

Grupos de oito entidades de investigación

Por parte da Universidade de Vigo, intégranse en Iberos os grupos de Novos Materiais –co papel de líder do consorcio–, de Química Coloidal e TeamNanoTech. Desde Vigo traballarán tamén os investigadores dos grupos de Bioquímica de Alimentos e de Reciclaxe e Valorización de Residuos do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Da Universidade de Santiago incorpóranse os grupos de Cirurxía e I+D Farma, aos que se suma o grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria do Campus de Lugo. Dende A Coruña, intégrase o grupo de Bioenxeñaría Tisular e Terapia Celular da Fundación Novoa Santos. A Universidade do Minho achega as capacidades do 3B’s Research Group, con sede en Braga. O consorcio complétase desde Porto co Centro de Biotecnologia e Química Fina da Universidade Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto, o grupo Biocarrier do Instituto de Engenharia Biomédica e o grupo BioMark Sensor Research do Instituto Superior de Engenharia do Porto.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós