DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 13 de xuño do 2017

A Casa das Campás acolleu a inauguración dunha exposición pensada para ser percibida sen vela

As obras táctiles das alumnas de BBAA amosaranse en catro concellos

Coa colaboración da Deputación, achegarase a Caldas de Reis, A Guarda, Porriño e Lalín


ImageTomando o relevo de Tactilicia, o proxecto impulsado hai dous anos desde a delegación de alumnado que convidaba aos estudantes a crear obras para persoas invidentes, obras que fosen percibidas a través do tacto, a Casa das Campás acolleu este martes a inauguración de Proxecto Táctil, unha exposición comisariada pola decana, Silvia García, para a que foron seleccionadas as creacións de dez alumnas “pola súa especial condición táctil de texturas e procedementos”. Exposición que permanecerá na sede da Vicerreitoría ata o 23 de xuño, para logo achegarse, entre setembro e decembro, aos concellos de Caldas de Rei, A Guarda, Porriño e Lalín.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Tomando o relevo de Tactilicia, o proxecto impulsado hai dous anos desde a delegación de alumnado que convidaba aos estudantes a crear obras para persoas invidentes, obras que fosen percibidas a través do tacto, a Casa das Campás acolleu este martes a inauguración de Proxecto Táctil, unha exposición comisariada pola decana, Silvia García, para a que foron seleccionadas as creacións de dez alumnas “pola súa especial condición táctil de texturas e procedementos”. Exposición que permanecerá na sede da Vicerreitoría ata o 23 de xuño, para logo achegarse, entre os meses de setembro e decembro, aos concellos de Caldas de Rei, A Guarda, Porriño e Lalín, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.

Un percorrido que, como salientou García, “vai axudar a un dos seus obxectivos" dunha exposición que conta tamén coa colaboración do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, "concienciar sobre a discapacidade visual” e contribuír así “a que as novas xeracións teñan conciencias barreiras arquitectónicas e de como na nosa vida diaria non pensamos nas persoas que teñen algún tipo de discapacidade”. Nese mesmo senso, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, destacou no acto inaugural dunha exposición na que as obras acompáñanse de cartelas e dunha folla de sala en braille e na que os e as visitantes sen problemas dispoñen dun anteface para percorrela, o valor dunha iniciativa que pon a creatividade do alumnado “ao servizo da inclusión e a innovación social”, combinando deste xeito, como lembrou, os dous piares do proxecto de especialización do campus, CREA S2i.

O acto inaugural contou tamén coa participación da directora da ONCE en Pontevedra, Paula Calvete, da integrante do seu consello asesor Marian Lorenzo e dos docentes do CRE, Xaime Toxo e Eugenio Sancho, así como do seu director, José Ángel Abraldes, quen apuntou que “a vista priva das sensacións que achegan outros sentidos” e salientou a importancia de “seguir adiante con este proxecto totalmente pioneiro”. Así mesmo, o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, puxo o acento en que “a cultura e a arte deben ser accesibles” e na importancia de “achegar esta realidade aos concellos da provincia”.

Obras que non naceron táctiles, pero que son táctiles

Como lembrou García, este proxecto parte dunha iniciativa impulsada pola alumna Pilar Picas, que promoveu que, como un exercicio de clase, “os estudantes fixeran obras pensadas para ser tocadas”. Así, Tactilicia deu pé a dúas exposicións no propio CRE da ONCE en Pontevedra, integradas con pezas realizadas expresamente para este proxecto. Desta volta, explicou a decana, trátase dunha selección de pezas xa realizadas polas artistas, empregando materiais como a madeira, o metal, as teas ou a cerámica, que dan conta da “multiplicidade de texturas e materiais” que se empregan na arte contemporánea.

“Sorprende como cambia túa visión da túa propia peza, que coñeces de antemán, pero coñeces doutra maneira”, salientaba tras percorrer esta exposición co anteface a estudante de Esdemga Anabel Santos, quen admitía ter experimentado “outras sensacións” ao contemplar cos ollos pechados unha obra que naceu como un proxecto táctil. Trátase, concretamente, dunha saia creada cunha superposición de capas de tule que “crean unha textura moi rugosa, moi estraña” e que se reconverte nesta mostra nunha peza escultórica.

O uso de materiais téxtiles para crear “esculturas brandas” é, por outra banda, o eixo da liña de traballo que desenvolve Irene Romero, quen recoñece como moi positivo poder participar nunha iniciativa na que as súas creacións poidan ser tocadas. “Creo que é bo que se fomenten este tipo de iniciativas para que máis xente teña acceso”, engade Andrea Torres, que achega a esta exposición Natureza morta, unha composición integrada por flores feitas con cerámica, que non naceu, explica, como algo específico para ser tocado, aínda que “cando facemos obras tamén temos en conta outros aspectos que non son os visuais”.

A propia Pilar Picas, Laura Álvarez, cunha obra creada con mil anacos de tea e pezas dun calefactor e que parte do seu interese por integrar no proceso creativo “cousas que outros tiraron ou que nós mesmos xa non utilizamos”, Mari Luz Feijóo, Alejandra Lago, Loaira Peres, Yolanda Ríos e Renata Sierra, que presenta unha escultura elaborada con prismas de madeira inseridos en cordas de piano, completan a relación de artistas seleccionadas para este Proxecto Táctil.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós