DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de xuño do 2017

A Biblioteca Rosalía de Castro acolle ata o 7 de xullo unha mostra sobre o escritor

Unha ventá aberta á obra de Casares a través das capas dos seus libros

No marco da programación organizada co gallo das Letras Galegas 2017


ImageO pasado 17 de maio celebrouse o Día das Letras Galegas, que nesta edición 2017 estivo dedicada ao escritor ourensán Carlos Casares. Porén, cada ano os actos de homenaxe ao escritor elixido en cada edición prolóngase alén desa data co obxectivo de aproveitar a conmemoración para dar maior visibilidade á literatura galega e aos seus creadores. Deste xeito, no campus de Ourense desde este martes e ata o 7 de xullo, a Biblioteca Rosalía de Castro acolle a exposición As caras dos libros. O deseño de capas na obra de Carlos Casares.

Rosa Tedín | Ourense
O pasado 17 de maio celebrouse o Día das Letras Galegas, que nesta edición 2017 estivo dedicada ao escritor ourensán Carlos Casares. Porén, cada ano os actos de homenaxe ao escritor elixido en cada edición prolóngase alén desa data co obxectivo de aproveitar a conmemoración para dar maior visibilidade á literatura galega e aos seus creadores. Deste xeito, no campus de Ourense desde este martes e ata o 7 de xullo, a Biblioteca Rosalía de Castro acolle a exposición As caras dos libros. O deseño de capas na obra de Carlos Casares.

A mostra, aberta a todas as persoas interesadas, está situada na entrada do centro. Organizada pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Área de Cultura do campus de Ourense e da biblioteca que a acolle, o obxectivo da iniciativa é, segundo explican os seus responsables, “realizar unha achega especial e diferente á obra de Carlos Casares a través das capas dos seus libros durante os 50 anos que transcorreron dende a saída do prelo de Vento ferido”. Os distintos ilustradores, deseñadores e fotógrafos que participaron nestas edicións, apuntan, “contribuíron a debuxar a ventá sobre a que Casares deitaría a súa literatura”.

A primeira lectura

Segundo explica Miguel Valverde, asesor técnico da Fundación Carlos Casares, a mostra recolle as cubertas de arredor de 120 libros, cifra que, engade, “supón unha representación non totalmente completa pero si moi extensa da súa traxectoria”. De cada obra incluída, a mostra recolle unha ficha con información na que, entre outros datos, se referencia ao autor da imaxe da capa. Nos paneis expostos na Biblioteca Rosalía de Castro, os usuarios do centro poden ver a imaxe de libros do propio Casares, de diferentes estilos literarios e edicións, e de obras nas que o escritor tivo protagonismo dun ou doutro xeito, como por exemplo obras colectivas ou biografías.

As caras dos libros. O deseño de capas na obra de Carlos Casares, apunta o seu coordinador, é unha versión moi ampliada dunha primeira mostra realizada en colaboración coa Asociación Cultural Rocha Forte en Santiago de Compostela. Así, a exposición aberta no campus de Ourense abrangue novela, literatura infantil e xuvenil, narrativa breve, ensaio, edición, biografía, obra xornalística, etc. “Un dos aspectos máis interesantes que ten para nós esta mostra é que permite visibilizar dun só golpe de vista toda a diversidade e amplitude da obra de Carlos Casares”, subliña Miguel Valverde. Ademais, engade, permite abordar a relación especial que une aos escritores coas imaxes que representan a súa obra na cuberta dos seus libros. “Non hai que esquecer que a primeira lectura que fai unha persoa dun libro prodúcese cando mira a capa desa obra”, sinala por último o coordinador da mostra.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós