DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 14 de xuño do 2017

Nunha sesión que forma parte do seu premio como gañadores do Concurso Intercentros da escola

O alumnado de Los Sauces retornou a EE Forestal para falar de ecoloxía

A sesión estivo dirixida a poñer en relación o eido forestal cos seus estudos de bacharelato


ImageA finais de abril, un grupo de cinco estudantes do colexio Los Sauces convertíase no gañador do segundo Concurso Intercentros da EE Forestal, unha iniciativa dirixida a promover que o alumnado de bacharelato deseñase proxectos de mellora da súa contorna. Un galardón que, por unha banda, lles brindaba dun premio económico de 1000 euros, pero tamén a posibilidade de que a clase dos gañadores retornase á escola para abordar a temática que eles decidisen. E a súa decisión foi a de falar de ecoloxía, nunha clase na que o profesor Juan Picos abordou aspectos como os efectos do cambio climático nas masas forestais.

Duvi | Pontevedra
A finais de abril, un grupo de cinco estudantes do colexio pontevedrés Los Sauces convertíase no gañador do segundo Concurso Intercentros da Escola de Enxeñaría Forestal, unha iniciativa dirixida a promover que o alumnado de bacharelato de Galicia deseñase proxectos de mellora da súa contorna natural. A súa proposta de medidas para a recuperación da fauna na Xunqueira de Alba valeulle a Aldara Merino, Rodrigo Fernández, María Canto, Ángel Cabeza e Cayetana Mosteiro un premio económico de 1000 euros para investir en recursos formativos. Mais o premio tiña tamén unha segunda parte, a posibilidade de que a clase dos gañadores e gañadoras retornase á escola para abordar nunha sesión formativa sobre o eido forestal a temática concreta que eles decidisen. E a súa decisión foi a de falar de ecoloxía, nunha clase na que o profesor Juan Picos abordou aspectos como os efectos do cambio climático nas masas forestais.

Un grupo de doce estudantes, acompañados polo profesor Ramón Sineiro, participou nesta sesión na que, segundo explica a coordinadora do concurso, Rocío Gómez-Juncal, “tentouse poñer en relación os aspectos vinculados co eido forestal con aspectos nos que tiveran traballado nas súas clases de bacharelato”. Así mesmo, a súa visita ao centro completouse cun achegamento, tamén escollido polo propio alumnado, aos traballos de mapeado de masas forestais con drones, da man de Picos e da estudante Marta Fernández..
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós