DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 15 de xuño do 2017

A iniciativa foi promovida no marco dunha xuntanza de profesorado en Olimpia (Grecia)

Profesorado do campus participa na creación dunha rede iberoamericana de estudos sobre olimpismo

A investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das súas promotoras


ImageOlimpia, o berce das Olimpiadas, foi recentemente a sede dunha sesión internacional que reuniu a profesorado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte de diferentes universidades e onde os e as representantes dos países de fala hispana e portuguesa asinaron o Consenso de Olimpia, que ten como obxecto potenciar as relacións entre os investigadores e investigadoras de ambas beiras do Atlántico para traballar conxuntamente na investigación sobre o movemento olímpico. A de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das impulsoras dun acordo que foi acollido con “grande interese” polos representantes americanos.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Olimpia, o berce dos Xogos Olímpicos, foi recentemente a sede dunha sesión internacional que reuniu a profesorado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte de diferentes universidades e onde os e as representantes dos países de fala hispana e portuguesa asinaron o Consenso de Olimpia, un documento que ten como obxecto potenciar as relacións entre os investigadores e investigadoras de ambas beiras do Atlántico para traballar conxuntamente e de forma coordinada na investigación, publicación e divulgación sobre a práctica deportiva e o movemento olímpico. A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María José Martínez Patiño é unha das impulsoras dun acordo que, como sinala, foi acollido con “grande interese” polos representantes de universidades americanas.

“Quéiralo ou non, o movemento olímpico é un nexo de unión entre os pobos”, salienta Martínez Patiño, directora do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade, que incide en que o propósito desta iniciativa é “crear un ponte coas universidades iberoamericanas”, dirixida tanto a difusión dos seus traballos nesta beira do Atlántico, como a “estreitar lazos e crear sinerxías” cos investigadores e investigadoras de España e Portugal. O investigador da facultade Xesús Pena, alumnado do programa de doutoramento de Educación, deporte e saúde e membro da Comisión Pierre de Coubertain do Comité Olímpico Español será o coordinador en España e Portugal dunha iniciativa que, explica, ten como obxectivo “crear unha rede que teña ao español e o portugués como idiomas comúns para aproveitar sinerxías en investigacións, proxectos de máster e doutoramento, intercambios..., dentro do movemento olímpico”


Primeiros asinantes e primeiros pasos

“Investigadores da Pontificia Universidade Católica do Río Grande do Sul e da Universidade de Sao Paulo, en Brasil; do Instituto Superior de Educación Física de Catamarca e da Universidad Nacional del Litoral, na Arxentina; da Asociación de Educación Física y Recreación de Puerto Rico; da Academia Olímpica de México, da Dirección General de Educación Física de Guatemala, da Universidad Santo Tomás de Chile e do Instituto Universitário de Maia Porto portugués figuran entre os primeiros asinantes do documento que Martínez Patiño, membro da Academia Olímpica Española (AOE), presentou neste encontro internacional. Así mesmo, o acordo contou tamén co respaldo dos investigadores das universidades de Granada, Autónoma de Madrid, Autónoma de Barcelona, UCAM de Murcia presentes na xuntanza celebrada na sede da Academia Olímpica Internacional.

Os profesores Nelson Todt, da Pontificia Universidade Católica do Río Grande do Sul, e Daniel de la Cueva, do Instituto Superior de Catamarca, serán os responsables de coordinar e difundir esta iniciativa nos países de América Latina, así como na Rede de Centros de Estudos Olímpicos do Comité Olímpico Internacional. Por outra banda, entre os primeiros pasos acordados nesta xuntanza figura a difusión desta iniciativa a través da Asociación Española de Investigación Social Aplicada al Deporte (AEISAD), así como promover a difusión de estudos vinculados co olimpismo na sección que dedica a este ámbito o Journal of Human Sport and Exercise da Universidad de Alicante.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós