DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 15 de xuño do 2017

A facultade concedeu os seus premios anuais a Estefanía Iglesias, Marc Ciurana e Claudia Campillo

O menú escolar, a optimización de envases e os metais no solo, temas dos mellores traballos fin de grao de Ciencias

En recoñecemento ao esforzo investigador feito por estes estudantes


ImageUn estudo sobre a valoración nutricional dos menús ofertados nun comedor escolar, outro sobre a optimización de envases para a industria alimentaria mediante simulación numérica por elementos finitos e outro sobre a deposición de metais pesados a un solo de bosque caducifolio a través da caída de material senescente. Estes son os tres traballos fin de grao realizados por estudantes do campus de Ourense que este curso veñen de acadar os premios aos mellores traballos fin de grao da Facultade de Ciencias. Estes galardóns, que foron entregados no acto de graduación do centro, teñen como obxectivo recoñecer e potenciar o esforzo investigador do seu alumnado.

Duvi | Ourense
Un estudo sobre a valoración nutricional dos menús ofertados nun comedor escolar, outro sobre a optimización de envases para a industria alimentaria mediante simulación numérica por elementos finitos e outro sobre a deposición de metais pesados a un solo de bosque caducifolio a través da caída de material senescente. Estes son os tres traballos fin de grao realizados por estudantes do campus de Ourense que este curso veñen de acadar os premios aos mellores traballos fin de grao da Facultade de Ciencias. Estes galardóns, que foron entregados no acto de graduación do centro, teñen como obxectivo recoñecer e potenciar o esforzo investigador do seu alumnado.

Alimentación

O Premio Sonia García Falcón foi para a alumna de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos Estefanía Iglesias, polo traballo A valoración nutricional dos menús ofertados nun comedor escolar, dirixido por Montserrat Míguez e Julia de la Montaña. “Debido á importancia de coñecer a oferta alimentaria dos comedores escolares así como a súa aceptabilidade, para garantir unha achega nutricional axeitada e evitar as perdas por desperdicios ou residuos de alimentos nos pratos, neste traballo proponse como obxectivo xeral valorar a calidade nutricional dos menús servidos nun comedor escolar da provincia de Ourense de acordo a estándares recomendados e valorar o grao de aceptación dos alimentos", sinala a egresada. A investigación realizouse nun centro educativo da provincia de Ourense, no que se avaliaron 191 menús.

Sobre as conclusión extraídas, Estefanía Iglesias salienta que nos menús estudados “a oferta de verduras e hortalizas é, en xeral, moi baixa respecto ás recomendacións, aínda que é o grupo de alimentos con maior presenza entre os primeiros pratos (34%)”. Con respecto ás legumes, sinala que este grupo de alimentos é o segundo máis ofertado nos primeiros pratos (26%), porén, engade, en ningún dos meses do curso analizado as racións ofertadas se adecuaron ás recomendadas, cunha media de 5,1 raciones/mes fronte ás 8 aconselladas. En canto aos segundos pratos, na súa maioría, indica a premiada, incluían alimentos de orixe animal, fundamentalmente carnes (50%) e pescados (18%). A oferta de carne, recalca, "foi moi elevada con respecto ás recomendacións nos dez meses do curso e a oferta de pescado, o segundo dos pratos principais despois da carne nos menús estudados, resultou axeitada". Polo que respecta á sobremesa, o traballo recolle que soe estar constituída por froitas variadas nun 51% dos menús e derivados lácteos no 49% restante. “A oferta de froita non segue as recomendacións e por tanto non se cobren os requirimentos propios da idade escolar para este grupo de alimentos”, sinala Iglesias, que tamén realiza unha serie de recomendacións achegar os menús aos modelos de referencia.

Enxeñaría

O Premio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas foi para o alumno de Enxeñaría Agraria Marc Ciurana. O seu traballo, dirixido por Ricardo Bendaña, sinala o egresado, consistiu “nun proxecto de enxeñaría moderna no que, usando un software de elementos finitos, se deseñan e ensaian varios tipos de envases a varias situacións desfavorables para coñecer o rendemento que presenta a súa xeometría nesas situacións, e establecer unha comparativa entre as diferentes xeometrías e a cantidade de material utilizado en cada un atendendo aos valores obtidos de cantidade de material, tensión máxima, desprazamento máximo e deformación". O software empregado, indica, foi SolidWorks 2016. Aos envases de iogures e crema escollidos, comenta o egresado, engadíronselle varias modificacións unha vez ensaiadas para ver se con modificacións xeométricas sinxelas se podían obter mellores resultados mecánicos, realizando un total de 39 ensaios simulados. “Durante a realización deste traballo puiden comprobar a gran ferramenta que é e a utilidade que a análise por elementos finitos ten no campo da enxeñaría”, afirma Marc Ciurana, que tamén destaca no eido deportivo, acadando recentemente a medalla de bronce nos 400 metros estilos no Campionato de España Universitario de Natación.

Medio ambiente

Por último, o Premio Julia Franco foi para a alumna de Ciencias Ambientais Claudia Campillo, polo seu traballo fin de grao Deposición de metais pesados a un solo de bosque caducifolio a través da caída de material senescente, dirixido polos docentes Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias. “Neste traballo estudouse a contribución do material senescente durante o ano 2015 mediante a deposición de cobre, zinc, níquel e cromo desde a atmosfera ao solo dunha parcela de bosque caducifolio dominada por Quercus robur e situada no Carballiño”, comenta a galardoada.

Os resultados recollidos no traballo sinalan que os fluxos mensuais de biomasa senescente son máximos nos meses correspondentes ás estaciones de caída habitual de follaxe en especies caducifolias do hemisferio norte (outono e inverno) e difiren significativamente dos obtidos para primavera e verán. Este fluxo anual de caída de material senescente foi de 396.6 g.m-2. "A distribución mensual dos fluxos de metais pesados está claramente influenciada polo patrón de caída de material senescente ao longo do ano, de maneira que son máximos en outono e inverno", afirma a egresada. Segundo explica Claudia Campillo, os fluxos anuais de cobre e zinc (39.1 e 15.4 mg·m -2, respectivamente) son moi superiores aos de níquel e cromo (8.0 e 1.6 mg·m-2 ), "feito indicativo do papel esencial que desempeñan os dous primeiros nos organismos vexetais".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós