DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 19 de xuño do 2017

O campus acolleu o acto de graduación da quinta promoción deste grao

64 novos titulados e tituladas para dar alento á educación social

O alumnado recibiu as súas bandas e diplomas nun acto celebrado no Edificio Politécnico


ImageSe a pasada semana celebraron o seu acto de graduación as novas promocións de Educación Infantil e Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, este venres, 16 de xuño, tocoulle a quenda aos novos egresados e egresadas do Grao en Educación Social do mesmo centro. Acompañados por familiares, amigos e membros da comunidade universitaria, os 64 novos titulados e tituladas festexaron o remate da súa vida universitaria e o inicio dunha nova etapa na que están chamados a contribuír a crear unha sociedade mellor a través da educación social.

Duvi | Ourense
Se a pasada semana celebraron o seu acto de graduación as novas promocións de Educación Infantil e Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, este venres, 16 de xuño, tocoulle a quenda aos novos egresados e egresadas do Grao en Educación Social do mesmo centro. Acompañados por familiares, amigos e membros da comunidade universitaria, os 64 novos titulados e tituladas festexaron o remate da súa vida universitaria e o inicio dunha nova etapa na que están chamados a contribuír a crear unha sociedade mellor a través da educación social.

Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, acompañaron no Edificio Politécnico aos homenaxeados e homenaxeadas neste día, tendo para eles e elas e as súas familias palabras de recoñecemento e ánimo. Os docentes María Victoria Carrera e Xesús Deibe Fernández foron escollidos respectivamente como madriña e padriño desta quinta promoción de Educación Social da Universidade de Vigo, promoción en nome da cal falaron durante a graduación os estudantes Sofía Torres e David Fuente. Un a un, os novos egresados e egresadas recolleron as súas bandas e diplomas de mans das autoridades presentes e entre o aplauso do público asistente. Esta semana, coa celebración do acto de graduación do alumnado de último curso do Grao en Traballo Social, tamén da Facultade de Ciencias da Educación ourensá, pecharanse os actos de graduación do curso 2016/2017 das facultades e escolas do campus de Ourense.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós