DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de xuño do 2017

30 estudantes de Vigo, Polonia e Noruega participan na escola de verán do proxecto DiamonDT

'Design Thinking' para mellorar Vigo

A xuntanza prolongarase ata o vindeiro xoves na EE de Telecomunicación e no edificio Miralles


Image Como facer que as tascas do Casco Vello sexan máis atractivas para as e os turistas dos cruceiros que arriban a Vigo. Como mitigar o impacto do botellón ou como facer a cidade máis accesible ou mellorar o transporte ás praias. Estes son algúns dos temas sobre os que versarán os proxectos nos que traballarán a trintena de estudantes das universidades de Vigo, de Tecnoloxía de Lodz en Polonia, a de Ciencia e Tecnoloxía de Bydgoszcz, tamén en Polonia, e da Universidade de Tromso en Noruega, que participan na DiamonDT Summer Academy, que hoxe botou a andar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A escola de verán, que se prolongará ata o vindeiro xoves, desenvólvese ao abeiro do proxecto europeo Development of Innovative AcadeMY ON the basis of DT teaching, DiamonDT.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Como facer que as tascas do Casco Vello sexan máis atractivas para as e os turistas dos cruceiros que arriban a Vigo. Como mitigar o impacto do botellón ou como facer a cidade máis accesible ou mellorar o transporte ás praias. Estes son algúns dos temas sobre os que versarán os proxectos nos que traballarán a trintena de estudantes das universidades de Vigo, de Tecnoloxía de Lodz en Polonia, a de Ciencia e Tecnoloxía de Bydgoszcz, tamén en Polonia, e da Universidade de Tromso en Noruega, que participan na DiamonDT Summer Academy, que hoxe botou a andar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. A escola de verán, que se prolongará ata o vindeiro xoves, desenvólvese ao abeiro do proxecto europeo Development of Innovative AcadeMY ON the basis of DT teaching, DiamonDT, no que a Universidade de Vigo participa desde hai case tres anos co obxectivo de desenvolver materiais, guías docentes e boas prácticas para implantar o design thinking nas escolas de enxeñaría europeas.

A escola de verán que acolle a Universidade de Vigo ten o obxectivo de que grupos de estudantes con orixes e formación en diferentes titulacións desenvolvan conxuntamente un proxecto cun impacto real na vida das persoas utilizando a metodoloxía design thinking, “que propón unha forma de crear produtos e servizos que satisfagan mellor as necesidades das persoas, facendo que formen parte activa do proceso de creación, desenvolvemento e posta en práctica das solución ós problemas”, explica Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, que hoxe foi o encargado de dar a benvida ao campus de Vigo ás e aos participantes na escola de verán.

Fernández, xunto a Manuel Caeiro, Kike Costa, Íñigo Cuiñas, Fran Díaz e Perfecto Mariño, son os docentes e investigadores da Universidade que integran o grupo de innovación docente Desire, Design Thinking Innovation&Research, artífice desde hai tres anos da progresiva introdución do design thinking na institución académica viguesa, na que se imparten materias baseadas nesta metodoloxía e realízanse actividades formativas adicionais dirixidas ao PDI e ao alumnado.

Unha escola de verán que culmina o proxecto

Durante a súa estancia en Vigo as e os educadores, enxeñeiros, científicos e economistas que participan na Summer Academy estarán supervisados por unha ducia de mentoras e mentores, cos que ademais de desenvolver o programa académico terán ocasión de coñecer a cidade de Vigo, as súas praias e arredores. “A Summer Academy é o culmen do proxecto DiamonDT. Ata o momento estívose a traballar para organizar este evento e para formar ao profesorado que vai mentorizar ao estudantado participante. A seguinte etapa consistirá en analizar o acadado, os éxitos e os errores cometidos, para así aprender desta experiencia para tentar de mellorala en futuros proxectos”, explica o vicerreitor de Relacións Internacionais.

Coa participación técnica de Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais, a parte viguesa do proxecto DiamonDT desenvolveu cinco cursos de aplicación da metodoloxía design thinking nos que se recolleron boas prácticas e impresións do alumnado; así mesmo, analizouse o material educativo e probáronse diferentes temarios e métodos de avaliación e desenvolvéronse guías docentes para impartir design thinking en distintos formatos e niveis.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós