DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de xuño do 2017

Os investigadores da EE Forestal participan nun proxecto impulsado pola Asociación Agraria de Galicia

O grupo AF4 explora vías para compatibilizar os usos forestais e gandeiros nos montes

Os primeiros traballos de campo desenvólvense en Fornelos de Montes e na serra do Cando


ImageO aproveitamento dos montes como fonte de alimento para o gando pode contribuír tamén a prevención dos lumes forestais, ao reducir a cantidade de biomasa forestal susceptible de converterse en combustible para as lapas. Partindo desta idea, investigadores e investigadoras da Escola da Enxeñaría Forestal traballan na definición dunha serie de medidas que axuden a facer compatibles e sustentables os usos gandeiros e forestais dos montes da provincia. Fano como parte dun grupo operativo de innovación impulsado pola Asociación Agraria de Galicia, ao abeiro dunha liña de subvencións da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
O aproveitamento dos montes como fonte de alimento para o gando pode contribuír tamén a prevención dos lumes forestais, ao reducir a cantidade de biomasa forestal susceptible de converterse en combustible para as lapas. Partindo desta idea, investigadores e investigadoras da Escola da Enxeñaría Forestal traballan na definición dunha serie de medidas que axuden a facer compatibles e sustentables os usos gandeiros e forestais dos montes da provincia. Fano como parte dun grupo operativo de innovación impulsado pola Asociación Agraria de Galicia, ao abeiro dunha liña de subvencións promovida pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta de Galicia.

Valorización do aproveitamento silvopastícola en montes como ferramenta de prevención de incendios e de control é o título do proxecto que esta asociación impulsou ao abeiro dunha liña de axudas para a creación e o desenvolvemento de proxectos piloto, no eido agroforestal, de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e para o que asinou un acordo de colaboración co grupo de investigación que coordina Enrique Valero. “O obxectivo é compatibilizar usos”, ver que medidas permitirían contribuír a unha xestión “sustentable e compatible” dos montes en materia de “extracción de madeira e o uso dos pastos para o alimento da gandería cabalar vacún e outros, algunha moi estendida nas áreas de estudo que estamos utilizando, pero pouco regulada de forma que se compaxinen os rendementos económicos, a prevención de incendios e a conservación dos valores ecolóxicos”, explica a investigadora Xana Álvarez, dun proxecto no que participan tamén os investigadores Antonio de María, Fátima Otero, Juan Picos e Fran Abilleira.

Fornelos de Montes e a serra do Cando, primeiros obxectos de análise

A través dun proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad, o grupo AF4 iniciou en 2015 unha liña de traballo dirixida a conservación do cabalo galego do monte que levou ao equipo de Valero a asinar acordos de custodia do territorio, entre outros, coas comunidades de montes veciñais en man común de Caroi e Estacas, dos municipios de Cotobade-Cerdedo e Fornelos de Montes, respectivamente. Deste xeito, a existencia dunha “colaboración e dun traballo previo” contribuíu a que os montes de Fornelos e da Serra do Cando fosen os primeiros espazos seleccionados para un traballo de campo dirixido a coñecer tanto “o tipo de gando, o seu número e a súa distribución”, como o tipo de pasto existente nesas zonas para, deste xeito, obter tamén a súa “carga gandeira, o número máximo de cabezas de gando que pode admitir ese espazo”.

De xeito paralelo, o traballo pasa tamén por manter xuntanzas tanto con gandeiros como con propietarios forestais, principalmente con comunidades de montes veciñais, para poder coñecer os seus puntos de vista e intereses co propósito de definir “as solucións máis adecuadas para que todos saian beneficiados”. Non en van, aínda que a redución da biomasa que supón que o gando se alimente nestas zonas permite “reducir o risco de incendio substancialmente, esta debe ser compatible coas repoboacións, de forma que o gando non produza danos nestas”.

De aí que, por exemplo, unha das medidas que poderían derivar deste traballo, como explica Álvarez, podería ser a definición de “peches gandeiros específicos”, que delimiten a zona de pastos. Mais tamén a definición de que especies serían máis apropiadas para esa redución da biomasa forestal en cada zona. “Pode darse a situación de que nunha zona só haxa vacas e exista unha densidade de toxo considerable e entón unha das solucións podería ser introducir dúas mandas de cabalos, que se alimentan de toxos, para que se reducise esa biomasa e poder logo seguir manténdoa coas vacas”, apunta a investigadora. Nese senso, a participación do grupo abrangue tanto a avaliación das accións dirixidas a favorecer a rexeneración controlada dos pastos, como as rozas ou as queimas controladas como o estudo de infraestruturas de control do gando.

Por outra banda, outra parte do traballo estará centrada no establecemento de mecanismos para o saneamento e control do gando, así como a preparación de acordos e contratos entre gandeiros e comunidades de montes para compatibilizar o uso dos terreos.

Un estudo que podería estenderse a outras áreas

Partindo destas primeiras “zonas piloto”, o propósito deste grupo operativo é analizar tamén outra serie de situacións concretas que poidan detectarse noutros puntos da provincia de Pontevedra. Nese senso, un dos traballos doutro dos socios deste grupo é “identificar exactamente cales son as áreas potenciais”, que permitirían ao grupo AF4 ampliar o ámbito de estudo dun proxecto que ten como propósito final definir unha serie de medidas de manexo e xestión destes espazos en Galicia, comezando pola montaña oriental de Pontevedra, así como a súa divulgación e difusión entre os colectivos das zonas nas que estas poidan implantarse.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós