DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de xuño do 2017

A Universidade suma catro Premios Nacionais Fin de Carreira 2012-2013

“Un premio á excelencia como este sempre é un orgullo”

As e os galardoados atópanse xa traballando en eidos como a auditoría, a enxeñaría e a investigación mariña


Image“É un premio a todo o esforzo realizado ao longo da carreira”, “un éxito non só a nivel académico senón tamén persoal”, “unha alegría moi grande que me dá confianza no meu traballo e motivación para intentar mellorar” ou “toda unha honra que recoñezan o traballo realizado”. Así reaccionan as tres egresadas e un egresado da Universidade de Vigo á noticia de que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lles concedeu cadanseu Premio Nacional Fin de Carreira 2012-2013. O recoñecemento chégalles case catro anos despois de ter rematado a titulación e metidos xa de cheo no mercado laboral: dúas en España, unha en Francia e outro en California. Aínda non saben con certeza se haberá cerimonia de entrega, pero igualmente se amosan moi satisfeitos por unha distinción que, aínda que tarde, sempre é ben recibida.

D. Besadío | Vigo
“É un premio a todo o esforzo realizado ao longo da carreira”, “un éxito non só a nivel académico senón tamén persoal”, “unha alegría moi grande que me dá confianza no meu traballo e motivación para intentar mellorar” ou “toda unha honra que recoñezan o traballo realizado”. Así reaccionan as tres egresadas e un egresado da Universidade de Vigo á noticia de que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte lles concedeu cadanseu Premio Nacional Fin de Carreira 2012-2013. O recoñecemento chégalles case catro anos despois de ter rematado a titulación e metidos xa de cheo no mercado laboral: dúas en España, unha en Francia e outro en California. Aínda non saben con certeza se haberá, ao igual ca noutras ocasións, cerimonia de entrega, pero igualmente se amosan moi satisfeitas e satisfeito por unha distinción que, aínda que tarde, sempre é ben recibida.

Helena Pose, graduada en Administración e Dirección de Empresas, e María Bravo, en Enxeñaría Técnica Agrícola, na especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias, recibiron cadanseu primeiro premio, distinción dotada con 3300 euros; Darío López, enxeñeiro industrial, un segundo premio, dotado de 2650 euros, e Elda Miramontes, licenciada en Ciencias do Mar, un terceiro premio dotado con 2.200 euros.

Dous primeiros premios con nome de muller: Helena Pose e María Bravo

Cunha nota media no seu expediente académico que roza o 10, Helena Pose atópase na actualidade traballando en Madrid na área de auditoría da empresa Deloitte, unha das máis importantes firmas de servizos profesionais a nivel mundial. “Este é o meu cuarto ano na empresa, onde exerzo como senior de segundo ano”, explica Pose, quen recoñece que o proceso de transición entre o mundo académico e o laboral foi máis doado do que pensaba. “No meu caso o traballo en equipo é fundamental e, nese sentido, non notei tanto o cambio, xa que cos novos graos incentívase moito o traballo en grupos e a proactividade, aspectos clave no exercicio profesional”, recalca a egresada. Do seu paso pola facultade lembra con especial cariño o día da graduación “no que miras cara atrás e te decatas da evolución experimentada durante a carreira e cobran especial importancia os compañeiros cos que compartiches momentos de risas e tamén de nervios”.

No caso de María Bravo ao pouco de rematar a carreira optou por preparar unhas oposicións e na actualidade exerce como enxeñeira técnica agrícola da Xunta de Galicia. “Por sorte todo foi moi rápido”, subliña, ao tempo que lembra entre os mellores recordos do seu paso polas aulas universitarias as prácticas de laboratorio, “pois para min era o máis interesante”.

Darío López, metido de cheo na carreira investigadora

A piques de rematar os estudos de doutoramento en motores de combustión interna –defenderá a tese o vindeiro mes de setembro na Universitat Politécnica de Valencia-, a nova do premio chegoulle a Darío López realizando unha estancia de investigación no Sandia National Laboratories de California, onde agarda traballar a partires do mes de setembro cun contrato de posdoutaramento. “Para min este premio supón o recoñecemento a moito esforzo e moitas horas de traballo, se ben cómpre recordar que aínda que os estudos universitarios se chamen ‘carreiras’ non son unha competición”, defende López, quen lamenta que a entrega de premios se produza con tanto retraso. “O currículo dun recén egresado soe carecer de experiencia laboral, polo que os méritos académicos e extracurriculares son a única carta de presentación da que dispós e, por tanto, de entregarse antes, un premio deste tipo tamén axudaría no camiño de atopar ese primeiro emprego”, recalca. Consciente de que non hai fórmulas máxicas, recomenda aos actuais estudantes que non se conformen cun aprobado raspado, que vaian a por todas e tamén que non se desanimen cando as cousas non saen como a un lle gustaría.

A piques de coñecerse a listaxe de aprobado nas novas probas de acceso á Universidade, as Abau, ten claro que consello darlle ás futuras universitarias e universitarios. “O máis importante é que elixan o que máis lles guste, paga a pena reflexionar e non hipotecar o teu futuro laboral nun posto no que non es feliz”.

O mar, a paixón que Elda Miramontes converteu en profesión

Ao igual ca López, Elda Miramontes tamén se atopa no estranxeiro, no seu caso facendo un posdoutoramento no Ifremer, o instituto oceanográfico francés. “Ao rematar Ciencias do Mar vin a Francia para empezar a tese. Doutoreime o pasado mes de novembro e sigo traballando en Brest, agora xa noutro proxecto”, salienta a egresada, quen explica que se decidiu por estes estudos porque sempre viviu preto do mar e encantáballe ir de paseo pola costa e mirar “todo a bichería que podes atopar”. Para os que agora se formulen a posibilidade de estudar este grao explícalles que “Ciencias do Mar é moito máis que bioloxía mariña, tamén é oceanografía física, xeoloxía mariña e química medioambiental. É unha carreira moi completa que permite entender o medio mariño dunha forma máis aberta que a xente con estudos de base máis especializados”, explica Miramontes, ao que engade que os egresados desta titulación poden rematar traballando en temas de pesca, en consultoras medioambientais, en acuicultura, en portos, en modelización de ondas e correntes, en clima e paleoclima, en xestión de costas... “en definitiva, en calquera parte”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós