DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 16 de xuño do 2017

O campus acolleu este venres unha presentación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial

De vocación, enxeñeiro ou enxeñeira aeronáutica

O acto estivo aberto ao alumnado preuniversitario e ás súas familias


ImageEste venres publícanse as notas das probas de acceso á educación superior, as Abau, e os estudantes que as realizaron están a piques de poder cumprir o seu soño de matricularse na universidade. Para aqueles e aquelas que barallan entre as súas posibilidades estudar o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazos da Universidade de Vigo celebrou este venres unha xornada de presentación na que as persoas interesadas puideron coñecer os estudos que imparten, as experiencias de alumnado que está a realizar eses estudos e o campus onde se imparten.

Rosa Tedín | Ourense
Este venres publícanse as notas das probas de acceso á educación superior, as Abau, e os estudantes que as realizaron están a piques de poder cumprir o seu soño de matricularse na universidade. Para aqueles e aquelas que barallan entre as súas posibilidades estudar o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazos da Universidade de Vigo celebrou este venres unha xornada de presentación na que as persoas interesadas puideron coñecer os estudos que imparten, as experiencias de alumnado que está a realizar eses estudos e o campus onde se imparten.

O equipo directivo do centro, formado por Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazos; Iván Area, subdirector, e Ángel Paredes, secretario, xunto a varios estudantes de primeiro curso do grao foron os encargados de explicar aos futuros universitarios e universitarias e aos familiares presentes as características do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, que comezou a impartirse este curso académico por primeira vez e que constitúe unha titulación única no mapa universitario galego. Tamén estiveron no acto parte do profesorado e do alumnado da escola. Deste xeito, os asistentes puideron coñecer a planificación destes estudos; a profesión para a que os habilita; as súas excelentes taxas de empregabilidade e saídas profesionais; os plans de futuro da escola e o traballo realizado pola Universidade de Vigo no eido aeroespacial, especialmente en satélites.

Cuestión de planificación e ilusión

Aos futuros estudantes, Arno Formella e os membros da directiva do centro fixéronlle fincapé na importancia do traballo, da planificación e da ilusión á hora de abordar a realización dun grao deste tipo. “Facer as cousas ben é importante”, díxolles Arno Formella aos asistentes. Destacando como o nivel de esixencia deste estudos é alto, Iván Area quixo transmitirlle tamén confianza aos presentes salientando como este curso arredor da metade do alumnado conseguiu superar na primeira convocatoria oito ou máis materias das dez que se impartiron. “É difícil, hai que estudar, pero non é imposible. O importante é que veñades con ilusión, que teñades claro que isto é o que queredes facer”, díxolle o secretario do centro aos asistentes.

Entre as vantaxes da realización destes estudos no campus de Ourense, tanto a directiva como o alumnado que está a realizar o grao na actualidade destacaron aos presentes a simbiose que existe entre alumnado e profesorado. Deste xeito, a alumna Uxía García comezou a súa intervención na presentación celebrada este venres destacando a implicación do profesorado e a súa ilusión e como iso se traslada positivamente ao desenvolvemento do curso. Do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, a estudante destacou que a súa experiencia faille afirmar que “vale a pena facelo” e quíxolle dar aos futuros universitarios e universitarias o consello de que “se vos ilusiona unha cousa tirádevos a por ela, sen medo, non vos quededes co e se houbese”. Aos potenciais compañeiros e compañeiras de centro, García quíxolle quitar “medos” como o da docencia en inglés e a carga académica, salientando como “dá tempo para todo, só é cuestión de planificarse” e como “ao final gustaríache ter todas as materias en inglés e non só unha”.

Pensando no futuro

Entre os estudantes que se achegaron este venres ao campus de Ourense para ter máis información sobre este grao estaban Alejandro Sanz e Ambar Martínez, ambos procedentes da cidade da Coruña. Moi nerviosos agardando a nota das Abau pero coa confianza última que ter expedientes académicos bos, os dous achegáronse a coñecer este grao porque teñen claro que a súa vocación é ser enxeñeiros aeronáuticos. “A min gustaríame ser piloto pero non é posible por problemas de vista, así que se non podo pilotar avións a ver se é posible facelos”, explicaba Alejandro Sanz antes da presentación. Pola súa banda, e convencida desde cuarto curso da ESO de que a aeronáutica é a súa vocación, Ambar Martínez salientaba a súa paixón polo eido das aeronaves, “por coñecer e entender este mundo e como funciona”. Para ambos, o campus de Ourense supón unha oportunidade de facer realidade os seus soños sen irse “demasiado lonxe da familia”.

O Grao en Enxeñaría Aeroespacial forma futuros enxeñeiros técnicos aeronáuticos que se ocupan do deseño, construción, mantemento e mellora de aeronaves e vehículos espaciais así como de todo o equipamento, subsistemas e infraestruturas que requiren. O título, tal e como puideron coñecer os asistentes á xornada celebrada este venres, consta de catro cursos e 240 créditos e habilita para o exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico aeronáutico. Con 50 prazas dispoñibles, os estudantes matriculados nesta titulación poderán especializarse realizando nos dous últimos cursos a mención en aeronaves ou a mención en equipos e materiais aeroespaciais, dous dos cinco itinerarios curriculares estipulados para estes estudos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós