DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 19 de xuño do 2017

CCSS e da Comunicación despediu o venres a 82 novos titulados en Publicidade e RRPP

Bandas e diplomas para despedir ás novas embaixadoras e embaixadores do campus

Fisioterapia festexou a fin dos estudos dos e das 47 integrantes da súa oitava promoción de graduados


ImageRecoñecemento e celebración marcaron a tarde do venres no campus de Pontevedra, que despedía nesta xornada aos 82 integrantes da quinta promoción do grao en Publicidade e Relacións Públicas, así como ás 47 tituladas e titulados que conforman a oitava promoción do grao en Fisioterapia. Os primeiros, fixérono nun acto no Pazo da Cultura, co profesor Vicente Badenes como padriño académico, mentres que Fisioterapia trasladou a súa celebración ata a Escola de Enxeñaría Forestal, onde o decano e padriño da promoción, Gustavo Rodríguez, quixo tamén recoñecer o esforzo realizado ao longo desta etapa polos novos e novas fisioterapeutas.

Duvi | Pontevedra
Recoñecemento e celebración marcaron a tarde do venres no campus de Pontevedra, que despedía nesta xornada aos 82 integrantes da quinta promoción do grao en Publicidade e Relacións Públicas, así como ás 47 tituladas e titulados que conforman a oitava promoción do grao en Fisioterapia. Os primeiros, fixérono nun acto no Pazo da Cultura, co profesor Vicente Badenes como padriño académico, mentres que Fisioterapia trasladou a súa celebración ata a Escola de Enxeñaría Forestal, onde o decano e padriño da promoción, Gustavo Rodríguez, quixo tamén recoñecer o esforzo realizado ao longo desta etapa polos novos e novas fisioterapeutas.

Presentado por Luis Domínguez e David Sande, o acto de despedida dos novos e novas publicistas, que constituía o traballo de fin de grao de Adrián Álvarez, contou tamén coas intervencións do decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde, quen lembrou algúns dos premios acadados nos últimos meses por unha promoción chea de talento, e dos novos titulados Adrián Aira e Gaspar Iglesias, así como coa actuación do coro do campus de Pontevedra. Á mesma hora, tamén festexaban a fin dos seus estudos os novos titulados e tituladas en Fisioterapia, quen ademais dos aplausos das súas familias e compañeiros, recibiron as verbas de recoñecemento do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e da vicedecana Iris Machado, nun acto no que Carla Dubois e Miguel Sánchez-Andrade tomaron a palabra en nome dos egresados e egresadas.

Enfermaría tamén festexou a fin dunha etapa

Tamén o venres, a Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade, celebrou a graduación das e dos 40 integrantes da súa cuarta promoción do seu grao e a terceira do seu curso de adaptación. O acto contou coas intervencións do vicerreitor, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director, Miguel Ángel Piñón, e a presidenta do padroado, Eva Villaverde, xunto coa das egresadas Fernanda González e Carmen Miranda, quen centrou no seu traballo final a última lección do curso. Así mesmo, entregouse un recoñecemento a Carla Novo, polo seu accésit nos premios Sofía Novoa Ortiz, e a Cintia Loira, seleccionada no proxecto Think Big da Fundación Telefónica.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós