DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 19 de xuño do 2017

Trátase da primeira edición deste galardón promovido pola AECPA

A profesora Rosa Ricoy obtén o premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política

No seu proxecto, avoga polo uso educativo de elementos como o cómic, a arte ou a música


ImagePalestina, de Joe Sacco, Maus, de Art Spiegelman, ou Persépolis, de Marjane Satrapi, son tres recoñecidas novelas gráficas, pero tamén un xeito de achegarse ao conflito en Oriente Medio, ao holocausto ou ao ascenso ao poder do aiatolá Jomeini. Facer uso de diferentes manifestacións culturais, desde o propio cómic, á arte, a música ou o cinema, como un recurso capaz de captar a atención do alumnado nas aulas e achegalos a unha determinada temática é a base do proxecto polo que a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Rosa Ricoy vén de ser recoñecida co primeiro premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA). “O proxecto forma parte dalgo que xa veño facendo desde hai anos na docencia e refírese a introducir aspectos que poidan favorecer que o alumnado preste atención, poñendo exemplos que fagan as clases amenas sen perder calidade nos contidos”, salienta da proposta premiada.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Palestina, de Joe Sacco, Maus, de Art Spiegelman, ou Persépolis, de Marjane Satrapi, son tres recoñecidas novelas gráficas, pero tamén un xeito de achegarse ao conflito en Oriente Medio, ao holocausto ou ao ascenso ao poder en Irán do aiatolá Jomeini. Facer uso de diferentes manifestacións culturais, desde o propio cómic, á arte, a música ou o cinema, como un recurso capaz de captar a atención do alumnado nas aulas e achegalos a unha determinada temática é a base do proxecto polo que a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinadora do grao en Dirección e Xestión Pública, Rosa Ricoy, vén de ser recoñecida co primeiro premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA).

“O proxecto forma parte dalgo que xa veño facendo desde hai anos na docencia universitaria e refírese a introducir aspectos que poidan favorecer que o alumnado preste atención, poñendo exemplos que fagan as clases amenas sen perder calidade nos contidos”, salienta Ricoy da proposta seleccionada por un xurado integrado polo presidente e a vicepresidenta da AECPA, Quim Brugué e Arantxa Elizondo, o presidente da European Political Science Association, Pablo Oñate, e o profesor da Univeritat de Girona, Jordi Feu. O ensino da ciencia política a través de manifestacións culturais é o título do proxecto polo que Ricoy vén de ser recoñecida cun premio que supón “ánimos para continuar investigando e profundar un pouco máis en determinadas manifestacións culturais”, recoñece a tamén videcana da facultade.

Nada é aséptico

No 2011, Ricoy fora tamén premiada no IV Simposio Compostelano sobre Ensinanzas Xurídicas, Investigación e Docencia en Dereito por unha comunicación sobre o ensino da ciencia política a través do cómic, unha manifestación cultural desde entón forma parte das diferentes materias que nos últimos cursos impartiu nos graos en Dirección e Xestión Pública e Comunicación Audiovisual. “Aínda que non nos decatemos, as manifestacións culturais non son asépticas, como toda cuestión que vemos ao noso redor, sempre van impregnadas dunha ideoloxía”, sinala esta docente e investigadora. De feito, unhas das súas liñas de investigación actual pasa precisamente pola idea do “artivismo”, o uso destas manifestacións culturais como “medios de protesta cívica”.

“Para explicar, por exemplo, a forma que teñen de visibilizar ás mulleres na política norteamericana recorro a imaxes de cómic, para falar destacar cuestións dun conflito bélico, a graffitis moi expresivos a modo de denuncia”, relata Ricoy dun xeito de proceder que busca, en primeiro termo, espertar o interese do alumnado para, posteriormente, levalos a reflexionar “como todo o que lles rodea está impregnado de ideoloxía”, o que á súa vez permítelle tamén afondar nas “estratexias que utilizan os políticos e institucións para chegar con máis facilidade a sectores que ata hai pouco non lles resultaba fácil mobilizar, como é a xente máis nova”. Nese senso, o obxecto do proxecto premiado pasa tanto por afondar “no que se pode facer” neste eido, e que xa vén poñendo en práctica nas aulas, como propór de outra serie de aspectos a mellorar e ampliar no uso educativo de diferentes manifestacións culturais.

A experiencia da dobre titulación

Logo de acudir a pasada semana en Huesca á Conferencia Interuniversitaria do Grao en Xestión e Administración Pública, Ricoy atópase nestes días na Universidade de Sao Paulo para participar nunhas xornadas que abordan cuestións como a dobre titulación que a Universidade de Vigo mantén coa institución brasileira no grao en Dirección e Xestión Pública. Ao longo destes días, a coordinadora desta titulación afondará nunha experiencia que achega cada curso a Pontevedra a estudantes brasileiros, ao tempo que aproveitará para “establecer novas alianzas” e presentar en Sao Paulo outra serie de titulacións, como o máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional da Área de Ciencia Política e da Administración, ou o novo programa de doutoramento do proxecto CREA S2i do campus pontevedrés.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós