DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 22 de xuño do 2017

Nun curso sobre a metodoloxía didáctica 'Flipped Classroom' (en galego, clase invertida)

75 docentes da Universidade aprenden como ‘flippear’ unha clase

A formación, de carácter semipresencial, arrancou este xoves e prolongarase ata o vindeiro 7 de xullo


ImageTras o éxito da edición anterior, o Flipped Classroom ou clase invertida volveu este xoves á Universidade en forma dun curso semipresencial impartido por Raúl Santiago, profesor da Área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja. A cita arrancou este xoves e prolongarase ata o vindeiro 7 de xullo, 25 horas nas que se afondará nun modelo didáctico que avoga pola transferencia de determinados procesos de aprendizaxe fóra da aula grazas a vídeos gravados e editados polo profesorado, de maneira que o tempo de clase poderá investirse en potenciar outros mecanismos de adquisición que consoliden o coñecemento mediante a participación activa dos estudantes, como debates ou actividades que fomenten a investigación e a aplicación de ideas.

Rut San Millán | Vigo
Tras o éxito da edición anterior, o Flipped Classroom ou clase invertida volveu este xoves á Universidade en forma dun curso semipresencial impartido por Raúl Santiago, profesor da Área de Didáctica e Organización Escolar da Universidad de La Rioja. A cita arrancou este xoves e prolongarase ata o vindeiro 7 de xullo, 25 horas nas que se afondará nun modelo didáctico que avoga pola transferencia de determinados procesos de aprendizaxe fóra da aula grazas a vídeos gravados e editados polo profesorado, de maneira que o tempo de clase poderá investirse en potenciar outros mecanismos de adquisición que consoliden o coñecemento mediante a participación activa dos estudantes, como debates ou actividades que fomenten a investigación e a aplicación de ideas.

Ante os setenta e cinco asistentes -50 docentes do campus de Vigo e 25 do de Pontevedra-, Raúl Santiago explicará que “flippear unha clase é moito máis que poñer un vídeo en liña, ao contrario do que poida pensarse, xa que este enfoque apoia todas as fases da aprendizaxe”. Porén, non é suficiente cunha gravación que transmita a lección das e dos docentes, senón que o obxectivo é crear unha metodoloxía integral que mesture a instrución directa cos procedementos construtivistas; e o incremento de compromiso e implicación dos estudantes co contido da materia para mellorar a súa comprensión conceptual.

O curso pretende “espertar a inquietude docente”

O obxectivo principal deste programa formativo é transmitir os coñecementos necesarios para a aplicación desta metodoloxía inversa no ámbito da educación superior. Ademais, Raúl Santiago pretende “espertar a inquietude docente e que os profesores e profesoras desta Universidade se inicien neste modelo pedagóxico que, de seguro, repercutirá na mellora da calidade didáctica”. Para logralo, o curso reparará, entre outros, nos seguintes aspectos: os beneficios do cambio metodolóxico que persegue dar máis importancia á aprendizaxe do alumnado que ao profesorado; a capacidade de adaptación do Flipped Classroom ao contexto de cada materia; e a utilización dos recursos informáticos para a mellora pedagóxica.

Durante este período formativo exporanse, tamén, os beneficios que supón a aplicación desta metodoloxía, entre os que destaca a optimización da economía temporal. Como sinala Santiago, “é certo que o tempo é o mesmo, pero, ao inverter os procesos, intensifícanse exponencialmente as posibilidades que se poden ofrecer nas aulas”. Ao reducirse o tempo de ‘clase maxistral’, segundo apunta o coordinador, o profesor ou profesora pode centrar máis a súa atención nas necesidades individuais de cada estudante, polo que a relación entre mestre e alumnado é máis dinámica.

Máis dun millar de docentes xa son afíns a esta metodoloxía

Na actualidade, xa hai máis dun millar de profesionais da docencia pertencentes a todos os niveis educativos afíns a este enfoque pedagóxico do Flipped Classroom porque, entre outras cousas, parte da base de que existen intelixencias múltiples, o que fomenta as potencialidades de cada alumna e alumno. O modelo tamén impulsa a innovación e a creatividade, polo que “hai innumerables docentes aplicándoo, desexosos por saír do ámbito da educación tradicional e realmente involucrados na aprendizaxe do seu alumnado”, segundo indica Raúl Santiago.

En canto ao emprego das TIC, ao depender dun vídeo para impartir a aula, promove o emprego das novas tecnoloxías de forma controlada na aula e con fins didácticos, o que é esencial na educación de hoxe en día porque “vivimos unha revolución tecnolóxica e enfrontámonos, como mestres, a nativos dixitais; como consecuencia, temos que converter estes feitos nas nosas ferramentas para mudar a educación tradicional e innovar”, apunta Raúl Santiago.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós