DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 19 de xuño do 2017

Celebrarase o 29 de setembro na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Un curso sobre orientación académica e enerxías renovables guiará o alumnado no mercado laboral

O período de preinscrición estará aberto ata o 27 de setembro


ImageOrganizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), o curso Orientación Académica & Enerxías Renovables ten como obxectivo, a través dunha formación práctica, que o alumnado coñeza as claves do mercado actual das enerxías renovables e se achegue ás necesidades de profesionais que ten actualmente este sector, así como a súa importancia económica. Deste modo, trátase de que as e os estudantes adquiran as ferramentas necesarias para unha boa procura de emprego cando rematen a súa formación académica. Este curso, cuxa duración será de oito horas, é o primeiro destas características que se celebra en Galicia e realizarase o 29 de setembro na EE de Minas e Enerxía.

Duvi | Vigo
Organizado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), o curso Orientación Académica & Enerxías Renovables ten como obxectivo, a través dunha formación práctica, que o alumnado coñeza as claves do mercado actual das enerxías renovables e se achegue ás necesidades de profesionais que ten actualmente este sector, así como a súa importancia económica. Deste modo, trátase de que as e os estudantes adquiran as ferramentas necesarias para unha boa procura de emprego cando rematen a súa formación académica. Este curso, cuxa duración será de oito horas, é o primeiro destas características que se celebra en Galicia e realizarase o 29 de setembro na EE de Minas e Enerxía.

O curso, moi específico e principalmente práctico, céntrase en dúas temáticas fundamentais, por unha banda, a orientación ao mercado laboral das e dos universitarios e, pola outra, a importancia emerxente das enerxías renovables no presente e no futuro da sociedade e a súa influencia nas políticas económicas e de emprego. Polo tanto, esta actividade formativa, dirixida principalmente ao alumnado universitario de enxeñarías de Minas e Enerxía, Industrial, etc. e ao alumnado de formación profesional, abordará temas como o cambio climático e a súa influencia nas políticas económicas, o mercado das enerxías renovables e a xeotermia. Outro dos contidos principais serán as ferramentas necesarias para a procura de emprego e para isto, as e os asistentes coñecerán técnicas para realizar un bo currículo, desenvolverse nas entrevistas de traballo e técnicas de márketing persoal. Ademais, haberá unha mesa redonda na que se tratarán os coñecementos necesarios das e dos técnicos espertos en enerxías renovables nas empresas actuais.

A docencia, a cargo de profesionais e especialistas deste campo

Docentes do Mestrado en Enerxía e Sustentabilidade, profesionais de empresas do sector das enerxías renovables, especialistas en márketing en enerxías renovables, así como en orientación profesional e procura de emprego, impartirán este curso, no que porán todos os seus coñecementos ao servizo do alumnado asistente.

A realización desta actividade formativa conta co apoio do Consello Social a través do co-financiamento dunha actividade que se desenvolve en consonancia cunha das liñas estratéxicas deste organismo, que é a orientación do alumnado ao mercado laboral.

O período de preinscrición estará aberto ata o 27 de setembro e o prezo deste curso é de 30 euros para as e os estudantes e de 40 para o resto das persoas interesadas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós