DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 19 de xuño do 2017

O profesor de BBAA Ignacio Pérez-Jofre comisaría unha exposición de obras xurdidas da reciclaxe

Creacións artísticas que antes foron refugallo nas rúas

Resultado dun taller da asociación Emaús, ‘Reconstrución’ pode verse na Fundación Barrié de Vigo


ImageBolsas de plástico, envoltorios, cabichas, anacos de papeis ou de cristal, táboas ou cartóns, diferentes residuos atopados na rúa convertéronse nos materiais no que un grupo de persoas en risco de exclusión social deron forma, o pasado ano, a unha serie de obras no marco dun taller da Fundación Emaús coordinado polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. Obras que agora buscan promover unha reflexión sobre a reciclaxe e a recuperación daquilo que é rexeitado na exposición Reconstrucción, a mostra comisariada por este docente e artista que ata o 17 de setembro pode visitarse na sede da Fundación Barrié en Vigo.

Duvi | Pontevedra
Bolsas de plástico, envoltorios, cabichas, anacos de papeis ou de cristal, táboas ou cartóns, diferentes residuos atopados na rúa convertéronse nos materiais no que un grupo de persoas en risco de exclusión social deron forma, o pasado ano, a unha serie de obras no marco dun taller da Fundación Emaús coordinado polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. Obras que agora buscan promover unha reflexión sobre a reciclaxe e a recuperación daquilo que é rexeitado na exposición Reconstrucción, a mostra comisariada por este docente e artista que ata o 17 de setembro pode visitarse na sede da Fundación Barrié en Vigo.

Partindo da técnica da colaxe, Pérez-Jofre promoveu neste taller, no que participaron tamén estudantes e graduadas de Belas Artes, unha experiencia de creación plástica “que contribuíra a desenvolver nas persoas participantes as capacidades de observación, análise, configuración e expresión a través da linguaxe da arte contemporánea”, segundo salienta Emaús, organización que centra o seu labor no “empoderamento das persoas que se atopan en situación ou grave risco de exclusión social”. Dos procesos de creación colectiva promovidos nesta actividade naceron as obras que agora integran unha exposición que permite reflexionar “sobre a necesidade do reciclaxe, sobre o exceso de refugallo, sobre que aquilo que desprezamos e tratamos de eliminar segue formando parte de nós, sobre a posibilidade de reconstruír unha vida que está ameazada pola fragmentación e a disolución, sobre a posibilidade de construír algo valioso e belo a partir do refugallo, do que non ten ningún valor”, segundo apunta este artista e comisario, que recoñece como “moi bonita”, a súa experiencia cos usuarios e usuarias de Emaús neste taller. “Gocei moito da súa dedicación ao traballo, amor polo coñecemento e entusiasmo”, destaca.

Dúas series e dúas pezas grupais

Coa excepción de Vigo desde el Berbés, un mural colectivo realizado directamente sobre a parede da sala de exposicións a partires dunha imaxe fotográfica da cidade, as outras doce pezas que integran Reconstrucción parten do traballo colectivo, en grupos de catro ou cinco persoas, desenvolvido no marco desta iniciativa. De aí que Pérez-Jofre incida en que o seu principal obxectivo como comisario fose trasladar á sala de exposicións, “coa maior fidelidade, as experiencias do taller como traballo colectivo e como achegamento á arte contemporánea”.

Experiencias que se amosan integradas en dúas series de obras, Transeúntes e Retratos, a primeira conformada por colaxes de elementos hetereoxenos, e a segunda por obras realizadas no seu conxunto cun mesmo material, desde un retrato feito con cabichas a unha obra construída con bolsas do lixo. A estas dúas propostas súmase ademais unha segunda obra conxunta, Emaús Praza, unha composición realizada con teas cosidas na vía pública cos materiais sobrantes dun evento que esta fundación levou a cabo en Vigo para dar a coñecer o seu labor.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós