DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 20 de xu駉 do 2017

Ourense acolle este martes e m閞cores a celebraci髇 do I Congreso Red Localis

As entidades locais, ante o reto da transparencia e a innovaci髇

A cita pretende tender pontes de transferencia entre o mundo acad閙ico e profesional


ImageUn centenar de expertos e expertas tanto do eido académico como profesional danse cita este martes e mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense no I Congreso Red Localis. A cita, organizada pola Red Localis e a Asociación Gen+, ambas lideradas polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, nace co obxectivo de posicionarse como o foro de referencia estatal no que se refire a temas de goberno local. Para a súa primeira edición, os organizadores escolleron como lema As entidades locais ante a transparencia e a innovación, ante a convicción de que estes dous factores son os grandes e ineludibles retos que teñen na actualidade os gobernos locais e as demais institucións públicas.

Rosa Tedín | Ourense
Un centenar de expertos e expertas tanto do eido académico como profesional danse cita este martes e mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense no I Congreso Red Localis. A cita, organizada pola Red Localis e a Asociación Gen+, ambas lideradas polo Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, nace co obxectivo de posicionarse como o foro de referencia estatal no que se refire ao goberno local. Para a súa primeira edición, os organizadores escolleron como lema As entidades locais ante a transparencia e a innovación, ante a convicción de que estes dous factores son os grandes e ineludibles retos que afrontan na actualidade tanto os gobernos locais como as demais institucións públicas.

Desde a contratación á calidade do servizo

O I Congreso Red Localis xorde, tal e como se lembrou na súa inauguración, da “alianza estratéxica” posta en marcha o pasado mes de febreiro entre a Deputación de Ourense e a Asociación Gen+ coa sinatura dun convenio de colaboración que ten como obxectivo profundar no coñecemento da realidade do municipalismo non só galego senón tamén estatal a través da realización de actividades de investigación e difusión sobre este tema. Entre as medidas contempladas nese acordo están ademais da cita que se celebra estes días en Ourense, a posta en marcha dun observatorio de ámbito galego e a realización dun informe sobre o goberno local en España, iniciativas todas elas que buscan que a Red Localis dea un salto cualitativo e se converta en referente estatal en temas locais.

Ao longo dos dous días de sesións coas que conta o congreso, relatores e asistentes abordan temas como a compra pública e a colaboración público-privada; a transparencia, bo goberno e participación cidadá; a administración electrónica e a calidade nos servizos públicos de ámbito local. Entre os expertos que asisten a este foro estaba este martes Alejandro de Diego, autor xunto a Alberto Vaquero dun documento da Red Localis sobre Redimensionamento da planta local. Contextualizando este tema na necesidade de abordar a transformación do mapa local tanto en Galicia como no eido estatal, Alejandro de Diego recalcou como a abordaxe da transparencia e a innovación nos concellos se atopa “coa realidade de que a súa implantación é unha cuestión ao final de recursos e moitos deles non contan con recursos para afrontar ese e outros retos”. Coñecedores de primeira man destas problemáticas, entre os asistentes estaban este martes representantes de concellos como o de Oímbra. “Temos moitísimo interese neste congreso e nos temas que nel se van a abordar porque estamos de cheo na implantación da administración electrónica e todo o que poidamos aprender benvido será”, destacaba a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, que lembraba a importancia de que “os veciños e veciñas sexan coñecedores de todo o que facemos" e "dunha administración local aberta 24 horas ao servizo do cidadán”.

Retos compartidos por todas as entidades

Durante a inauguración do congreso, representantes das diferentes institucións presentes fixeron fincapé en como na actualidade a transparencia e a innovación vertebran a acción pública nos diferentes niveis de actuación. Deste xeito, Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, salientou como se está traballando por ter “administracións máis participativas e abertas”, destacando no eido autonómico a Lei de Transparencia e o portal de contratación. Neste senso, subliñou a importancia de que a cidadanía “perciba que queremos ser transparentes, que non hai nada que ocultar”. Salientando como “a Xunta de Galicia vai polo camiño correcto” neste eido, o vicepresidente apuntou tamén a importancia de axudar ás entidades locais a que sexan máis transparentes, pois “a vontade existe pero é verdade que esixe moitos recursos”, recoñeceu o vicepresidente.

“A cidadanía pídenos transparencia e iso require innovación e financiamento”, destacou pola súa banda Concepción Campos, codirectora de Red Localis xunto a Alberto Vaquero, membro do Grupo Gen e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Segundo explicou Campos, o congreso inaugurado este martes supón “a culminación dun proxecto nado hai case dous anos”, cando se creou a Red Localis, e o seu obxectivo é pór a Galicia no mapa estatal da análise do goberno local. Do mesmo xeito, Santiago Lago, director de Gen+, salientou como este congreso aspira a ser “o primeiro de moitos” e un “referente a escala estatal, combinando o talento do mundo académico e o da administración nun diálogo que pode ser especialmente frutífero”. Neste senso, Lago, representante de Galicia no grupo de expertos que traballa no deseño do novo sistema de financiamento autonómico estatal, quixo destacar o traballo levado a cabo polo Grupo Gen en diversas liñas de actuación para o posicionamento de Galicia en diferentes eidos de análise e decisión económica, recalcado a cooperación e o apoio institucional e empresarial existente. A clave deste éxito "é que xogamos en equipo”, afirmou o catedrático da Universidade de Vigo, que vén de ser elixido para formar parte do equipo da Organización para la Cooperación y Desarrollo Económico (OCDE) que realizará a avaliación da Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal AIReF.

Tamén tivo palabras de recoñecemento para este traballo Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que puxo o aceno en como “a transferencia de coñecemento desde a universidade á sociedade faise máis fácil canto atopamos grupos como Gen”. O vicerreitor tamén recalcou a importancia que ten para a Universidade e para o campus de Ourense que este equipo desenvolva a súa actividade desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Do mesmo xeito, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, destacou como o traballo deste grupo e iniciativas como as que se están a levar a cabo permitirán “posicionar Ourense no ámbito estatal” no eido da innovación e a transparencia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con n髎