DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 22 de xuño do 2017

Especialistas de cinco países debaten sobre experiencias multimodais na Casa das Campás

Como o mundo dixital do século XXI redefiniu os recursos educativos

Nun coloquio promovido polo grupo Litex, centrado na creación de contidos docentes e artísticos


Image“Non ten sentido que eduquemos cunha linguaxe do século XIX ou XX cando estamos no XXI”. Deste xeito puña o acento María Lobo, da empresa Gingko, na importancia que ten a contorna dixital na definición de contidos e metodoloxías docentes capaces de espertar o interese do alumnado ao achegalo ás narrativas dixitais. Fíxoo no primeiro dos relatorios do coloquio internacional Multimodalidades e espazos dixitais, que este xoves reúne na Casa das Campás a expertos e expertas procedentes de España, Portugal, Francia, Canadá e Suíza co propósito de debater sobre diferentes experiencias sustentadas na idea da multimodalidade.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Non ten sentido que eduquemos cunha linguaxe do século XIX ou XX cando estamos no XXI”. Deste xeito puña o acento María Lobo, da empresa Gingko, na importancia que ten a contorna dixital na definición de contidos e metodoloxías docentes capaces de espertar o interese do alumnado ao achegalo ás narrativas dixitais que definen o seu día a día. Fíxoo no primeiro dos relatorios do coloquio internacional Multimodalidades e espazos dixitais, que este xoves reúne na Casa das Campás a expertos e expertas procedentes de España, Portugal, Francia, Canadá e Suíza co propósito de debater sobre diferentes experiencias sustentadas na idea da multimodalidade, na combinación de diferentes modos de comunicación para a elaboración de contidos, nos eidos educativo e artístico.

Promovido polo grupo de investigación Litex, co apoio do Campus CREA S2i, o simposio que coordinan Carlos Valcárcel e Marie Manuelle Costa agrupa nove conferencias e comunicacións que vinculan os eidos “da creación, da comunicación e da ensinanza”, representados todos eles no campus e o no seu proxecto de especialización, como lembrou na apertura do vicerreitor Juan Manuel Corbacho. Co seu foco de análise principal nos eidos da literatura e do ensino de idiomas, os dous eixos do traballo do grupo, este coloquio busca afondar nesa idea dos procedementos multimodais que levan a “traballar con diferentes modos, como audio, vídeo, texto, imaxes, redes sociais...”, como sinala Valcárcel. “Xa non estamos falando dun texto co que non interaccionas”, engade este profesor de Ciencias da Educación e do Deporte, que alude tamén ao “cambio de roles” que a multimodalidade implica no ensino, onde “o alumno xa non é só un receptor, senón que pode crear contidos e adaptalos”.

Recursos para unha cidadanía dixital

O uso de memes, gifs, montaxes fotográficas, mapas dixitais ou apps como materiais didácticos centrou o relatorio no que Lobo presentou diferentes iniciativas para traballar coas “narrativas web” na docencia. “Realmente, son a ferramenta de comunicación máis común hoxe, utilizámolas para as interaccións sociais e profesionais e como fonte de información, polo que penso que é importante traballar cos rapaces e rapazas competencias que lles axuden a entender ben as mensaxes, a seleccionar que tipo de información queren e, sobre todo, a producir os seus propios contidos”, salientou esta profesional, que nese senso puxo o foco en como este tipo de recursos contribúen a “espertar a implicación e a motivación do alumnado na tarefa, xa que falas a súa mesma linguaxe”. Mais tamén, na importancia de que empreguen estes recursos non só “como un público que consuma”, senón para crear os seus propios contidos e narrativas, contribuíndo deste xeito á creación dunha “cidadanía dixital”.

Servirse de competencias da aprendizaxe informal

Entre os relatores da xornada atópanse investigadores como Sebastien Ouellet, da Université dun Québec à Rimouski, quen afondou nos contidos multimodais vinculados co ensino da literatura. Contidos que, “en relación á estrutura dunha obra tradicional, que ten a escrita como único canal de percepción”, presentan ao seu xuízo dúas vantaxes. Por unha banda, a de achegar á aula “prácticas máis próximas á realidade do alumnado”, e por outra, contribuír a un ensino máis inclusivo, proporcionando “formas de aprendizaxe máis visuais e auditivas” a aqueles “que poidan ter máis dificultades” no manexo de contidos escritos. Trátase, como sinala, de “servirse de competencias que xa están na aprendizaxe informal”, na vida diaria das novas xeracións, “para comunicar outro tipo de coñecementos”.

Entre os relatores da xornada figuraban tamén María Yañez, quen achegou a experiencia de Amores prohibidos, unha “adaptación en tempo real” de Romeo e Julieta empregando as redes sociais; Magi Brunel, da Université de Grenoble Alpes; Vicent Capt e Vanessa Depallens do HEP Vaud suízo; Natalie Lacelle e Jean-François Boutin do UQAM canadiano; Xavier Lorenzo e Sylvie Périneau-Lorenzo, da Universidade de Limoges, Sílvia Araújo da Universidade do Minho e o investigador da Universidade de Vigo Eduardo Varela, quen abordou o uso de memes para o ensino de idiomas.

A última conferencia correrá a cargo, esta tarde, do investigador da Aix-Marseille Brahim Azaoui, quen dará conta do estudo que realizou das posibles diferencias no ensino dunha lingua, neste caso o francés, en dúas aulas impartidas por unha mesma docente, unha para estudantes que o tiñan como lingua materna e outra que o cursaba como lingua estranxeira. “O tema da miña investigación é a multimodalidade, pero tamén o corpo, que fai o corpo cando ensinamos”, salienta Azaoui, que ademais de observar como se lle prestaba unha maior atención á normativa na clase de lingua estranxeira e ao “contido das oracións” na de lingua materna, tratou de afondar nos “tipos de interacción” que se producían nas aulas. Interaccións nas que, como sinala, “o corpo é un recurso moi importante que os profesores ás veces esquecen, como se fose algo natural, cando temos que estudar como usar as mans, como mirar aos estudantes, como parte das nosas competencias profesionais”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós