DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de xuño do 2017

Celebrarase no Mosteiro de San Xoán entre o 5 e o 7 de xullo

O Symposium Internacional sobre o Prácticum reunirá en Poio a 300 docentes no seu 30 aniversario

A súa XIV edición estará centrada nos recursos para mellorar a calidade das prácticas formativas


ImageFoi en xuño de 1987 cando o Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas celebrou en Poio a primeira edición dunha cita bienal que, desde entón, busca promover unha reflexión sobre este complemento formativo das titulacións universitarias. E se nos seus inicios o debate congregaba fundamentalmente a docentes do eido da educación, a xeneralización das prácticas que sucedeu á implantación de Boloña fai que cada edición reúna a participantes de máis ramas de coñecemento. Cos recursos para a mellora da calidade como eixo do debate, a XIV edición deste congreso preve reunir a preto de 300 participantes entre o 5 e o 7 de xuño.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Foi en xuño de 1987 cando o Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas celebrou en Poio a primeira edición dunha cita bienal que, desde entón, busca promover unha reflexión sobre este complemento formativo das titulacións universitarias. E se nos seus inicios o debate congregaba fundamentalmente a docentes do eido da educación, a xeneralización das prácticas que sucedeu á implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) fai que cada edición reúna a máis participantes de diversas ramas de coñecemento. Cos recursos para a mellora da calidade como eixo do debate, a XIV edición deste congreso preve reunir a preto de 300 participantes no Mosteiro de San Xoán de Poio entre o 5 e o 7 de xuño.

Promovido pola Asociación para o Desenvolvemento do Prácticum e as Prácticas Externas. Rede de Prácticum Reppe, creada trala última edición e coa participación na organización tanto das tres universidades galegas como das do País Vasco, Valencia e Málaga, o simposio terá como fío condutor a análise dos “distintos factores humanos, materiais, funcionais e institucionais que contribúen a un bo deseño, desenvolvemento e avaliación do prácticum”, como explica Mercedes González, profesora da UDC e responsable dun comité organizador no que Vigo está representada polos profesores da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense Adolfo Pérez Abellás e Manuela Raposo, secretaria académica do congreso. “No prácticum desenvólvese experiencias moi amplas que esixen unha organización complexa na que interveñen diversas institucións, persoas e dispositivos. Polo tanto, co termo recursos queremos aluidr á multiplicidade de elementos, compoñentes e procesos nos que se dan cita tanto aspectos materiais como persoais, e tamén de xestión e organización”, engade González.

30 anos de “extensión e intensificación”

Estas dúas verbas resumen, para González Sanmamed , a evolución experimentada polo prácticum nas tres décadas de historia do simposio. “Desde a reforma do EEES, converteuse nun compoñente necesario en moitas carreiras e recomendable en case todas”, salienta da importancia que foron gañando as prácticas, tanto curriculares como extracurriculares, na formación do alumnado universitario. “A esixencia dunha formación por competencias reclama unha preparación máis vinculada co mundo laboral e a realización de prácticas facilita as relacións coas situacións reais do desempeño profesional”, engade. De aí que nas súas sucesivas edicións, o simposio fose incorporado a docentes de novos ámbitos, como das titulacións do eido sanitario e, máis recentemente, de enxeñarías ou das titulacións de económicas e empresariais.

120 comunicacións

Unha das novidades desta edición é a incorporación do formato de vídeo-poster á presentación de comunicacións por parte dos investigadores e investigadoras, co propósito de favorecer a participación daqueles e aquelas que non poderán acudir ao evento. Si o farán os autores e autoras das 120 comunicacións que forman parte do programa dun simposio que, como lembra González, permitirá coñecer experiencias e boas prácticas desenvolvidas en países como Brasil, Colombia, México ou República Dominicana, así como en España e Portugal.

Así mesmo, no programa destas xornadas figuran tamén as conferencias do catedrático da Universidad de Málaga Manuel Cebrián, da investigadora da UNR arxentina Liliana Sanjurjo, do profesor da universidade británica de Northampon Alejandro Armellino e do docente da USC Miguel Zabalza, xunto con dúas mesas redondas. A primeira delas estará centrada na identificación dos “escenarios máis novidosos” para estas estadías informativas, o relato de experiencias de prácticum en contextos internacionais ou as posibilidades de realizalo en titulacións online. A segunda, Recursos humanos, materiais e funcionais, porá o foco nesa idea de abordar “desde unha perspectiva ampla” os distintos factores que inflúen no desenvolvemento das prácticas.

Por outra banda, o programa do simposio inclúe tamén unha serie de seminarios autoorganizados e, por segunda vez, unha serie de talleres varios deles dedicados nos recursos e ferramentas tecnolóxicas vinculadas ao prácticum que centraron á anterior edición, e aos que suman os dedicados a metodoloxías cuantitativas e cualitativas e á aprendizaxe autorregulada.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós