DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 27 de xuño do 2017

Ademais, organizan o curso de Extensión Cultural destinado a persoas estranxeiras

Normalización Lingüística propón cursos virtuais e presenciais para mellorar a redacción en lingua galega

A matrícula abrirase do 4 ao 22 de setembro


ImageMellorar a redacción, ampliar vocabulario e actualizar os coñecementos son os obxectivos do catálogo de cursos cuadrimestrais que organiza a Área de Normalización Lingüística. Co curso a piques de rematar teñen xa perfilada a oferta para o primeiro cuadrimestre do 2017-2018, e continúan apostando por combinar cursos virtuais e outros presenciais, tratando de favorecer a participación e respondendo así á demanda da propia comunidade universitaria de poder contar con docencia en liña. En total ofértanse seis cursos, cinco deles en modalidade virtual e un máis presencial.

Duvi | Vigo
Mellorar a redacción, ampliar vocabulario e actualizar os coñecementos son os obxectivos do catálogo de cursos cuadrimestrais que organiza a Área de Normalización Lingüística. Co curso a piques de rematar teñen xa perfilada a oferta para o primeiro cuadrimestre do 2017-2018, e continúan apostando por combinar cursos virtuais e outros presenciais, tratando de favorecer a participación e respondendo así á demanda da propia comunidade universitaria de poder contar con docencia en liña. En total ofértanse seis cursos, cinco deles en modalidade virtual e un máis presencial destinada a estudantes estranxeiros de intercambio, para que coñezan a cultura, a lingua e a historia de Galicia.

Os cursos virtuais comprenden tanto contidos específicos do eido da investigación ou da administración como outros de reciclaxe e actualización de coñecementos. Por unha banda, impartirase un curso de redacción de traballos académicos e de investigación, de 20 horas de duración, destinado a axudar á comunidade universitaria a realizar en galego traballos fin de grao, de mestrado, teses de doutoramento, etc. e co que poderán mellorar a súa expresión escrita e afondar no coñecemento das ferramentas para organizar un documento. Por outro lado, ofértase un curso de redacción de documentos administrativos, tamén de 20 horas, que está pensado para persoas interesadas en coñecer unha guía rápida para redactar este tipo de documento en galego de xeito correcto.

Outros dos obradoiros ten como obxectivo actualizar os coñecementos dos participantes, achegándose a cambios normativos, modificacións, etc. respecto da lingua galega. Este terá unha duración de 40 horas. Un cuarto curso centrarase en mellorar a escrita en galego na contorna dixital, especialmente en internet, a través de 25 horas de docencia. Finalmente, tamén a ANL organiza un curso para mellorar a redacción e expresarse con claridade, que terá 15 horas de duración.

Só terá carácter presencial o curso de extensión cultural. 75 horas nas que o alumnado estranxeiro poderá achegarse á realidade social, cultural, artística, histórica e lingüística de Galicia a través de todo tipo de actividades, ademais da puramente docente.

O prazo de matrícula abrirase do 4 ao 22 de setembro e os cursos serán de balde para comunidade universitaria e o alumnado de intercambio, e terán un prezo de 40 para persoas alleas á Universidade de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós