DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 27 de xuño do 2017

A xuntanza, coordinada polo docente e investigador Fernando Ramallo, celébrase en Santiago

Representantes das linguas rexionais ou minoritarias do Estado reúnense por primeira vez nun foro

Organizado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Consello de Europa


Image Hai 25 anos o Consello de Europa aprobaba o instrumento legal máis relevante para a protección e promoción das linguas minoritarias en Europa: a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, que na actualidade se aplica a arredor de 80 idiomas, usados por máis de 200 grupos lingüísticos. No caso do Estado español, a Carta cubre unha ducia de linguas rexionais ou minoritarias: amazige, árabe ceutí, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán (Aragón, Cataluña, Illas Baleares, Murcia e País Valencià), éuscaro (Navarra e País Vasco), fala, galego (Asturias, Galicia, Castela e León), leonés e portugués (Estremadura).

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Hai 25 anos o Consello de Europa aprobaba o instrumento legal máis relevante para a protección e promoción das linguas minoritarias en Europa: a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, que na actualidade se aplica a arredor de 80 idiomas, usados por máis de 200 grupos lingüísticos. No caso do Estado español, a Carta cubre unha ducia de linguas rexionais ou minoritarias: amazige, árabe ceutí, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán (Aragón, Cataluña, Illas Baleares, Murcia e País Valencià), éuscaro (Navarra e País Vasco) , fala, galego (Asturias, Galicia, Castela e León), leonés e portugués (Estremadura).

Co obxectivo de abrir un espazo para a reflexión sobre o impacto da Carta no Estado español, representantes académicos e institucionais das doce linguas rexionais e minoritarias do Estado participarán os vindeiros xoves e venres, 29 e 30 de xullo, en Santiago de Compostela, nun foro de debate organizado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Consello de Europa. O docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e membro do Comité de Expertos sobre linguas rexionais e minoritarias do Consello de Europa, Fernando Ramallo, é, xunto a Rosario Álvarez, catedrática das áreas de Filoloxía galega e portuguesa da USC e á docente e investigadora de Literatura Galega da USC Dolores Vilavedra, o coordinador do Foro, que “é a primeira oportunidade de xuntar a representantes de todas as linguas cubertas polo tratado. Foi un desafío moi interesante, mais a colaboración e o entusiasmo das persoas contactadas fixo moi doada a iniciativa”, explica Ramallo.

O Foro, que se formula como un espazo para o intercambio de ideas respecto dos compromisos adquiridos nos artigos 7 a 13 da Carta, inclúe mesas redondas para cada un dos artigos, “o que favorece o dinamismo das ideas, as propostas e a discusión e iso creo que tamén foi un atractivo para animar á participación”, destaca o docente da Universidade de Vigo. Tanto polo número de linguas, como polas distintas administracións involucradas ou pola situación de cada lingua, Ramallo considera “complexo” avaliar o cumprimento do compromisos adquiridos nos artigos 7 ao 13 da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. “Como resumo, nas linguas unicamente cubertas polo artigo 7 (as non oficiais) fan falta políticas lingüísticas eficientes e ben estruturadas, non só en relación coa protección senón especialmente coa promoción en campos como o educativo, os medios ou a xustiza”, detalla o coordinador do Foro, que no caso das linguas oficiais considera que cómpre avanzar de xeito significativo nos mesmos campos sinalados, ademais dos usos administrativos e na vida económica, aínda que con diferente matices segundo as linguas e os territorios.

Conta atrás para o Estado español envíe o 5º informe sobre o cumprimento da Carta

O Foro, que comezará o xoves, celébrase poucos meses antes de que o Estado Español remita ao Consello de Europa o seu quinto informe sobre o cumprimento da Carta para o período 2014-2016, momento no que comezará o proceso de monitorización establecido no propio tratado. Co obxectivo de facer un seguimento da situación das linguas minoritarias nos países asinantes da Carta Europea, o Comité de Expertos sobre Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa inicia o seu traballo analizando o informe de política lingüística remitido cada tres anos por cada un dos estados, aos que se lles asigna un grupo de expertos, incluído o representante do estado en cuestión, que na procura de información complementaria realiza unha visita in situ ao territorio para entrevistarse, tanto coas autoridades, como cos diferentes organismos e asociacións independentes dos gobernos que desenvolven a súa actividade na promoción das linguas minoritarias. Con esta información, á que se lle pode sumar a achegada por calquera asociación que desexe poñerse en contacto co Comité, o grupo elabora o seu propio informe, avaliando particularmente o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos polo estado cando ratificou a Carta. Tras un exhaustivo análise o plenario do Grupo de Expertos aproba o informe que, incluíndo unha serie de recomendacións, é remitido ao Comité de Ministros do Consello de Europa.

“Gustaríame recibir un informe con novidades favorables para todas as linguas. Despois de cinco ciclos de monitorización agárdase con especial atención que as principais e reiterativas eivas identificadas en ciclos anteriores estean en proceso de superación”, agarda Fernando Ramallo, que tras tres anos como membro do Comité de Expertos, cualifica o seu traballo de “moi intenso e estimulante. Aprendín moitas cousas sobre a complexidade da situación das minorías lingüísticas de Europa”, explica en relación cun traballo que tamén lle serviu para comprender as fortalezas e limitacións que ten todo tratado internacional “voluntariamente” ratificado.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós