DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 27 de xuño do 2017

Noelia Lalín e Lydia Pérez son campioas de España de loita e alumnas do campus de Pontevedra

Tres exemplos de loita dentro e fóra das aulas que soñan con Tokio 2020

O estudante de Fisioterapia Pablo García sumou no estatal universitario o seu primeiro ouro na modalidade


ImageTokio 2020. Ese é o soño común de futuro para tres estudantes do campus de Pontevedra, que tamén comparten moitas horas de adestramento coas que manterse na elite da loita libre olímpica en España. Noelia Lalín e Lydia Pérez, vixentes campioas de España en categoría absoluta nos seus respectivos pesos, fixeron posible no mes de abril a Universidade de Vigo se proclamase campioa de España de loitas olímpicas en categoría feminina nun torneo celebrado en Murcia, onde Pablo García, tamén estudante do campus, lograba a medalla de ouro nunha modalidade á que chegaba hai preto de dous anos tras competir ata entón en loita grecorromana e na que agarda tamén loitar polo soño olímpico. “Se non pensas que, cando menos, hai unha posibilidade, non adestraríamos todo o que adestramos”, recoñece García, que xunto con Lalín e Pérez forma parte dun grupo de rendemento no CGTD.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Tokio 2020. Ese é o soño común de futuro para tres estudantes do campus de Pontevedra, que tamén comparten moitas horas de adestramento coas que manterse na elite da loita libre olímpica en España. Noelia Lalín e Lydia Pérez, vixentes campioas de España en categoría absoluta nos seus respectivos pesos, fixeron posible no mes de abril a Universidade de Vigo se proclamase campioa de España de loitas olímpicas en categoría feminina nun torneo celebrado en Murcia, onde Pablo García, tamén estudante do campus, lograba a medalla de ouro nunha modalidade á que chegaba hai preto de dous anos tras competir ata entón en loita grecorromana e na que agarda tamén loitar polo soño olímpico.

“Se non pensas que, cando menos, hai unha posibilidade, non adestraríamos todo o que adestramos”, recoñece García, que xunto con Lalín e Pérez forma parte dun grupo de rendemento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). “As olimpíadas son o soño de todo deportista”, engade Pérez, que en abril sumaba a prata acadada no Campionato de España Universitario a un palmarés no que figuran xa once ouros en campionatos de España, entre eles o acadado neste 2017 en categoría absoluta, nunha tempada na que tamén se proclamou campioa júnior e sub23.

“Chegar a unha olimpíada xa é un premio. En loita, Europa é un dos continentes nos que é máis difícil, pola cantidade de países e pola tradición que ten a loita en Europa do leste”, engade Noelia Lalín, que nos últimos dous anos foi tanto campioa de España universitaria como na categoría absoluta, éxitos aos que sumou logros como o quinto posto acadado en 2016 no Campionato do Mundo Universitario disputado en Hungría. Un mundial no que a Universidade de Vigo tamén estivo representada por Pablo García, que no presente ano acadaba o subcampionato de España sénior no peso -70, o seu maior logro ata a data na loita libre olímpica tralos diferentes éxitos colleitados na grecorromana, modalidade coa que logrou o noveno posto en Hungría. “Como non había xente coa que adestrar aquí en Galicia, paseime a libre, e a verdade é que atópome moi ben”, explica este estudante dunha modalidade, que, a diferencia da grecorromana, si permite utilizar as pernas.

Estudar, traballar, adestrar

“Non temos vida social, esa é a conclusión”, recoñece con humor Noelia Lalín do esforzo que supón para estes tres deportistas compaxinar sesións diarias de adestramento cos estudos e cos seus traballos a media xornada ou nas fins de semana. “Para poder vivir disto, terías que ter chegado antes ao máis alto”, admite esta deportista do club Keltoi de Vila de Cruces que, tras graduarse en Fisioterapia, cursa actualmente o máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde Pérez comezou este ano o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, titulación pola que se decantou por “poder seguir vinculada ao deporte e porque penso que ademais de poder formar deportistas tamén podo aprender para a miña propia carreira deportiva”.

A vinculación co deporte foi tamén un factor determinante para que García se decantase por Fisioterapia, onde, recoñece, “o profesorado axúdate bastante” a compaxinar a formación coa participación en torneos, as concentracións ou os adestramentos que realizan conxuntamente. De feito, esta tempada comparten tamén preparador físico e psicólogo deportivo, contratados por eles mesmos, xa que, como recoñecen, a loita olímpica é un deporte que conta con escasos apoios e nos que, “aínda que imos a mellor, queda moito camiño por diante”, como salienta Pérez..

Un deporte pouco coñecido, pero que “engancha”

“Non é o mesmo dicir que fas judo que loita, a xente sóalle moi mal, pensan que é algo agresivo”, recoñece Pérez dun deporte pouco coñecido do que destacan o respecto polos e polas rivais. “Empecei con oito anos porque viñeron a dar unhas clases ao meu colexio, aquí en Pontevedra”, relata dun deporte que “ten algo que engancha”, algo que tamén admite Pablo García. “Empecei por diversión e logo xa cando fun crecendo buscando xa a competición”, salienta este estudante vigués, deportista tamén do Club de Loita Pontevedra.

“Ao vir a Universidade moitas veces non podemos compaxinar os adestramentos cos do centro, polo que adestramos co club, porque aínda que a loita é un deporte individual, non podes adestrar só, polo que ao final fas equipo, amigos...”, relata García. “E queres gañarlle aos amigos”, apunta acto seguido Lalín, quen, a pesares do seu extenso palmarés, iniciouse na loita con 14 anos no seu Lalín natal, xa que, como apunta con humor, “estaba probando un deporte que fora a cuberto, porque a min iso de mollarme...”

A cita universitaria

Os metais acadados por estas dúas alumnas, xunto ao quinto posto logrado por Cristina Alves fixeron posible que a Vigo se proclamase campioa de España nun torneo que supuña o debut nos torneos universitarios para Pérez e no que Lalín repetía ouro. “Aparte de ser unha competición, é como unha pequena festa, queres gañar e loitas igual, pero o ambiente é distinto”, recoñece esta última, quen destaca o bo ambiente destes torneos. “Vas máis relaxado, vas con amigos e ao final pásalo ben”, engade García dunhas competicións que, na modalidade de loita grecorromana, levárono en dúas ocasións, xunto con Lalín, aos campionatos do mundo universitarios.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós