DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 28 de xuño do 2017

Durante o mes de xuño participaron nun curso intensivo para acadar este título

25 novos monitores e monitoras de tempo libre rematan a súa formación

Aprenderon a dinamizar todo tipo de grupos, desde menores a persoas maiores


ImageDurante todo o mes de xuño, en horario de mañá e tarde e de luns a venres, 25 persoas estiveron no campus de Ourense formándose de xeito intensivo para poder traballar de monitores ou monitoras de tempo libre. Este mércores o curso que realizaron, e que cada ano imparte a Escola de Tempo Libre Universitaria Estou e a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación Auce, pechou a súa programación deixando a organizadores e participantes satisfeitos polo traballo levado a cabo. “Con este curso, concrétase unha vez máis, e con éxito, a aposta da asociación Auce por fomentar a formación específica en lecer e tempo libre dentro do espazo universitario”, destaca Millán Brea.

Duvi | Ourense
Durante todo o mes de xuño, en horario de mañá e tarde e de luns a venres, 25 persoas estiveron no campus de Ourense formándose de xeito intensivo para poder traballar de monitores ou monitoras de tempo libre. Este mércores o curso que realizaron, e que cada ano imparte a Escola de Tempo Libre Universitaria Estou e a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación Auce, pechou a súa programación deixando a organizadores e participantes satisfeitos polo traballo levado a cabo. “Con este curso, concrétase unha vez máis, e con éxito, a aposta da asociación Auce por fomentar a formación específica en lecer e tempo libre dentro do espazo universitario”, destaca Millán Brea en nome da entidade.

Desde o pasado 1 de xuño, este grupo tivo a oportunidade de aprender xogando a dinamizar todo tipo de grupos, desde nenos e nenas a persoas maiores. O curso, seguindo o formato de anos anteriores, consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, e durante a súa realización abordáronse desde un punto de vista principalmente práctico todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións.

Perfil educativo

O perfil de persoas inscritas coincidiu nesta edición coa de anteriores, destacando a participación de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus, tanto das diferentes ramas de maxisterio como das de Educación e Traballo Social, cunha franxa de idade de 18 e 25 anos. Aínda que o perfil é diverso, as persoas inscritas, apuntan desde a organización, comparten o feito de ser "persoas dinámicas" e que teñen actitudes para ser monitores. Os docentes encargados de impartir as sesións de traballo foron profesionais do mundo do tempo libre e alumnado que fixo as anteriores edicións do curso da Escola de Tempo Libre Universitaria e que se implica habitualmente nas actividades das entidades organizadoras. Para abordar as temáticas do curso, na súa docencia participaron non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo.

Ao rematar esta formación, incluída as prácticas en diferentes entidades que hai que realizar, os participantes obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e poderán ser monitores de tempo libre nos campamentos que organiza a Xunta de Galicia para todo tipo de públicos, desde nenos e persoas con discapacidade ata persoas maiores ou colectivos específicos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós