DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 17 de xullo do 2017

Os estudantes e atletas Leticia Fernández e Adrián Pérez son campións de España universitarios

Cando a carreira é dobre

No campus de Pontevedra fórmase tamén Alfonso Palomanes, campión estatal de triplo salto en 2016


ImageCun mínimo de tres horas diarias dedicadas a adestrar, que en determinados momentos da tempada poden derivar en sesións dobles diarias, compaxinar os estudos co deporte implica altas doses de esforzo para estudantes como Leticia Fernández e Adrián Pérez Souto, que o pasado mes de maio lograban en Cartagena as súas primeiras medallas de ouro nos Campionatos de España Universitarios de Atlestimo. Metais que ademais de novos folgos para continuar nesta dobre carreira, deportiva e académica, tamén lles dan novos folgos na súa busca dun metal nun campionato de España absoluto, como o ouro que en 2016 acadaba no mesmo outro estudante do campus pontevedrés, José Alfonso Palomanes, que co bronce obtido en Cartagena convertíase no segundo estudante da Universidade de Vigo con maior número de medallas nos torneos universitarios.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Cun mínimo de tres horas diarias dedicadas a adestrar, que en determinados momentos da tempada poden derivar en sesións dobles diarias, compaxinar os estudos co deporte implica altas doses de esforzo para estudantes como Leticia Fernández e Adrián Pérez Souto, que o pasado mes de maio lograban en Cartagena as súas primeiras medallas de ouro nos Campionatos de España Universitarios de Atlestimo. Metais que ademais de novos folgos para continuar nesta dobre carreira, deportiva e académica, tamén lles dan novos folgos na súa busca dun metal nun campionato de España absoluto, como o ouro que en 2016 acadaba no mesmo outro estudante do campus pontevedrés, José Alfonso Palomanes, que co bronce obtido en Cartagena convertíase no segundo estudante da Universidade de Vigo con maior número de medallas nos torneos universitarios.

“Non podes adestrar todo o que quererías, nin estudar todo o que che gustaría, tes que ir xogando un pouco”, salienta este estudante de Fisioterapia e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Sempre fun moi desastre estudando e, de feito, agora estou facendo unha carreira grazas ao deporte”, salienta Fernández Barbosa, que este curso iniciou en Pontevedra os seus estudos da Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade e ao que accedeu a través das prazas reservadas a deportistas de alto nivel. “A verdade é que nunca pensara en Enfermaría, de feito, pedín Fisioterapia pero había xente con máis nota, así que matriculeime así sen pensalo e estou encantada”, engade esta mediofondista, oito veces campioa de España de 1500 nas categorías xuvenil e júnior.

A vontade de estudar unha titulación vinculada co deporte foi tamén o que trouxo ao velocista Adrián Pérez de volta á súa Galicia natal, despois de residir desde os oito anos en Fuerteventura. “Unha vez empecei no atletismo gustoume tanto este mundo que chamoume a estudar isto”, recoñece este velocista e alumno do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, quen vén de lograr o sexto posto no Campionato de España absoluto nos 100 metros tras varias medallas nos torneos estatais nas categorías júnior e promesa.

Do saltador demasiado baixo á deportista que non lle gusta o deporte

Corredor do Tenerife Caja Canarias, Pérez Souto iniciouse no atletismo a través dun torneo escolar nas illas. "Fixen salto de altura e gañei”, relata dos seus inicios nunha disciplina ben distante dos 100 metros. “Tiña bo salto, pero era moi baixo para facer altura, así que o meu adestrador probou coa velocidade e acertou. A partir de aí fun coñecendo o mundo e encantoume, absorbeume”, recoñece este estudante, mentres que Leticia Fernández apunta que foi o feito de que seu irmán maior practicara o atletismo o que a levou a probar cando tiña seis anos. “Sempre digo que non me gustan nada os deportes, o que mé gusta é correr”, engade esta tudense, corredora do Adas Proinor do Barco de Valderorras.

Tamén comezou ben novo, neste caso no salto de lonxitude, o ourensán Alfonso Palomanes, quen recoñece que as vitorias nos inicios serviron para coller con máis ganas este deporte. “Agora gústame moito, pero ao principio penso que era porque se me daba ben, gañas e isto anímate a seguir”, salienta o corredor do FC Barcelona.

Na busca da internacionalidade

Ademais de que a competición de Cartagena supuxo para ambos a súa primeira medalla nun Campionato de España Universitario, tanto Fernández como Pérez comparten un mesmo obxectivo deportivo, lograr a internacionalidade en categoría aboluta e poder participar así en torneos internacionais como o Campionato de Europa. Soño que comparte tamén José Alfonso Palomanes, quen xa foi internacional nas diferentes categorías inferiores, e que acumula oito ouros en campionatos de España, de cadete a promesa, ao que sumou o logrado o pasado ano xa en categoría absoluta. “É a espiña que me queda, ir a un campionato de Europa”, recoñece.

“Obviamente o soño de todo atleta é chegar ás Olimpíadas, é o máximo ao que aspiramos, pero un ten que saber os límites aos que pode chegar”, engade Pérez Souto, quen ve na participación nun europeo un obxectivo a perseguir a medio prazo. “No meu caso, un soño a longo prazo sería tamén poder participar nos Xogos Olímicos, pero de momento estou centrada en intentar sacar unha medalla no Campionato de España absoluto, porque sempre estou aí as portas, e en conseguir a intencionalidade absoluta”, engade Fernández, que acumula un cuarto e tres quintos postos nos 1500 metros, distancia na que, recoñece, o atletismo feminino goza dun “moi bo nivel”.

De aí que tamén admita a ilusión que lle casou o ouro na súa primeira participación no torneo universitario. “A verdade é que a experiencia está moi ben, pásalo ben, sérveche para comprobar que tal estás de forma e como levas os adestramentos”, salienta Fernández dunha competición que, admite, afróntase con menos estrés que outro tipo de toneos. “No meu caso é o terceiro”, engade Pérez Souto quen, despois de quedar cuarto en 2016, logrou un ouro que recoñece “un pouco inesperado”.

Quen acumula maior experiencia no Campionato de España Universitario é Palomanes, fixo no torneo desde 2008. “No seu momento tiñas créditos de libre elección, sempre hai bastante bo nivel en triplo salto e era un bo campionato para poñerte en forma, pero a día de hoxe vou principalmente polo bo ambiente do equipo, porque pásoo moi ben”, salienta ao tempo que reclama unha “maior implicación a nivel estatal” con este tipo de torneos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós