DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de outubro do 2017

Investigadores de Vigo e da Politécnica de Madrid analizan nun artigo o rendemento físico deste equipo

Un estudo sobre o Real Madrid demostra que correr máis non fai gañar máis partidos

A análise abrangue de 2001 a 2007 e compara os quilómetros percorridos a alta intensidade polo equipo e os rivais


ImageA pesares dos seus éxitos deportivos, os xogadores do Real Madrid percorreron de media menos quilómetros en carreiras de alta intensidade e sprints que os seus rivais. Esta é a principal conclusión da análise realizada por investigadores das universidades de Vigo e Politécnica de Madrid dun total de 140 partidos disputados por este equipo entre as tempadas 2001-2002 e 2006-2007. “Os resultados demostran unha idea moi sinxela, que non por correr máis vas gañar máis”, salienta o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Carlos Lago, da investigación que realizou xunto ao tamén docente desta facultade Luís Casais e os investigadores da Politécnica de Madrid Javier Miñano e Miguel Ángel Gómez. Os resultados desta análise amosan que os xogadores do Real Madrid percorrían a alta intensidade unhas distancias medias un 10% inferiores ás dos seus rivais.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
A pesares dos seus éxitos deportivos, os xogadores do Real Madrid percorreron de media menos quilómetros en carreiras de alta intensidade e sprints que os seus rivais. Esta é a principal conclusión da análise realizada por investigadores das universidades de Vigo e Politécnica de Madrid dun total de 140 partidos disputados polo equipo da capital de España entre as tempadas 2001-2002 e 2006-2007. “Os resultados do estudo son moi interesantes e demostran unha idea moi sinxela, que non por correr máis vas gañar máis”, salienta o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Carlos Lago, da investigación que realizou xunto ao tamén docente desta facultade Luís Casais e os investigadores da Politécnica de Madrid Javier Miñano e Miguel Ángel Gómez.

Os resultados desta análise foron publicados na revista Journal of Human Kinetics e amosan que, nos 149 partidos de Liga, Copa do Rei e Liga de Campións analizados, os xogadores do Real Madrid percorrían unhas distancias un 10% inferiores que os seus rivais en carreiras de alta intensidade, aquelas realizadas a unha velocidade de entre 21 e 24 quilómetros por hora, mentres que nas carreiras categorizadas como sprint, aquelas que superan os 24 quilómetros por hora, os seus contrincantes percorreron de media unha distancia un 6% superior.

Menos distancia en todos os postos

O estudo dirixido a afondar nun aspecto do rendemento físico que, como apunta Lago, é visto como “esencial polos afeccionados, que premian con aplausos ao que corre aínda que ás veces esa carreira non teña ningún sentido dentro do xogo”, parte dos datos obtidos a través do sistema de tracking Amisco, que permite calcular a situación dun determinado xogador nos eixos X e Y un total de 25 veces por segundo, “co que es capaz de estimar as velocidades de desprazamento”.

A través desta ferramenta, os investigadores puideron obter información das distancias percorridas polos xogadores e realizar 2082 observacións do rendemento físico de xogadores nos 149 partidos analizados, 1052 dos do Real Madrid e 1031 dos seus diferentes rivais. Isto permitiulles comprobar tamén como esta tendencia se repetía “en todos os postos específicos”. Tanto os defensas centrais e laterais, como os centrocampistas, extremos e dianteiros madridistas, explica Lago, presentaban tamén uns rexistros de distancias percorridas inferiores aos dos seus rivais,

Todo isto nun período no que o Real Madrid alzouse cun total de sete trofeos, incluíndo unha Liga de Campións, dúas ligas españolas e unha Intercontinental, e no que equipo estivo dirixido, entre outros, por Vicente del Bosque, co propio Javier Miñano como preparador físico, e Fabio Capello. De aí que Lago, que recentemente obtiña a primeira cátedra de Ciencias do Deporte, incida no positivo de confirmar un aspecto que “xa fora suxerido noutras investigacións”, e de facelo cun dos conxuntos “de maior éxito na historia recente”, que naqueles anos viña tamén de ser nomeado mellor equipo do século XX, pola International Federation of Football History and Statistics. “Se o que gaña expresa niveis de rendemento físico inferiores ao seu rival, a inferencia está clara, o nivel técnico-táctico dos xogadores, como sé intuía, é o que define o éxito no fútbol”, destaca.

Un deporte de toma de decisións

Se ben correr de máis non determina o éxito, correr de menos si pode ser un motivo de derrota, recoñece Lago, que matiza non obstante que este factor sería decisivo cando os xogadores se sitúen por debaixo “dun limiar mínimo de rendemento físico”, que superan con creces todos os xogadores profesionais de elite. A partires de aí, son os aspectos técnicos e tácticos os que poden definir en maior medida o resultado final dun partido, xa que o fútbol, salienta o investigador, “é un deporte de toma de decisións”, no que “a clave está en correr o que demanda o xogo”.

Nese senso, lembra que variables como o marcador, o nivel do opoñente ou o feito de xogar en casa ou fóra van contribuír tamén a que un equipo corra máis ou menos, aspecto que non implica “ter un maior rendemento”, como explica este investigador, que centrou o estudo nas carreiras realizadas a unha velocidade elevada, “porque son as que se producen preto do balón, as que definen gañar ou perder a posesión da pelota”. Aspecto este último, a posesión do balón, que tampouco ten, fronte á crenza xeral, unha incidencia directa no número de quilómetros percorridos, como xa demostraran os investigadores desta facultade nun estudo publicado en 2013 e centrado na Premier League británica, no que constataron que “non é certo que ter menos posesión de balón inflúa en que teñas que correr máis ou menos”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós