DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 30 de xuño do 2017

O alumnado dos tres graos do centro celebrou no Pazo da Cultura a fin dos seus estudos

Ciencias da Educación e do Deporte despide a 200 mozos e mozas capaces de mellorar a sociedade

Marián Fernández, Roberto Barcala e Uxío Pérez foron os padriños das tres promocións


ImageNun Pazo da Cultura cheo de compañeiros e compañeiras, familiares e docentes, os 200 novos titulados e tituladas dos tres graos que se imparten en Ciencias da Educación e do Deporte festexaron na tarde deste xoves o final dunha etapa, no que foi o último e o máis multitudinario dos actos de graduación celebrados no presente curso no campus pontevedrés. As novas egresadas e egresados recibiron as súas bandas e diplomas nun acto marcado polas verbas de recoñecemento ao seu esforzo, pero tamén de esperanza polo papel que poden desenvolver na procura dunha sociedade mellor desde eidos como o ensino ou o fomento do deporte.

Duvi | Pontevedra
Nun Pazo da Cultura cheo de compañeiros e compañeiras, familiares e docentes, os 200 novos titulados e tituladas dos tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte festexaron na tarde deste xoves o final dunha etapa, no que foi o último e o máis multitudinario dos actos de graduación celebrados no presente curso no campus pontevedrés. As novas egresadas e egresados recibiron as súas bandas e diplomas nun acto marcado polas verbas de recoñecemento ao seu esforzo, pero tamén de esperanza polo papel que poden desenvolver na procura dunha sociedade mellor desde eidos como o ensino ou o fomento do deporte. Os profesores Roberto Barcala, Uxío Pérez e Marian Fernández Villarino exerceron como padriños e madriña respectivamente, das 66 novas tituladas e titulados en Educación Infantil, das 61 novas egresadas e egresados en Educación Primaria e dos 73 estudantes que rematan os estudos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Ademais de dos seus padriños e madriña, os novos graduados e graduadas tamén recibiron neste acto as verbas de recoñecemento do decano da facultade, Vicente Romo, e do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, así como dos diferentes representantes institucionais que quixeron acompañalos nunha celebración que simboliza tamén o peche dunha etapa. O acto que se completou coa actuación do coro do campus de Pontevedra, dirixido precisamente por un profesor do centro, Marco Lucato, contou nese senso coas intervencións da secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; da concelleira de Educación, Carmen Fouces, e do deputado provincial Carlos López Font. Mais tamén houbo espazo, trala entrega de bandas e diplomas, para que os novos egresados e egresadas fixesen balance destes anos de aprendizaxe e convivencia. Carlos Hurtado e Laura Centoira, Marta Abalde e Patricia Carbia, e Aroa Otero e Raquel González, en representación dos graos de Ciencias da Actividade e do Deporte, Educación Infantil e Educación Primaria, respectivamente, encargáronse de dar voz aos novos titulados e tituladas no peche deste acto.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós