DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 30 de xuño do 2017

Ao abeiro de 'Galtfish', proxecto centrado no estudo da produción do sal e salgaduras en época romana

Investigadores de Vigo e Santiago descobren en Adro Vello unha gran mostra de peixe de hai 1700 anos e restos óseos de sete persoas

Adolfo Fernández (UVigo) e Olalla López (USC) lideraron a intervención no xacemento de O Grove


Image Pola súa dimensión e o seu estado de conservación, a mostra de peixe de hai 1700 anos de antigüidade que agochaba o pío número 1 do xacemento romano de Adro Vello (O Grove), “pode ser un achado único”, asegura Adolfo Fernández, docente e investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat). Xunto á docente e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Olalla López e a un grupo de sete investigadoras e investigadores de ambas as dúas universidades, Adolfo Fernández encargouse durante unha semana da dirección técnica da intervención arqueolóxica desenvolvida en Adro Vello, onde tamén se localizaron os restos óseos de sete persoas: un recén nacido e tres nenos e outros tres adultos, de diferentes épocas, que abranguen do século V ou VI ata o XVII.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Pola súa dimensión e o seu estado de conservación, a mostra de peixe de hai 1700 anos de antigüidade que agochaba o pío número 1 do xacemento romano de Adro Vello (O Grove), “pode ser un achado único”, asegura Adolfo Fernández, docente e investigador do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat). Xunto á docente e investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC Olalla López e a un grupo de sete investigadoras e investigadores de ambas as dúas universidades, Adolfo Fernández encargouse durante unha semana da dirección técnica da intervención arqueolóxica desenvolvida en Adro Vello, onde tamén se localizaron os restos óseos de sete persoas: un recén nacido e tres nenos e outros tres adultos, de diferentes épocas, que abranguen do século V ou VI ata o XVII.

A intervención arqueolóxica, a primeira que se realizaba no xacemento desde hai 17 anos, desenvolveuse ao longo dunha semana ao abeiro do proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar e que se centra no coñecemento da produción do sal e as salgaduras no Noroeste Peninsular durante a época romana, da que só existen algúns inventarios que recollen datos superficiais e en moitos casos antigos da presenza de factorías de época romana en diversos puntos do litoral. Os resultados da intervención foron presentados hoxe unha rolda de prensa na que xunto aos investigadores participaron a vicerreitora de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo, Asunción Longo e a responsable de Docencia e Captación de Talento de Campus do Mar, Elsa Vázquez.

Como “algo paradigmático” do que debe ser a investigación, definiu Longo o traballo colaborativo desenvolvido polas investigadoras e investigadores da universidades de Vigo e Santiago aos que agradeceu o seu traballo, “que xera ilusión e vocación e abre unha fiestra a como era o mundo hai 1700 anos”. Pola súa banda, a responsable de Docente e Captación de Talento de Campus do Mar, Elsa López aludiu á multidisciplinariedade do proxecto, que inclúe a profesionais da Arqueoloxía, Bioloxía, Enxeñaría de Minas e Edafoloxía, e asegurou que “Campus do Mar non é só ciencias do mar, vai máis alo é isto é unha boa mostra”.

21 bolsas de camiseta cheas de restos de peixe

Aínda que a través dalgunhas notas se sabía da existencia de restos de peixe nos pilos de Adro Vello, o traballo desenvolvido entre os días 19 ao 27 de xuño revelou ás investigadores e investigadores o que Adolfo Fernández cualificou de “sorpresa”. Trala limpeza da vexetación que cubría o xacemento, a retirada dunha lápida e o baleirado dos recheos que ateigaban os catros píos nos que se traballou do xacemento, comezou a escavación do primeiro deles, onde se atopou no fondo unha grande cantidade de restos de peixe de 1700 anos de antigüidade, “semellaba un pastel de masa de follado dun grosor de entre catro e seis centímetros, moi compactado”, explicou o arqueólogo, cos que se encheron un total de 21 bolsas tamaño camiseta. “A nosa mostra é moi importante, un pío completo”, asegurou Fernández en relación cun achado conformado por peixe pequeno, “aínda que non sabemos as especies, que se utilizaba para elaborar salsa”.

Os restos de ictiofauna atopados, conformados por restos óseos, escamas e espiñas permitirán realizar moitas investigacións, ademais de sobre o tamaño e o número de individuos, sobre o tipo de especies e mesmo o seu ADN e estudar a súa evolución durante os últimos 1700 anos. Restos de malacofauna, en especial ostras, e doutros moluscos asociados ao consumo, completan os achados localizados nos píos, cuxos morteiros tamén serán estudiados por investigadores da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía para coñecer os detalles da súa construción.

“O peixe foi un extra que non esperabamos e penso que vai a ser a gran novidade en moitos anos neste aspecto para os que traballamos na explotación de recursos mariños en época romana, que precisabamos dunha mostra así porque Galicia carecía dela”, explicou o investigador da Universidade de Vigo.

Restos óseos de sete persoas

Ademais de ser unha factoría de salgadura, Olalla López lembrou que Adro Vello tamén é unha necrópole moi importante, na que, froito do traballo desenvolvido durante esta intervención saíron á luz restos óseos de sete persoas, catro menores e tres adultos. “A súa conservación é moi boa, ao que axudou que non se construíse na enriba deles e a súa datación prolóngase durante un período moi longo de tempo”, explicou a antropóloga da USC, que se aventurou a apuntar que se continúan os traballos e seguen a aparecer restos humanos a este ritmo, Adro Vello podería confirmarse como unha das necrópoles máis grandes de Galicia.

A partir dos restos localizados, Olalla López centrarase no estudo dos hábitos de vida destas persoas, incluídas as enfermidades que padeceron (un dos corpos presenta unha costela rota, outro osos con artrite e outro signos de estrés) e moi especialmente na súa paleodieta,”campo de estudo no que somos líderes”, destacou a investigadora da USC.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós