DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 05 de xullo do 2017

O profesor Alberto Pena afonda seu novo libro no papel xogado pola ditadura lusa na Guerra Civil

Franco e Salazar, unidos pola propaganda

O volume completa traballos previos sobre a colaboración do Estado Novo co franquismo


ImageO papel xogado pola prensa, a nivel nacional e internacional, para captar adeptos ou desmoralizar o inimigo, o “uso pioneiro da radio e do cinema dun xeito estratéxico, con producións específicas dirixidas a diferentes públicos e en varios idiomas” son exemplos de como a Guerra Civil española “marcou o devir histórico” como un “campo de experimentación propagandística”, sostén o investigador Alberto Pena. Un ámbito no que o exército franquista tivo como grande aliado á ditadura portuguesa de Salazar, cuxo papel no conflito español constitúe unha das liñas centrais de investigación deste profesor de CCSS e da Comunicación. Unha liña de traballo que ten como culminación Salazar y Franco. La alianza del fascismo ibérico contra la España Republicana, libro no que con novas achegas e documentos, ofrece unha ampla análise do papel xogado pola prensa e a diplomacia portuguesa no conflito español.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
O papel xogado pola prensa, a nivel nacional e internacional, para captar adeptos ou desmoralizar o inimigo, o “uso pioneiro da radio e do cinema dun xeito estratéxico, con producións específicas dirixidas a diferentes públicos e en varios idiomas” son exemplos de como a Guerra Civil española “marcou o devir histórico” ao ser este conflito un “campo de experimentación propagandística, no que se desenvolveron novos métodos e técnicas”, sostén o investigador Alberto Pena. Un ámbito no que o exército franquista tivo como grande aliado á ditadura portuguesa de Antonio Oliveira de Salazar, cuxo papel na Guerra Civil constitúe unha das liñas centrais de investigación deste profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Unha liña de traballo que ten como culminación Salazar y Franco. La alianza del fascismo ibérico contra la España Republicana: diplomacia prensa y propaganda, libro no que con novas achegas e documentos, o investigador ofrece unha ampla análise do papel xogado pola prensa e a diplomacia portuguesa no conflito español.

“Basicamente, o libro presenta unha perspectiva globalizadora, a partir das figuras de Franco e Salazar”, salienta Pena do volume publicado por Trea e no que fai balance do seu estudo das estratexias e técnicas de propaganda empregadas na Guerra Civil, que vén desenvolvendo desde a súa tese de doutoramento, defendida en 1997. “Escribiuse moito sobre o apoio de Hitler e Mussolini a Franco, pero con demasiada frecuencia obviouse a axuda fundamental da ditadura portuguesa”, sinala o autor dun volume que, ampliando o recollido en libros anteriores, analiza o discurso político do salazarismo durante a II República, o papel da radio e da prensa satírica portuguesa, así como dos intelectuais lusos e as campañas do franquismo en territorio luso, achegando novos documentos inéditos. Análise que completa cunha conceptualización teórica sobre “a evolución da propaganda como fenómeno persuasivo na historia contemporánea”.

Franco e Salazar, sostén Pena, necesitáronse e apoiáronse mutuamente, como demostra o feito de que o ditador luso fose “de facto, o ministro de Exteriores de Franco”, quen vía nos golpistas o xeito de evitar que o sistema democrático en España xerase “un efecto contaxio" no seu país. De aí que, a través da propaganda, o Estado Novo presentase á República como un “peón do comunismo internacional” que pretendía invadir Portugal, ao tempo que convertía aos dous ditadores “nunha especie de heroes salvadores, defensores da civilización cristiá”.

O uso pioneiro da radio

Desde o uso que o golpista Queipo de Llano realizou, por primeira vez, “das emisións radiofónicas con fins estratéxicos militares”, ao papel xogado polo Radio Club Portugués, a primeira en facer campaña “contra o goberno e as institucións legais doutro país”, o uso da radio con fin propagandísticos foi pioneiro no conflito español. Este medio tivo, como lembra o investigador, “unha importancia estratéxica” para os sublevados “desde os primeiros días do golpe”, cando o RCP transmitía cara España con locutores e locutoras españois, co propósito de “elevar a moral do exército sublevado, persuadir á opinión pública para apoiar a Franco, recadar fondos para o exército insurxente e captar voluntarios para combater en España”.

A propaganda do terror

Máis aló dos medios, tamén as masacres foron utilizadas con fins propagandísticos nunha guerra na que se rexistra por primeira vez unha nova técnica bélica, “a propaganda do terror”, que, como lembra Pena, na actualidade “é utilizada polo terrorismo xihadista”. Similar á atrocity propaganda da Primeira Guerra Mundial, a atribución ao enimigo de atrocidades sobre a poboación civil, a propaganda do terror susténtase na “deliberada intención de causar danos civís”, que o bando franquista “puxo en práctica de forma sistemática” e que queda exemplificada en episodios como o bombardeo de Guernica de 1937. “O que Franco pretendía era derrubar psicoloxicamente ao adversario mediante os bombardeos masivos e indiscriminados sobre cidades desprotexidas, facendo sentir terror á poboación ante o simple son dos avións”, engade Pena.

O home que contou a verdade en Badaxoz

Outra mostra da propaganda do terror foron as execucións en masa que o bando sublevado levou a cabo en agosto de 1936 na praza de touros de Badaxoz e que permiten a Pena afondar no papel que xogou o amplo número de correspondentes que a prensa portuguesa envíou a territorios controlados polos golpistas. “A maioría dos estiveron ao servizo do franquismo e o salazarismo e isto foi así porque o Secretariado de Propaganda Nacional de Portugal e o Servizo de Prensa franquista estableceron un control rigoroso sobre a 'idoneidade intelectual' dos xornalistas que podían informar desde o territorio franquista”, relata.

Mais Pena tamén relata neste libro a historia de Mário Neves, do Diário de Lisboa, testemuña directa, xunto co francés Marcel Dany, da axencia Havas, dos fusilamentos que Yagüe ordenou tras entrar en Badaxoz. As imaxes de como centos de fusilados “eran queimados a ceo aberto” inspiraron as crónicas que Neves enviou a Portugal e que foron publicadas sen censurar, o que levou a que destas se fixesen eco as axencias internacionais, "que crearon unha imaxe dos rebeldes ás ordes de Franco como un exército de xenocidas”. E todo isto, porque os Servizo de Censura portugueses contemplaron os fusilamento de “comunistas” españois, “representados como auténticos monstros pola propaganda salazarista, como algo natural”, explica o investigador.

A colonia española en Portugal

Outro dos aspectos que Pena, quen vén de obter o premio extraordinario de doutoramento da UNED por un estudo sobre a prensa da colonia portuguesa nos Estados Unidos, amplía neste libro é a análise do papel xogado pola colonia española en Portugal, formada na súa maioría por emigrantes galegos. Unha colonia pouco numerosa, de preto de 15.000 persoas, e da que formaban parte “varios centos de familias da aristocracia” que se estableceron fundamentalmente en Estoril e Lisboa durante a República e que remataron converténdose en “axentes do franquismo en Portugal”. Do mesmo xeito, Pena tamén se detén en como as asociacións de inmigrantes galegos “foron instrumentalizadas polo franquismo desde o inicio da guerra”, converténdoas en “plataformas de promoción do movemento fascista”, grazas ás facilidades do Estado Novo, que “non toleraba que ningunha organización da colonia manifestase o seu apoio á República”.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós