DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 07 de xullo do 2017

Con novos equipamentos, dirixidos a abordar o procesado integral da madeira e residuos forestais

A EE Forestal achega o alumnado aos procesos de biorrefinería

A través da transformación química, abordarán o seu procesado para obter produtos como biocombustibles


ImageA química ten cada vez un papel máis relevante no aproveitamento dos recursos forestais, que poden servir como fonte para elaboración de biocombustibles ou antioxidantes. Co propósito de achegar a formación práctica do alumnado aos procesos de biorrefinería, a Escola de Enxeñaría Forestal vén de ampliar o seu laboratorio de celulosas e pasta de papel cunha serie de fermentadores, para convertelo nun “laboratorio de transformación integral da madeira, que integre tamén a química” e que permita aos estudantes iniciarse nas súas clases prácticas nas múltiples opcións de procesado da madeira e os residuos forestais, como explica a subdirectora en funcións do centro, Ángeles Cancela.

Duvi | Pontevedra
A química ten cada vez un papel máis relevante no aproveitamento dos recursos forestais, que poden servir como fonte para elaboración de biocombustibles ou antioxidantes. Co propósito de achegar a formación práctica do alumnado aos procesos de biorrefinería, a Escola de Enxeñaría Forestal vén de ampliar o seu laboratorio de celulosas e pasta de papel cunha serie de fermentadores, para convertelo nun “laboratorio de transformación integral da madeira, que integre tamén a química” e que permita aos estudantes iniciarse nas súas clases prácticas nas múltiples opcións de procesado da madeira e os residuos forestais, como explica a subdirectora en funcións do centro, Ángeles Cancela.

“Co obxectivo de dotar ao alumnado das maiores competencias, a dirección da Escola tratou de mellorar os laboratorios da especialidade de industrias forestais”, sinala Cancela dunha actuación que busca ampliar as posibilidades que, no laboratorio de celulosas e pasta de papel, o alumnado tiña de achegarse aos procesos de transformación industrial da madeira. “Ata o de agora, podían coñecer o procesado da pasta para a obtención de papel e estes equipamentos van permitir quitarlle un valor engadido á madeira e empregala para a obtención de antioxidantes, fenois, biocombustibles como o bioetanol”, así como traballar na combinación destes materiais con polímeros, explica.

Trátase como sinala, dunha actuación levada a cabo nun laboratorio destinado á formación práctica do alumnado, á que proxectan sumar tamén melloras o vindeiro curso no taller de madeira. Con estas actuacións, explica Cancela, búscase que “ampliar o abano de posibles saídas” para os futuros titulados e tituladas, xa que, na actualidade, “os productos máis innovadores da industria forestal estarán baseados na transformación química da madeira".
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós