DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 05 de xullo do 2017

A través dunha serie de intervencións que se emprazarán diante dos escenarios do festival

Alumnas de Belas Artes situarán o mar diante dos escenarios do Sinsal

A iniciativa, apoiada pola Unidade de Igualdade da Universidade, busca dar visibilidade ás mulleres artistas


ImageA 42°18’ de latitude e 08°37’ de lonxitude é o título do proxecto co que catro estudantes de Esdemga e unha alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes situarán o mar diante dos escenarios do Festival Sinsal, que se desenvolverá entre o 21 e o 23 de xullo na illa de San Simón. Nunha iniciativa promocionada pola Unidade de Igualdade da Universidade co propósito de dar visibilidade ao traballo das mulleres que se forman neste centro do campus pontevedrés, as estudantes deseñaron unha serie de estruturas de cartón que dotarán dun novo aspecto ás vallas que rodean o escenario e a mesa de son dos diferentes espazos do festival.

Duvi | Pontevedra
A 42°18’ de latitude e 08°37’ de lonxitude é o título do proxecto co que catro estudantes de Esdemga e unha alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes situarán o mar diante dos escenarios do Festival Sinsal, que se desenvolverá entre o 21 e o 23 de xullo na illa de San Simón e que foi presentado hoxe mércores en Vigo. Nunha iniciativa promocionada pola Unidade de Igualdade da Universidade co propósito de dar visibilidade ao traballo das mulleres que se forman neste centro do campus pontevedrés, as estudantes deseñaron unha serie de estruturas de cartón que dotarán dun novo aspecto ás vallas que rodean o escenario e a mesa de son dos diferentes espazos do festival. Vallas que quedarán desta volta nun segundo plano para o público, que o que verá diante dos escenarios será unha interpretación topográfica da ría de Vigo e a representación das súas ondas.

“A proposta que nos fixeron desde Sinsal era desenvolver unha intervención artística pensando nas proteccións que se sitúan diante dos escenarios, que normalmente son vallas metálicas, converténdoas en elementos que se integrasen máis co espírito do festival e da illa”, salienta o profesor da facultade Fernando Suárez, coordinador xunto con Ignacio Barcia dunha iniciativa que levou as tituladas en Belas Artes e alumnas de Esdemga Teresa Búa e Miriam Cartagena, a alumna de doutoramento Yolanda Ríos e ás tamén estudantes de Esdemga Claudia González e Lara Santos a deseñar unha serie de estruturas baseadas nun material de baixo custo como é o cartón e que, nos días previos ao inicio do festival, emprazarán diante dos seus tres escenarios.

“Trátase dun proxecto de empoderamento das alumnas, que busca ofrecerlles unha canle de proxección semiprofesional” e situar o seu traballos en primeiro plano nun evento como o Sinsal, engade a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, quen lembra que, a pesares de que as mulleres son maioría entre o alumnado de Belas Artes, “teñen máis obstáculos para profesionalizarse amosar a súa obra que os homes, xa que a súa representación nos centros de arte é mínima”. Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou no acto de presentación que “desde a institución provincial estamos facendo un labor prioritario para poñer en valor os nomes das artistas das Rías Baixas, particularmente no mundo do audiovisual onde hai mulleres moi potentes que gañan premios en todos os festivais de cine internacionais pero cuxas caras e nomes todo o mundo descoñece”. Do mesmo xeito, agradeceu “profundamente que se faga do lado da Universidade, porque aí reside o talento e é intelixente telo en conta para que teña repercusión global na sociedade”.

Da topografía da ría ás redes que deixan ver o mar

Illa, natureza, topografía, o mar e as súas ondas e a música e o son foron os cinco conceptos que estas artistas empregaron como punto de partida para definir “tres pezas moi orgánicas en canto a súa forma e estrutura”, que teñen o cartón como material base, segundo explica Lara Santos, encargada de coordinar nestes días os traballos de execución das pezas que, partindo das maquetas xa definidas, desenvolve nos talleres da facultade co apoio do investigador do centro Román Corbato. “Baseámonos en diversos conceptos que nos suxería a illa de San Simón e o propio festival”, salientan as alumnas, que destacan tanto o interese da propia proposta en si, “o poder substituír un obxecto tan anódino e insubstancial por algo máis significativo e expresivo”, como a posibilidade que lles brinda esta iniciativa de “traballar co festival Sinsal e nunha contorna tan máxica como é a illa de San Simón”.

Partindo deses conceptos, a estrutura, de máis de dez metros de longo, que as alumnas deseñaron para o escenario principal Son Estrella, constitúe unha “interpretación topográfica” da Ría de Vigo, que “ao mesmo tempo simula as ondas sonoras e que foi realizada unicamente con cartón cortada ao láser.

Para o escenario San Antón New Balance, emprazado neste caso na illa de San Antón, buscaron unha “estrutura que dialogase coa propia paisaxe mariña”, xa que a principal característica deste segundo palco, lembran, é que ten o mar como pano de fondo. Neste caso, a súa estrutura, tamén de máis de dez metros, está formada por varios planos verticais integrados por módulos nos que combinan o cartón con redes de pesca e elementos téxtiles, co propósito de simular tamén as ondas do mar “nun xogo de superposición de capas e transparencias”.

Por último, para o escenario Buxos decantáronse por fusionar as dúas pezas anteriores, aproveitando as dúas caras deste último espazo, e deseñar así unha estrutura que formulan como “unha parella de opostos”, na que se combinan as ideas de mar e terra, as ondas e a topografía da contorna.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós