DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 30 de xuño do 2017

A Escola Superior de Enxeñaría Informática celebrou este venres un cuarto de século

25 anos despois, #SomosEsei

Egresados e egresadas de diferentes promocións uníronse á conmemoración


ImageNo ano 1991, cando aínda non existían os teléfonos móbiles e cando apenas se anuncia publicamente a creación da World Wide Web, botaba a andar no campus de Ourense a entón Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Informática de Xestión. Transcorreu desde entón un cuarto de século no que a informática mudou radicalmente e radicalmente mudou o mundo. Durante ese tempo, tamén o centro sufriu transformacións ata converterse no que é hoxe en día a Escola Superior de Enxeñaría Informática. O que non cambiou desde entón foi a paixón pola informática e polo ensino, tal e como quedou de manifesto na celebración este venres dos 25 anos do centro.

Rosa Tedín | Ourense
No ano 1991, cando aínda non existían os teléfonos móbiles e cando apenas se anuncia publicamente a creación da World Wide Web, botaba a andar no campus de Ourense a entón Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión. Transcorreu desde entón un cuarto de século no que a informática mudou radicalmente e radicalmente a informática mudou o mundo. Durante ese tempo, tamén o centro ourensán sufriu transformacións ata converterse no que é hoxe en día a Escola Superior de Enxeñaría Informática. O que non cambiou desde as súas orixes foi a paixón pola informática e polo ensino, tal e como quedou de manifesto na celebración este venres dos 25 anos do centro.

A conmemoración, que tivo lugar no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico, contou coa participación de representantes de diferentes colectivos. Estivo Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e os responsables da Escola Superior de Enxeñaría Informática ao longo da súa historia, como son Manuel Pérez Cota, Enrique Barreiro, Ana Garriga e Francisco Javier Rodríguez, o seu actual responsable. Acompañados por un vídeo de lembranza, Pérez Cota, director entre os anos 1992 e 1994, e Enrique Barreiro, primeiro director que ocupou democraticamente o cargo, de 1994 a 1999 e de 2006 a 2013, lembraron canto evolucionou tanto a faciana do sector como a do centro ao longo destes anos e amosaron a súa satisfacción polo traballo realizado nesta escola ata convertela no que hoxe é.

Pasado, presente e futuro

Os estudos de enxeñaría informática, lembrouse durante o acto, comezaron no campus de Ourense en 1991 na que entón era a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Informática de Xestión, impartíndose a titulación de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión. Foi no ano 1999 cando pasou a denominarse Escola Superior de Enxeñaría Informática, ao serlle concedida a titulación de segundo ciclo. Logo virían os cambios normativos e a implantación do Plan Boloña, pasando a contar cos títulos de grao e mestrado en Enxeñaría Informática e formando na actualidade aos seus estudantes nas competencias necesarias para as profesións de enxeñaría técnica en informática e enxeñaría en informática, profesións nas que se manexan datos de empregabilidade ao remate dos estudos superiores ao 90%.

Ao longo da cerimonia celebrada este venres destacouse como a historia da escola é froito "do labor de moitas persoas que fixeron deste proxecto o seu lugar de traballo", recoñecendo o esforzo e dedicación do persoal de administración e servizos e do profesorado. Tamén se subliñou a importancia dos froitos dese traballo, o colectivo de egresadas e egresados que atesoura este centro, profesionais que, destacou no acto de homenaxe, están repartidos por puntos da xeografía e sectores moi diversos. Deste froitos e do pasado, presente e futuro da ESEI, tamén falaron Juan Francisco Gálvez, como profesor que leva 25 anos no centro; Celso Campos, como primeiro alumno en titularse nela e hoxe docente neste centro, e Lucía López, estudante na actualidade da escola. Todos eles e elas foron os encargados de pór en palabras o sentir dos presentes nun acto que, destacou Francisco Javier Rodríguez, quixo ser “un momento para a celebración de todo o vivido e de todo o que nos queda por vivir xuntos”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós