DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 04 de xullo do 2017

No marco do proxecto Race for Water e a bordo dun dos barcos solares máis grades do mundo

Científicos de Ephemare estudan nas Bermudas o impacto da contaminación por microplásticos no océano

O investigador vigués Raimundo Blanco representa á Universidade de Vigo nesta iniciativa internacional


ImageO proxecto Race for Water loita conta a contaminación mariña percorrendo o mundo durante cinco anos a bordo dun dos barcos solares máis grandes do mundo. Este trimarán levou áncoras o pasado mes de abril do porto francés de Lorient e agora, tras atravesar o Atlántico, atópase nas illas Bermudas, onde embarcaron tres científicos do proxecto europeo Ephemare, que coordina a Universidade de Vigo e ten como obxectivo avaliar o impacto dos microplásticos sobre os organismos mariños. Un destes expertos é o investigador do grupo Ecotox Raimundo Blanco, que dende o mércores 28 está recollendo e procesando mostras nas baías de Whalebone Bay, Well bay e Evans Bay. Tras seis días de traballo a bordo, este martes os membros do equipo de Ephemare trasladáronse ao Bermuda Institute of Ocean Sciences (BIOS) para continuar coas análises de laboratorio.

M. Del Río | Vigo
O proxecto Race for Water loita conta a contaminación mariña percorrendo o mundo durante cinco anos a bordo dun dos barcos solares máis grandes do mundo. Este trimarán levou áncoras o pasado mes de abril do porto francés de Lorient e agora, tras atravesar o Atlántico, atópase nas illas Bermudas, onde embarcaron tres científicos do proxecto europeo Ephemare, que coordina a Universidade de Vigo e ten como obxectivo avaliar o impacto dos microplásticos sobre os organismos mariños. Un destes expertos é o investigador do grupo Ecotox Raimundo Blanco, que dende o mércores 28 está recollendo e procesando mostras nas baías de Whalebone Bay, Well bay e Evans Bay. Tras seis días de traballo a bordo, este martes os membros do equipo de Ephemare trasladáronse ao Bermuda Institute of Ocean Sciences (BIOS) para continuar coas análises de laboratorio.

Traballando man a man con Race for Water

Race for Water é unha iniciativa enfocada tanto á divulgación como ao estudo científico do impacto que teñen os residuos plásticos nos mares do planeta. Segundo as estimacións de Marco Simeone, o empresario suízo que puxo en marcha este proxecto, nos océanos hai xa 1 kg de plásticos por cada cinco peixes, desde botellas e bolsas ata pequenas partículas plásticas derivadas principalmente de produtos de coidado persoal, como xabóns, cosméticos e pasta de dentes, ou de produtos de maior tamaño que se degradan en fragmentos pequenos. Nesta problemática céntrase tamén o traballo do proxecto europeo Ephemare, que baixo a coordinación do catedrático vigués Ricardo Beiras, reúne científicos de 15 institucións de dez países europeos que traballan para estudar a contaminación por microplásticos, residuos de menos de 5 mm, e os seus efectos sobre as especies acuáticas, tanto invertebrados como peixes.

A posibilidade de establecer esta colaboración entre ambos proxectos permitiu que o pasado mércores os tres científicos de Ephemare embarcaran en Marina Carolina Bay no trimarán solar. Durante os seis días de navegación pola costa das Bermudas realizaron as tarefas necesarias para extraer os microplásticos precisos para o seu posterior estudo. Como detalla Raimundo Blanco “as mostras de microplásticos cuantificaranse, analizaranse e empregaranse para realizar tests de ecotoxicidade en Europa, nos laboratorios da Universidade de Bordeaux (Francia), Antwerp (Bélxica), Politécnica de la Marche (Italia), Vigo e Coruña”.

O investigador vigués valora moi positivamente a oportunidade que supón para Ephemare ter participado na Race for Water. “Desde o punto de vista científico, permite ter acceso a unha plataforma de mostraxe de maneira altruísta nunha zona de moito interese para obter as mostras necesarias para o estudo do efecto de microplásticos en animais mariños, tanto invertebrados coma peixes. Dende o punto de vista de divulgación supón darlle visibilidade ao traballo científico e permitir o seu coñecemento á sociedade aproveitando as canles mediáticas das que dispón R4W”. Finalmente, lembra Blanco, é importante “colaborar co público implicado na problemática dos plásticos no medio ambiente para a busca de liñas de investigación e colaboración (citizen science)" e engade que este proxecto tamén supón a oportunidade de establecer colaboracións con investigadores das propias Illas Bermudas.

Seis días a bordo do trimarán solar na costa da Bermudas

Para a recollida das mostras seleccionáronse dúas localidades das Bermudas, unha na costa este (Well Bay) e outra na oeste (Somerset Long Bay). Nestes puntos os investigadores recolleron mostras de area na praia, sedimentos a dez metros de profundidade, varias especies de invertebrados (moluscos, crustáceos e equinodermos) e vertebrados (peixes), así como mostras de auga en alta mar. Blanco detalla que o traballo de campo repártese por matrices e para a matriz de auga fixeron mostraxes da capa superficial da columna de auga (os primeiros 20 cm), para o que empregaron unha Manta Trawl que se arrastra a tres nós de velocidade durante 15 ou 30 minutos. Para a mostraxe de praias recolleron arredor de 22 litros de area que se procesarán para extraer os microplásticos. Finalmente, para a recollida de sedimentos e equinodermos, “como onde traballamos existen arrecifes de coral, decidiuse recollelos mediante inmersións”.

Paralelamente ás actividades científicas, Race for Water organizou un workshop no que participaron xunto cos científicos de Ephemare, representantes de varias institucións como o Curator for Natural History Museum at the Bermuda Aquarium, Museum & Zoo, o Bermuda Marine Debris Taskforce e organizacións sen ánimo de lucro como Keep Bermuda Beautiful e Bermuda Marine Debris Taskforce (BMDT). Tras o paso por Bermudas, o proxecto Race for Water continuará co seu labor de investigación, prevención e divulgación percorrendo as augas de todo o planeta ata abril de 2021. A seguinte parada será o Pacífico norte e Asia, coa vista posta en que esta misión científica e ecolóxica teña un presenza especial nos Xogos Olímpicos de Tokio en 2020, de igual xeito que fixeron na Copa América de vela, que neste 2017 tivo lugar nas Bermudas.

O barco, un laboratorio flotante enerxeticamente limpo

O barco da expedición Race for Water é un trimarán de 35 metros de eslora, 23 de manga e 6.3 de alto, que mantén unha velocidade media de 5 nós e acada ata un máximo de 9. Emprega enerxías limpas combinando a solar captada por unha superficie de paneis solares de 500 m2, hidróxeno e vento. En navegación a enerxía que se produce polos paneis solares emprégase para a propulsión e para almacenar a non utilizada para a noite, para o que dispón de catro baterías de litio que liberan 754 KWh. No caso de que a produción sexa maior que a necesaria, por exemplo estando atracados, a que non se emprega úsase para producir hidróxeno por electrólise de auga de mar e almacenala en botellas de hidróxeno, que se emprega para producir enerxía eléctrica para a propulsión ou para reencher as baterías. Ademais, en condicións favorables desprégase unha cometa de 20 m2 que lle permite alcanzar unha velocidade de ata 10 nós. Este tipo de propulsión permite unha navegación silenciosa e non produce emisións ao medio que poidan interferir cos traballos científicos que se realicen, labores para as que contan cun laboratorio húmido e outro seco.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós