DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 04 de xullo do 2017

O reitor presidiu este martes o último Consello de Campus de 2016/2017

O curso remata co primeiro plan de actuación do Campus da Auga executado case ao 100%

A aprobación definitiva do programa de doutoramento está entre os seus fitos


ImageEste martes celebrouse a última reunión do Consello de Campus de Ourense do curso 2016/2017 e nela, entre outros puntos, fíxose balance do estado de execución do proxecto de especialización Campus da Auga. “Xa executamos case o 100% do primeiro plan de actuación, polo tanto o balance é moi claro e moi positivo. Temos todos os produtos en marcha, desde o programa de doutoramento ata a construción do novo edificio”, destacou ao remate da xuntanza Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. Estes bos resultados, recalcou, están en sintonía coa evolución que está tendo o campus, salientando como “Ourense está amosándose como un campus de gran fortaleza”.

Rosa Tedín | Ourense
Este martes celebrouse a última reunión do Consello de Campus de Ourense do curso 2016/2017 e nela, entre outros puntos, fíxose balance do estado de execución do proxecto de especialización Campus da Auga. “Xa executamos case o 100% do seu primeiro plan de actuación, polo tanto o balance é moi claro e moi positivo. Temos todos os produtos en marcha, desde o programa de doutoramento ata a construción do novo edificio”, destacou ao remate da xuntanza Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. Estes bos resultados, recalcou, están en sintonía coa evolución que está tendo o campus, salientando como “Ourense está amosándose como un campus de gran fortaleza, consolidación e futuro”.

Doutoramento e novo edificio

A presentación dos detalles do estado de execución do proxecto do Campus da Auga estivo a cargo de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense e Comisionado do Campus da Auga. Durante a súa intervención, explicou como o Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento xa ten completado positivamente toda a súa tramitación coa consecución da aprobación por parte da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación Aneca. Tras superar este paso, o programa arrancará no curso 2017/2018 ofertando 25 prazas e contando cun panel de arredor de 120 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, do Instituto Politécnico de Porto e da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Esta proposta de de especialización académica e de internacionalización, lembran os seus responsables, concíbense como un programa capaz de ofrecer unha formación avanzada e de elevada calidade en temáticas propias do Campus da Auga, contando coa colaboración multidisciplinar de todas as escolas e facultades do campus de Ourense.

Sobre as obras do novo edificio do Campus da Auga, o vicerreitor salientou que se agarda que rematen en novembro de 2017, tal e como estaba previsto. Unha vez finalizadas a previsión é que a parte administrativa estea operativa no primeiro trimestre de 2018 e que ao longo dese ano se vaia realizando a dotación dos laboratorios. “O obxectivo é que, se todo vai como está previsto, o edificio estea a pleno rendemento no curso 2018/2019”, afirmou Virxilio Rodríguez. Outros dos temas abordados sobre o proxecto de especialización Campus da Auga foron a convocatoria do II Symposium de Termalismo e Calidade de Vida, previsto para os días 20 e 21 de setembro de 2017, e dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica Campus da Auga, cuxo prazo de presentación remata o 31 de xullo.

“Temos rematado e operativo todo o marcado no primeiro plan. O gran reto agora é xa abordar a elaboración do segundo plan de actuación do Campus da Auga en outono”, explicou Salustiano Mato trala reunión. Este segundo plan, apuntou, está previsto que se basee nun contrato programa coa Xunta de Galicia no marco da especialización dos campus do sistema universitario galego. A consecución dos obxectivos e produtos previstos no primeiro plan, recalcou o reitor da Universidade de Vigo, “permitirán que poidamos deseñar un segundo plan para o Campus da Auga aínda máis ambicioso”.

Un balance de curso moi positivo

O Consello de Campus contou tamén cun informe do reitor sobre temas xerais da Universidade e informes dos traballos realizados polas comisións de Cultura e Deporte e Campus da Auga ConVida. Trala celebración da reunión, o reitor salientou, por tratarse do último Consello de Campus deste curso académico 2016/2017, como, alén do fito acadado coa execución do Campus da Auga, “o balance deste curso no campus de Ourense é no seu conxunto moi positivo”, lembrando como se acadaron cifras de matrícula de arredor do 96% e como a nova Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o seu Grao en Enxeñaría Aeroespacial “arrancaron con moito éxito”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós