DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 05 de xullo do 2017

As persoas beneficiarias terán de balde a matrícula e axudas para gastos de viaxe e aloxamento

As Bolsas Ourense Exterior financiarán estudos de mestrado a cinco estudantes estranxeiros

O prazo de solicitude está aberto ata o día 12 de xullo


ImageNo marco das actuacións para o fomento da internacionalización do campus de Ourense, cada ano véñense convocando as Bolsas Ourense Exterior, financiadas pola Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense. O seu obxectivo é facilitar a mobilidade de cidadáns residentes no estranxeiro que queiran cursar estudos de primeiro curso de mestrado nos centros e escolas deste campus. As persoas beneficiarias terán de balde a matrícula e axudas para gastos de viaxe e aloxamento. O prazo para solicitar algunha das cinco bolsas que se outorgarán para o curso 2017/2018 xa está aberto.

Rosa Tedín | Ourense
No marco das actuacións para o fomento da internacionalización do campus de Ourense, cada ano véñense convocando as Bolsas Ourense Exterior, financiadas pola Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense. O seu obxectivo é facilitar a mobilidade de cidadáns residentes no estranxeiro que queiran cursar estudos de primeiro curso de mestrado nos centros e escolas deste campus. As persoas beneficiarias terán de balde a matrícula e axudas para gastos de viaxe e aloxamento. O prazo para solicitar algunha das cinco bolsas que se outorgarán para o curso 2017/2018 xa está aberto.

A convocatoria das bolsas foi presentada este mércores por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense. O vicerreitor destacou como se trata “dunhas bolsas moi atractivas para os estudantes pola cantidade económica, polo período que abranguen e pola oferta de mestrados tan ampla á que dan acceso”. Deste xeito, Virxilio Rodríguez recalcou como no campus de Ourense se poden cursar estudos de mestrados de todas as áreas de coñecemento, desde as humanidades ás enxeñarías. Pola súa banda, Rosendo Fernández lembrou como desde a súa posta en marcha en 2010 estas bolsas teñen beneficiado a 48 estudantes, moitos deles de segunda ou terceira xeración de emigrantes galegos. Con elas, recalcou o vicepresidente provincial, “estamos tendendo pontes cara o exterior” e “fomentando a internacionalización do noso campus”.

Requisitos e contías

As Bolsas Ourense Exterior están destinadas concretamente a residentes no estranxeiro que se matriculen no curso 2017/2018 en primeiro curso dos estudos conducentes a estudos oficiais de mestrado impartidos no campus de Ourense. Ademais, deben ter máis de 18 anos; estar en posesión dos requisitos académicos necesarios para acceder á titulación que se pretende cursar; formalizar a matrícula e pagar as taxas administrativas da matrícula e cumprir todos os requisitos específicos establecidos pola Universidade de Vigo para os programas de mestrado, entre outros aspectos. Esta bolsa é incompatible con calquera bolsa ou axuda para cursar os estudos de mestrado oficial. A súa contía abrangue unha axuda de gastos de viaxe de ata 600 euros, unha axuda de gastos de aloxamento de ata 2500 euros e a matrícula, eximindo de pagar os prezos públicos por servizos académicos correspondentes ao curso 2017/2018. O investimento total en cada beneficiario estímase nunha media de 4400 euros.

O proceso de selección das persoas beneficiarias levarao a cabo unha comisión. Esta comisión valorará as candidaturas tomando como base a media do expediente académico que dá acceso aos estudos de mestrado; o feito de ser emigrantes ou descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois; a memoria sobre a motivación de estudar no campus de Ourense e a aplicación futura dos coñecementos que adquirirá. Tamén se terá en conta a acreditación do coñecemento da lingua galega e no caso de que non se acredite o solicitante deberá presentar por escrito o seu compromiso de asistir a un curso de formación en lingua galega de, como mínimo, 15 horas entre os ofertados ao longo do curso académico por parte da Area de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, sendo a matrícula nel de balde.

O prazo para solicitar estas bolsas está aberto ata o día 12 de xullo de 2017. Unha vez cuberto o impreso de solicitude, o documento presentarase xunto coa documentación necesaria no rexistro xeral ou rexistros auxiliares da Universidade de Vigo ou por calquera outro medio previsto na convocatoria.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós