DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 06 de xullo do 2017

As eleccións celebraranse o vindeiro luns 10 de xullo

Juan Picos, único candidato para dirixir a Escola de Enxeñaría Forestal

Se acada o apoio necesario, relevará ao actual director, Enrique Valero, co que era secretario do centro


ImageO ata agora secretario da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, é o único candidato nas eleccións que se celebrarán o vindeiro luns 10 de xullo para elixir á persoa que deberá dirixir o centro durante os próximos tres anos. Xunto con el, conforman a candidatura a actual subdirectora Ángeles Cancela e José Manuel Casas, como secretario cargo que tamén desempeñou en anteriores ocasións. De cara ao futuro, o docente recoñece que o centro e o título “deberán seguir afrontando retos continuos nunha contorna non sempre favorable” pero amosa o seu compromiso para “traballar no que faga falta para superalos” contando coa colaboración de toda a comunidade da EE Forestal.

Duvi | Pontevedra
O ata agora secretario da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, é o único candidato nas eleccións que se celebrarán o vindeiro luns 10 de xullo para elixir á persoa que deberá dirixir o centro durante os próximos tres anos. Xunto con el, conforman a candidatura a actual subdirectora Ángeles Cancela e José Manuel Casas, como secretario cargo que tamén desempeñou en anteriores ocasións.

Tras a proclamación definitiva de candidatos este xoves, confírmase que Juan Picos é o único que aspira a dirixir o centro pontevedrés. O luns celebrarase a Xunta de Escola na que se coñecerá se o profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente acada o número suficiente de votos para poñerse á fronte da escola. Picos relevaría a Enrique Valero, que dirixe o centro dende hai seis anos, en dúas lexislaturas consecutivas. Dende maio exercía en funcións á espera de renovar a Xunta de Escola e poder convocar o proceso electoral.

Sobre a candidatura, explica Picos que “as liñas mestras do noso traballo basearanse en cumprir os compromisos dos documentos estratéxicos que a Xunta de Centro foi aprobando nestes últimos tempos, como os Plans de Calidade, Plans de Melloras dos procesos de Verificación, Plan de Viabilidade, Proposta de Memoria de Verificación, etc. ademais das que emanen das iniciativas que a nivel do campus de Pontevedra se leven a cabo e nas que procuraremos ter unha participación activa”. De cara ao futuro, o docente recoñece que o centro e o título “deberán seguir afrontando retos continuos nunha contorna non sempre favorable” pero amosa o seu compromiso para “traballar no que faga falta para superalos” contando coa colaboración de toda a comunidade da EE Forestal.

Membro dun grupo de traballo da UE sobre os efectos do cambio climático no sector forestal

Picos ademais acaba de regresar de Eslovenia onde participou na primeira xuntanza do grupo de traballo da UE sobre os efectos do cambio climático no sector forestal, para o que foi seleccionado pola Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, xunto con outros 20 expertos e expertas de 13 países. A finalidade deste equipo é analizar os efectos que o cambio climático pode ter nos ecosistemas forestais e os posibles xeitos de combatelos, así como estudar as vías nas que este sector pode contribuír á loita contra o quentamento global son os dous eixos centrais do debate que un grupo. Este grupo traballará ao longo dun ano co propósito de definir un documento que poida servir como guía en futuras políticas e actuacións.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós