DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 12 de xullo do 2017

As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o martes 18 de xullo

O Programa para Maiores abre a preinscrición para o novo curso

Tras o ciclo intensivo, de tres cursos, pode accerse ao integrado, doutros dous anos


ImageComo cada ano a Universidade de Vigo volverá abrir en outubro as aulas ás persoas de máis de 55 anos co Programa para Maiores, unha iniciativa dirixida á poboación adulta que queira implicarse na vida universitaria a través de actividades de formación paralelas ás ensinanzas regradas. O período de preinscrición manterase aberto ata o vindeiro martes 18 de xullo, data límite para a entrega da solicitude e da documentación requirida nalgún dos rexistros da Universidade. O programa ofrece 50 prazas en cada un dos tres campus para persoas maiores de 55 anos.

Duvi | Vigo
Como cada ano a Universidade de Vigo volverá abrir en outubro as aulas ás persoas de máis de 55 anos co Programa para Maiores, unha iniciativa dirixida á poboación adulta que queira implicarse na vida universitaria a través de actividades de formación paralelas ás ensinanzas regradas. O período de preinscrición manterase aberto ata o vindeiro martes 18 de xullo, data límite para a entrega da solicitude e da documentación requirida nalgún dos rexistros da Universidade.

O programa ofrece 50 prazas en cada un dos tres campus para persoas maiores de 55 e, no caso de que non se cubran todas, poderán acceder a elas as e os interesados de entre 50 e 55 anos.

Tres anos de ciclo intensivo...

No ciclo intensivo pode participar calquera persoa maior de 55 anos, teña ou non unha titulación previa, interesada en adquirir o título de ‘universitario sénior’ e que dispoña do tempo suficiente para estudar e realizar as actividades académicas. O programa, que se estende ao longo de tres cursos académicos, está deseñado para a mellora da calidade de vida, polo que achega un espazo adecuado para intercambiar coñecementos e experiencias tanto científicas como culturais, ao tempo que axuda a levar un estilo de vida activo e saudable.

As persoas admitidas na listaxe publicada trala preinscrición deberán formalizar a matrícula entre o 11 e o 15 de setembro entregando os impresos necesarios que están dispoñibles na páxina web da Universidade. Unha vez reunida toda a documentación, esta deberá entregarse no campus de Vigo, en Extensión Universitaria; no campus de Ourense, na Área de Servizos á Comunidade do Edificio Administrativo; ou no campus de Pontevedra, na Secretaría do Alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal.

... e dous de integrado

O ciclo integrado, de dous cursos de duración, permite cursar materias de titulacións oficiais da Universidade de Vigo, co resto do alumnado matriculado, o que beneficia a xeración de relacións interxeneracionais. Neste caso as matriculadas ou matriculados deben ter 50 ou máis anos de idade e, ademais, teñen que posuír a titulación universitario/a superior sénior ou outra titulación oficial universitaria. Neste caso non é preciso preinscrición previa, pero si formalizar a matrícula entre o 3 e o 22 de agosto, para o que deberán presentar os documentos precisos en calquera dos lugares mencionados previamente.

A diferenza principal co ciclo intensivo é que o alumnado mestúrase nas aulas cos estudantes de titulacións oficiais en igualdade de circunstancias, excepto que non teñen a obriga de presentarse as avaliacións ordinarias do grao. Así mesmo, nestes estudos cabe a posibilidade de elixir entre un catálogo de materias divididas nos seguintes ámbitos: humanidades, ciencias, enxeñarías ou ciencias xurídico-sociais.

Para consultar todos os detalles e obter os formularios de solicitude, poden acceder á web do programa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós