DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 06 de xullo do 2017

Segundo conclúe un libro de Luis Espada e Víctor M. Martínez, publicado polo Consello Social

Muller galega do ámbito xurídico-social, perfil maioritario das preto de 71.500 persoas tituladas pola Universidade entre 1990 e 2015

Preto do 97% dos titulados residía en Galicia e máis do 30% no municipio de Vigo


Image A Universidade de Vigo titulou durante o seu primeiro cuarto de século de existencia (1990-2015) un total de 71.487 persoas e emitiu 82.330 títulos, ao completar máis de 9700 persoas varias titulacións. Así se reflicte no libro 71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica, elaborado polo catedrático emérito Luis Espada e o analista de datos o Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Martínez. O volume, publicado polo Consello Social, foi presentado este mediodía polos autores, nun acto no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, incidiron na importancia de contar cun traballo que achega un radiografía precisa do que é a institución, ao tempo que fortalece a relación coas súas egresadas e egresados.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A Universidade de Vigo titulou durante o seu primeiro cuarto de século de existencia (1990-2015) un total de 71.487 persoas e emitiu 82.330 títulos, ao completar máis de 9700 persoas varias titulacións. Así se reflicte no libro 71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica, elaborado polo catedrático emérito Luis Espada e o analista de datos o Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo, Víctor Manuel Martínez. O volume, publicado polo Consello Social, foi presentado este mediodía polos autores, nun acto no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, incidiron na importancia de contar cun traballo que achega un radiografía precisa do que é a institución, ao tempo que fortalece a relación coas súas egresadas e egresados.

O estudo, que abrangue desde o inicio da Universidade de Vigo no curso 1989-1990 ata o 2014-2015, e que inclúe unha ampla análise por ámbitos académicos, ciclos de estudo e xéneros, así como a evolución e ciclo de vida da oferta académica, ademais de afondar na procedencia das persoas egresadas, confirma que a maioría das persoas tituladas durante os 25 primeiros anos de existencia da institución académica son mulleres, un 61, 7% fronte ao 38,3% de homes e que a maior parte dos títulos emitidos nese período (diplomaturas, licenciaturas, enxeñarías superiores e técnicas, graos, títulos propios e mestrados) corresponden ao ámbito xurídico social (52,6%) , seguido polo tecnolóxico (22,8%) , arte e humanidades (8,2%), ciencias da saúde (7,2%) e científico (6,4%). O volume, presentado hoxe, completarase nuns meses coa publicación doutro estudo centrado na situación académica e profesional das e dos titulados pola institución, que segundo avanzou Espada se atopan distribuídos por 68 países dos cinco continentes, exercendo profesións relacionadas co ámbito dos seus estudos.

O perfil maioritario: muller, galega e do ámbito xurídico-social

No período de estudo que abrangue o libro, o número de persoas tituladas por quinquenios experimentou unha tendencia xeral crecente, pasando das máis de 7500 no 1989/90-1994/95 ás máis de 17.500 de 2010/11-2014/15. A análise, ademais de salientar que do total de 71.487 persoas tituladas máis do 61% son mulleres, revela que por ámbitos académicos elas son maioría en todas as ramas do coñecemento, excepto a tecnolóxica, onde os homes representan o 71%. O predominio feminino queda patente nos ámbitos das ciencias da saúde (84%), arte e humanidades (76%), xurídico-social ((69%) e científico (66%).

Outra das conclusión do libro é que só o 0,6% do alumnado que finalizou os seus estudos na Universidade de Vigo procede de países estranxeiros. O 99,4% restante tiña a súa residencia en territorios do Estado español, procedendo de Galicia case o 97% e, en concreto das provincias de Ourense e Pontevedra, o 83,2%. Por municipios, un 50% das persoas tituladas proceden dos de Vigo (30,6%), Ourense (12%) e Pontevedra (6,2%). “Esta endogamia en relación coas nosas egresadas e egresados non debe entenderse como algo negativo, senón como que cumprimos a nosa misión como universidade pública do sur de Galicia, atendendo a demanda social existente para que quen queira poida estudar sen barreiras”, asegurou Mato, que tamén explicou que a presenza de máis alumnado estranxeiro nos graos que se imparten na Universidade está limitada ao acadar os títulos que se están a impartir nos tres campus unha ocupación do 96%. “Non podemos ter máis estranxeiros dos que temos”, sinalou o reitor, que lembrou, non obstante, o elevado número de estudantes foráneos que veñen cada curso á Universidade de Vigo a través dos programas de mobilidade.

As principais titulacións completadas polo alumnado galego foron a Diplomatura en Ciencias Empresariais, a Diplomatura en Enfermaría, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación, mentres que no caso do alumnado procedente de fóra de Galicia destacan o estudos de Enxeñaría de Telecomunicación, Ciencias do Mar, Enxeñaría Industrial e Belas Artes.

253 títulos impartidos nun cuarto de século

Nos seus primeiros 25 anos de vida na Universidade de Vigo produciuse un espectacular incremento no número de títulos emitidos, pasándose dos nove do curso 1989/90, que se elevan ata 8000 do quinquenio 1989/90-1994/95, ata chegar aos máis de 20.800 do curso 2010/11-2014/15. Cómpre lembrar que no primeiro quinquenio ao que fai referencia o estudo, a oferta da Universidade de Vigo comprendía dúas licenciaturas completas, dúas enxeñarías superiores, catro diplomaturas, unha enxeñaría técnica industrial, así como primeiro curso dunha licenciatura e os primeiros ciclos de sete licenciaturas. Xa no derradeiro quinquenio de análise, 2010/11-2014/15, completouse o proceso de adaptación da oferta académica ao Espazo Europeo de Educación Superior coa incorporación de 70 novas titulacións, que se sumaron ás xa existentes. “Chama a atención o feito de que en 25 anos de existencia se impartisen na Universidade 253 títulos. Nunca na historia da universidade houbo cambios tan profundos”, aseguraron Espada e Martínez.

En canto á duración dos títulos emitidos, a diplomatura é a tipoloxía maioritaria entre os anos 1990 ao 2015 cun 35,4% , seguida polas licenciaturas (26,9%), mestrados (10,4%), enxeñarías técnicas (9,8%), enxeñarías superiores (9%) e graos (7,1%) . Non obstante, mentres os estudos de diplomatura foron diminuíndo de xeito progresivo, os títulos emitidos nas enxeñarías superiores foi en aumento e os graos pasaron de ser o 2,5% no curso 2009-2010 ao 53% no 2014-2015. As titulacións de ciclo curto (diplomaturas e enxeñarías técnicas), que acadan o 45% dos títulos emitidos, maioritarias foron Maxisterio (14%), Ciencias Empresariais (8%), Enxeñería Técnica Industrial (6%) e Enfermaría (5%). Pola súa banda, no ciclo longo destacan a Licenciatura en Administración e Dirección de Empresa (5%), Enxeñaría Industrial ((4%) e Enxeñaría de Telecomunicación (3%).

Achegamento ás e aos egresados

Coa publicación deste volume e co que verá a luz en próximos meses, ponse definitivamente en marcha o Observatorio de Egresados da Universidade de Vigo, un instrumento determinante para restablecer, nuns casos, e reforzar noutros, as relacións coas tituladas titulados. “Queremos que saiban de nós. Estimular a comunicación con eles, invitalos a eventos, que sexan os nosos embaixadores… Temos obsesión porque se nos vexa próximos e ser un axente de desenvolvemento local e este é un elemento fundamental para mesturarnos coa sociedade”, explicou Mato sobre a tipo de relación que a Universidade quere manter coas súas tituladas e titulados. Pola súa banda, Luis Espada explicou que as e os egresados demandan, ademais de información periódica da Universidade, “interrelacionarse con persoas do seu mesmo ámbito de coñecemento”, mentres que Víctor Martínez, destacou a complexidade que entrañou contactar con máis de 70.000 tituladas e tituladas, dos que unicamente non foi posible recibir resposta duns 3000.

Sobre a presenza da Universidade no ránking de Shanghai por materias

Na presentación do libro, o reitor fixo referencia á presenza da Universidade de Vigo no ránking de Shanghai por materias, no que a institución académica viguesa destaca nos campos de tecnoloxía dos alimentos, enxeñaría química e da ciencia dos materiais, química, enxeñaría electrónica e ciencias agrícolas. “Estamos ben nunhas áreas e queremos mellorar noutras”, asegurou o reitor, que destacou o mérito engadido que supón para a Universidade non impartir todas as carreiras dos campos nos que destaca, “somos mellores que algunha politécnicas sen selo. Isto ten moito que ver con noso modelo e o xeito de entender a universidade desde a igualdade, a relación mérito/capacidade… Pero hai moito que traballar e mellorar”, asegurou Mato.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós