DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 06 de xullo do 2017

Susana Peleteiro desenvolveu un proxecto Inou sobre a súa valorización e aproveitamento

A palla de trigo, posible fonte de compostos de alto valor engadido

Durante a investigación acadou furanos a través de tratamentos pouco contaminantes


ImageAproveitar e valorizar un residuo agrícola abundante en Ourense e Galicia como é a palla de trigo a través da produción de compostos de alto valor engadido e empregando tratamentos pouco contaminantes e que xeren poucos residuos, como a auga. Con este dobre obxectivo, a investigadora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Susana Peleteiro desenvolveu un proxecto de investigación, enmarcado no Campus da Auga, no que acadou a partir destes residuos furanos (5-hidroximetilfurfural e furfural), compostos con alto valor engadido.

Rosa Tedín | Ourense
Aproveitar e valorizar un residuo agrícola abundante en Ourense e Galicia como é a palla de trigo a través da produción de compostos de alto valor engadido e empregando tratamentos pouco contaminantes e que xeren poucos residuos, como a auga. Con este dobre obxectivo, a investigadora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Susana Peleteiro desenvolveu un proxecto de investigación, enmarcado no Campus da Auga, no que acadou a partir destes residuos furanos (5-hidroximetilfurfural e furfural), compostos con alto valor engadido.

O proxecto, titulado Aproveitamento e valorización da palla de trigo mediante procesos verdes no emprego de auga e líquido iónico, estivo financiado pola convocatoria da Vicerreitoría do Campus de Ourense Inou 2016, de axudas a grupos de investigación con financiamento da Deputación Provincial. O estudo foi desenvolvido no marco do Grupo de Investigación EQ-2 do Departamento Enxeñería Química, formando parte do equipo liderado por Susana Peleteiro Noelia Flórez, Lucía Penín, Paula Rodríguez e Valentín Santos. “O proxecto pretendeu estudar dun xeito innovador a capacidade de obter compostos de alto valor engadido, denominados furanos, a partir dun residuo agrícola abundante en Ourense baseándose no concepto de biorrefinería”, explica a investigadora.

Material rico en celulosa e hemicelulosas

Segundo recolle o estudo, tendo en conta que o actual modelo industrial baseado na utilización de materias primas fósiles non é sostible, “faise necesario desenvolver novas tecnoloxías de produción baseadas en materias primas alternativas, así como acadar un aproveitamento eficiente das mesmas”. Neste contexto, apunta Peleteiro, “é esencial prestar unha atención crecente ás materias primas renovables, entre as que se atopan os materiais lignocelulósicos, empregándoos en procesos industriais baseados no concepto de desenvolvemento sostible, o que implica producir de forma diferente, aumentando a eficacia e a reutilización de materiais”.

Neste contexto, o uso da palla de trigo, sinalan as responsables do estudo, constitúe “unha boa alternativa ao emprego de recursos fósiles”. Trátase, apuntan, dun recurso renovable e abundante en Galicia, manexándose cifras de 83.917 toneladas/ano de produción e 17.162 hectáreas de cultivo. “A valorización deste residuo agrícola pode ter múltiples beneficios. Os residuos de trigo, principalmente palla de trigo, teñen unha composición rica en celulosa e hemicelulosas, e a súa valorización presenta un beneficio ecolóxico (ao eliminar un residuo que xera risco de incendio) e económico (dotándoo dun valor do que carece como tal residuo)”, comenta Susana Peleteiro.

Procedemento ‘verde’

A materia prima empregada para a investigación foi colleitada, secada a temperatura ambiente e moída ata un tamaño de partícula inferior a 1 centímetro. Posteriormente almacenouse en recipientes con aireación nun lugar fresco, seco e escuro para permitir a súa conservación. Durante a realización do proxecto o lote someteuse a análises periódicas para comprobar a súa composición química mediante hidrólise ácida cuantitativa, que permitiu determinar o contido dos distintos polímeros que constitúen o material lignocelulósico. “Os resultados máis relevantes alcanzados mediante tecnoloxías sostibles desde o punto de vista medio ambiental confirman que o aproveitamento fraccionado da palla de trigo para a produción de furanos empregando líquidos iónicos constitúe unha das principais alternativas verdes actualmente en estudo”, recóllese nas conclusións do traballo.

No proxecto empregouse a auga como único reactivo na primeira etapa do proceso (autohidrólise), permitindo un fraccionamento selectivo dos distintos polímeros que compoñen o material estudado (hemicelulosas, celulosa e lignina). Posteriormente, a deshidratación destas fraccións, explica a investigadora, levouse a cabo mediante a acción dun líquido iónico (como unha alternativa 'verde' e nova) en presenza e/ou ausencia dun catalizador. “Nos últimos anos, estes disolventes constitúen un campo de investigación prometedor como consecuencia da súa gran diversidade e versatilidade, abrindo un grande abano de posibilidades sobre as súas aplicacións futuras, sendo unha delas a biorrefinería", sinala Susana Peleteiro.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós